Luis de Góngora y Argote, nado en Córdoba o 11 de xullo de 1561 e finado tamén en Córdoba o 23 de maio de 1627 foi un poeta e dramaturgo español, máximo representante do culteranismo e figura destacada do chamado Século de ouro español.

Traxectoria Realizou os seus primeiros estudos no colexio dos xesuítas da súa cidade natal. O seu tío Francisco de Góngora confírelle os beneficios eclesiásticos da razón catedralicia converténdoo en crego con tan só 14 anos para a continuación envialo a estudar Cánones a Salamanca. Fica matriculado dende 1576 ata 1580, pero non hai constancia de que obtivese título ningún. A súa falta de interese polos estudos combinouse co espertar da súa vocación poética, datándose as súas primeiras composicións nesta época.

De volta en Córdoba pasa a ocupar diferentes postos no Cabido, alternando a poesía coas obrigas derivadas dos mesmos, entre as que salientan as viaxes como comisionado nos cales estableceu relacións con nobres e bispos, entusiasmándose cos ambientes cortesáns e de luxo.

Co obxectivo de sustentar o seu elevado nivel de vida e a súa adición ao xogo empeza a procurar a protección dalgún mecenas, coma o Marqués de Ayamonte ou o Conde de Lemos, con escasos resultados. Finalmente, o Conde de Lerma, a quen loara nuns versos, consegue que o monarca Filipe III nomee a Góngora capelán real no 1617, culminando así as súas arelas de medrar na Corte real. Porén, a perda do favor real por parte do Conde e a posterior suba ao trono de Filipe IV comprometen seriamente a súa situación. O poeta procura entón congraciarse co novo favorito do rei, o Conde-Duque de Olivares, quen o obvia sistematicamente. Enfermo e arruinado, regresa a Córdoba no 1626, onde falecerá ao ano seguinte.

Traxectoria poética Luis de Góngora foi o abandeirado do culteranismo, tamén chamado significativamente "gongorismo". Esta corrente estilística caracterizouse polo seu barroquismo, subordinando o contido das composicións, que adoita ser mínimo, á forma na que se expón, unha forma recargada, ateigada de metáforas, hipérboles, latinismos e de constantes referencias mitolóxicas. Trata de evitar chamar ás cousas polo seu nome, recorrendo a rodeos ou alusións inesperadas. O outro movemento do século foi o conceptismo, que tivo en Francisco de Quevedo ao seu máximo expoñente. De feito, Góngora e el rivalizaron duramente, dedicándose aldraxes mutuas en verso.

Distínguense dúas etapas na evolución do poeta:

Etapa do Príncipe da luz Nesta época os trazos culteranos son moito menores. Compón romances amorosos, poemas relixiosos e outros dedicados ás súas amizades.

Etapa do Príncipe das tebras É a etapa culteranista por excelencia. Acentúa grandemente o seu hermetismo e intensifica os artificios propios do gongorismo. Desta época son as súas composicións máis soadas, Soledades e Fábula de Polifemo e Galatea.

Góngora emprega as formas métricas do momento, tales coma o romance, o soneto, o terceto, a oitava etc.

Góngora e Galiza Por encargo do cabido da catedral de Córdoba, o poeta visitou Galiza no ano 1609 para realizar informes de limpeza de sangue na cidade de PontevedraDámaso Alonso:"Góngora y el Polifemo", Editorial Gredos, Madrid, 1960, p. 435. sobre a familia de Diego Pardo, un aspirante a racioneiro na catedral cordobesa. Durante a súa viaxe dedicou ao país e aos seus habitantes estes insultantes versos cheos de odio antigalego, algo habitual nos escritores españois:Freixeiro Mato (2009) en García Negro, Sobre o racismo lingüístico, Eds. Laiovento Oh, montañas de Galicia, cuya, por decir verdad, espesura es suciedad, cuya maleza es malicia, tal, que ninguno codicia besar estrellas pudiendo, antes os quedáis haciendo desiguales horizontes; al fin, gallegos y montes, nadie dirá que os ofendoLuis de Góngora, Obras completas, ed. de J. e 1. Millé Giménez, Aguilar, Madrid, 1966, p. 339..

Ou tamén en

Pálido sol en cielo encapotado, mozas rollizas de anchos culiseos tetas de vacas, piernas de correos, suelo menos barrido que regado; campo todo de tojos matizado, berzas gigantes, nabos filisteos, gallegos del Cairo, búcaros pigmeos, traje tosco y estilo mal limado; cuestas que llegan a la ardiente esfera, pan de Guinea, techos sahumados, candelas de resina con tericia; papas de mijo en concas de madera, cuevas profundas, ásperos collados, es lo que llaman reino de GaliciaLuis de Góngora, Obras completas, ed. de J. e 1. Millé Giménez, Aguilar, Madrid, 1966, p.540-41..

Porén, parando en Monforte de Lemos de camiño a Pontevedra adicou a Pedro Fernández de Castro y Andrade, conde de Lemos, o soneto encomiástico "Llegué a este Monte fuerte, coronado" cheo de louvanzas coa finalidade de afagar este poderoso aristócrata e mecenas da vida literaria e cultural do Barroco español. Un ano máis tarde o conde foi nomeado vicerrei de Nápoles, mais decidiu non contar con Góngora para formar o seu séquito de literatos, provocando unha amarga reacción no poeta expresada no soneto "El Conde mi señor se fue a Nápoles".

Edicións modernas das súas obras Sonetos completos (1969) Ed. Castalia. Soledades (1980) Ed. Cátedra Romances (1982) Ed. Cátedra Fábula de Polifemo y Galatea (1983) Ed. Cátedra

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Lázaro, F. e Tusón, V. (1988) Literatura española 2º BUP . Ed. Anaya.

Ligazóns externas Páxina do autor na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes

Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Escritores de Andalucía Categoría:Poetas en lingua castelá Categoría:Nados en 1561 Categoría:Finados en 1627 Categoría:Sacerdotes católicos de España Categoría:Poetas de Andalucía Categoría:Dramaturgos do século XVII