O sapoconcho comúnConde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" en Cadernos de Lingua, 13, páx. 84. Real Academia Galega.Sapoconcho común (Emys orbicularis). Consellería de medioambiente. Xunta de Galicia. (Emys orbicularis) é unha tartaruga da familia Emydidae e única representante do xénero Emys, que se atopa no centro e sur de Europa, Asia Occidental e a zona mediterránea de África. Vive preto ou en cursos de auga cuxa corrente sexa lenta e inverna durante máis de sete meses ao ano no fondo da auga. É unha tartaruga de tamaño medio e varía segundo as zonas entre 12 e 38 cm de lonxitude. A súa coiraza é marrón con zonas verdosas e algunha mancha amarelada.

Hai entre 5000 e 8000 anos, cando o clima europeo era máis cálido, esta tartaruga podíase atopar máis ao norte acadando a actual zona do sur de Suecia.

Subespecies As seguintes 14 subespecies recoñécense como válidas:

Emys orbicularis capolongoi Fritz, 1995 – Sapoconcho común sardo Emys orbicularis colchica Fritz, 1994 – Sapoconcho común de Colchis Emys orbicularis eiselti Fritz, Baran, Budak & Amthauer, 1998 – Sapoconcho común de Eiselt Emys orbicularis fritzjuergenobstii Fritz, 1993 – Sapoconcho común de Obst Emys orbicularis galloitalica Fritz, 1995 – Sapoconcho común italiano Emys orbicularis hellenica (Valenciennes, 1832) – Sapoconcho común de Turquía Occidental Emys orbicularis hispanica Fritz, Keller & Budde, 1996 – Sapoconcho común español Emys orbicularis iberica Eichwald, 1831 – Sapoconcho común do Val do Kura Emys orbicularis ingauna Jesu, Piombo, Salvidio, Lamagni, Ortale & Genta, 2004 - Sapoconcho común de Liguria Emys orbicularis lanzai Fritz, 1995 – Sapoconcho común corso Emys orbicularis luteofusca Fritz, 1989 – Sapoconcho común da Turquía Central Emys orbicularis occidentalis Fritz, 1993 – Sapoconcho común norafricano Emys orbicularis orbicularis (Linnaeus, 1758) – Sapoconcho común común Emys orbicularis persica Eichwald, 1831 – Sapoconcho común do leste

Etimoloxía das subespecies: O nome de colchica fai referencia a unha área da costa leste do Mar Negro - Colchis - que hoxe comprende Abkhazia, Xeorxia e o que en tempos conformou Trebisonda, hoxe parte do noroeste de Turquía.

O nome de eiselti é unha homenaxe ao herpetólogo vienés Josef Eiselt (1912-2001).

O nome de fritzjuergenobsti é unha homenaxe ao herpetólogo alemán Fritz Jürgen Obst (1939-2018).

O nome de lanzai é unha homenaxe ao herpetólogo italiano Benedetto Lanza.

Bioloxía

Mortofoxía O sapoconcho común é unha tartaruga de tamaño medio cuxa coiraza varía moito en lonxitude recta en toda a súa área xeográfica, desde 12 a 38 cm. A coiraza é de cor marrón escura a denegrida, cun toque de verde. A cabeza e as patas teñen manchas amareladas. O plastrón é amarelento.

Un factor importante que afecta ao desenvolvemento de E. orbicularis é a temperatura e as condicións térmicas. Tense observado que existen taxas de crecemento diferencial na mesma especie, incluíndo variacións no tamaño corporal e no tamaño das postas, debido ás diferentes temperaturas en certas zonas. Debido a padróns evidentes de dimorfismo sexual, os machos adultos de E. orbicularis sempre son máis pequenos que as femias. Nos machos, os plastróns máis pequenos outórganlles maior mobilidade en comparación coas femias. Nas femias, debido á súa dieta e hábitos de alimentación diferenciais, pode haber unha correlación cun efecto adaptativo na morfoloxía do cranio e a cabeza.

Dieta E. orbicularis aliméntase dunha dieta mista de plantas e materia animal, o que pode aumentar a eficiencia do seu proceso dixestivo. Tense observado que a dieta dun adulto comeza cunha dieta carnívora e evoluciona cara a unha dieta máis herbívora ao envellecer e aumentar de tamaño. Isto é similar a outras tartarugas emídidas omnívoras. Á medida que E. orbicularis medra e se converte en adulta, a cantidade de consumo de materia vexetal aumenta durante o período posterior á reprodución. E. orbicularis pode preferir alimentos menos enerxéticos despois da tempada de reprodución, un período no que a maioría da súa enerxía se emprega en recuperarse da reprodución.

Niñada A maioría das tartarugas de auga doce poñen os seus ovos en terra, xeralmente preto dunha fonte de auga, mais tense atopado algunhas especies de Emys poñendo ovos a máis de 150 metros da auga. A busca de zonas de niñada por parte das femias adultas pode durar desde varias horas até varios días. Unha vez atopado un lugar adecuado, as femias toman o seu tempo para construíren o niño, escavando con coidado un pequeno burato no substrato brando usando exclusivamente as súas pequenas extremidades anteriores. Unha vez satisfeitas coa profundidade do niño, xiran (quedando de costas ao niño) e comezan a poñer os ovos, depositándoo con coidado no burato, formando unha pequena pila. Este proceso varía en duración: a posta pode durar desde media hora até varias horas, dependendo do tempo, da interferencia de outros animais, humanos, etc. Cando a posta remata (e aínda de costas ao niño), a tartaruga femia usa as súas extremidades traseiras para cubrir e pechar o niño. Este é outro proceso variable que pode durar até catro horas máis.

A fidelidade ao niño é unha característica única das femias de tartaruga europea de lagoa: elixen un lugar de niñada en función das súas características ecolóxicas e despois volven alí para futuras postas, sempre que o lugar non teña cambiado. As femias de E. orbicularis tenden a buscar un lugar de niñada novo se hai cambios visibles no contorno do niño orixinal, ou por cambios na dieta e no metabolismo. Se unha femia de E. orbicularis ten que cambiar de niño, xeralmente elixe un lugar relativamente preto. Ademais, as femias tamén poden poñer ovos nun niño abandonado se as condicións son mellores e se consideran máis adecuadas para a supervivencia dos ovos.

Se as condicións ecolóxicas dun lugar de niñada cambian, isto pode influír no desenvolvemento dos ovos, na supervivencia das crías e/ou na proporción de sexos. Por cambios ecolóxicos imprevistos, como o crecemento de vexetación densa nunha tempada (e bloquear o sol ao niño), un lugar de niñada pode volverse inadecuado para a incubación dos ovos. As femias que non mostran fidelidade ao niño e seguen poñendo na mesma zona durante longos períodos de tempo —incluso con cambios ecolóxicos— poden acabar producindo máis crías masculinas, xa que as condicións máis frías e escuras favorecen o desenvolvemento de máis machos. Dado que o sexo destas tartarugas depende da temperatura, un cambio de temperatura pode producir un maior número de machos ou femias, o que pode desequilibrar a proporción de sexos.

Mortandade O clima ten un efecto na supervivencia das crías de E. orbicularis. As crías só poden sobrevivir en condicións climáticas favorables, pero, grazas ao tamaño regular das postas anuais e á súa longa esperanza de vida, os adultos de E. orbicularis, xunto con moitas outras tartarugas de auga doce, compensan a perda de crías debido ao clima.

A especie E. orbicularis tense tornado rara na maioría dos países, aínda que está amplamente distribuída en Europa. A construción de estradas e a circulación de vehículos a través de hábitats naturais son factores que ameazan as poboacións de tartaruga europea de lagoa. As redes viarias e o tráfico adoitan ter efectos ecolóxicos complexos nas poboacións animais, como a fragmentación de hábitats naturais e a creación de barreiras para o movemento dos animais. A mortalidade nas estradas probabelmente debeuse a que as femias elixen faceren os niños preto de estradas, o que tamén supón un perigo potencial para as crías. As crías que se aventuran demasiado preto das estradas teñen máis probabilidades de seren atropeladas, poñendo en perigo a poboación futura. Aínda que a posibilidade de que as estradas sexan unha causa principal de mortalidade para E. orbicularis é un fenómeno raro, é necesario un seguimento a longo prazo.

As especies exóticas introducidas, como Trachemys scripta scripta e T. s. elegans (coñecidas comunmente como tartarugas de Florida), tamén poñen en perigo as especies nativas de Emys en moitas partes de España (e posibelmente noutros lugares do sur de Europa), xa que estas tartarugas exóticas son máis grandes e pesadas que as tartarugas de lagoa nativas. A esperanza de vida habitual de E. orbicularis é de 40 a 60 anos e, aínda que pode vivir máis de 100 anos, esta lonxevidade, así e todo, é rara.

As crías e os ovos son presas de diversos animais, como garzas, mapaches, osos (Ursus), serpes rei (Lampropeltis), caranguexos fantasma, caranguexos ermitáns, cans domésticos, gaivotas (Laridae), aligátores (Alligatoridae), crocodilos (Crocodylidae), raposos (Canidae), ratas (Rattus), gatos (Felis) e corvos mariños. As tartarugas novas tamén corren o risco de seren presas de especies de peixes depredadores.Os sapoconchos adultos poden ser atacados por cans bravos, coiotes, aves carnívoras e humanos.

Parasitos Esta especie pode albergar diversas especies de parasitos, incluídos Haemogregarina stepanovi, monoxéneos do xénero Polystomoides, trematodos vasculares do xénero Spirhapalum e varias especies de nematodos.

Impacto humano Historicamente, E. orbicularis mantíñase como mascota; con todo, esta práctica foi restrinxida debido a leis de protección. A posesión de exemplares capturados na natureza está prohibida. Só se permite a posesión de exemplares criados en cativeiro e rexistrados por parte de particulares. Debido ao impacto humano, o sapoconcho foi relegado a zonas afastadas do seu lugar de orixe. No entanto, é posible localizar e indicar a rexión de orixe mediante probas xenéticas.

Notas

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Catálogo galego de especies ameazadas Lista de réptiles de Galicia Sapoconcho riscado

Ligazóns externas Emys orbicularis ARKive - Images and movies of the European pond turtle (Emys orbicularis)

Categoría:Criptódiros Categoría:Réptiles de Galicia Categoría:Animais descritos en 1758 Categoría:Taxons descritos por Linné