Zheng He (chinés tradicional: 鄭和, chinés simplificado: 郑和 , Hanyu Pinyin: Zhèng Hé, Wade-Giles: Cheng Ho) tamén coñecido coma Ma Sambao, nado en 1371 e finado en 1435, foi un famoso militar, diplomático, mariñeiro, explorador chinés que realizou unhas viaxes colectivamente chamadas O eunuco Sanbao ao océano occidental (三保太監下西洋) ou Zheng He ao océano occidental, de 1405 a 1433.

Durante as súas expedicións, que todas comezaron en Nanjing, Zheng He explorou o Sueste asiático, Indonesia, Ceilán, a India, o golfo Pérsico, a península arábiga, o leste de África até a canle de Mozambique e América.

O número das súas viaxes varía dependendo do método de división, pero xeralmente considérase que navegou e explorou sete veces "o océano occidental". As súas escuadras resultan impresionantes se se comparan coas súas contemporáneas europeas: ao redor de 30.000 homes e un número variable de naves, entre cincuenta e trescentas.

As súas viaxes produciron un importante intercambio diplomático, comercial e cultural co estranxeiro. A pesar de contribuír a demostrar a capacidade organizativa e poder tecnolóxico chineses, non produciron anexións territoriais debido á falta de tradición de colonialismo e imperialismo na China.

Trala súa morte, os confucionistas impuxeron de novo a súa visión do mundo, polo que nos séculos seguintes impulsouse o isolacionismo. No entanto Zheng He deixou unha profunda pegada na sociedade chinesa e, en xeral, en todo o sueste asiático.

Traxectoria Zheng He foi un eunuco musulmán do pobo hui que serviu como confidente do emperador da China Yongle (gobernante de 1403 a 1424), o terceiro emperador da dinastía Ming. Chamado orixinalmente Ma Sanbao (馬 三保), procedía da provincia de Yunnan. Pertenceu á minoría Semur, orixinarios de Asia Central e practicantes do islam. Tanto seu pai como seu avó viaxaran en peregrinación á Meca e Zheng He tería escoitado os relatos das súas viaxes a terras afastadas. Despois de que o exército Ming conquistara Yunnan foi cativado e castrado, converténdose así nun eunuco. O nome Zheng He púxollo o emperador. Estudou en Nanjing Taixue (Colexio Central Imperial). As súas misións exhibiron impresionantes demostracións da súa capacidade organizativa e poder tecnolóxico, pero non produciron grandes comercios xa que Zheng He foi un almirante e un oficial, non un mercador.

Zheng He navegou até Malaca no século XV e trouxo consigo unha princesa da China, a Princesa Hang Li Po. Ela tería que desposar o rei de Malaca. A princesa foi cos seus 1.500 servintes, os cales se asentaron eventualmente en Bukit Cina en Malaca. Os descendentes desta xente son coñecidos na actualidade como Baba (o título masculino) e Nyonya (o título feminino).

En 1424 o emperador Yongle faleceu. O seu sucesor, Hongxi (gobernante de 1424 a 1425), decidiu reprimir a influencia dos eunucos na corte. Zheng He realizou unha última viaxe baixo o goberno do emperador Xuande (gobernante de 1426 a 1435), pero despois diso as frotas de tesouro chinesas acabaron. A súa tumba está en Nanjing (outeiro de Niushou), e en 1985 foi restaurada. Tamén construíu os estaleiros de Nanjing, que aínda funcionan actualmente.

Viaxes miniatura|400px|Mapa das rutas das súas viaxes ao Océano occidental. O "Océano Occidental" refírese aos lugares en Asia e África que Zheng He explorou, incluíndo:

Sueste asiático Sumatra Xava Sri Lanka India Persia O Golfo Pérsico Arabia O Mar Vermello até Exipto Sur de África até a canle de Mozambique

O número das súas viaxes varía dependendo do método de división, pero explorou como mínimo sete veces cara ao "océano occidental" coa súa frota. A súa escuadra consistía nuns 30 000 homes e setenta naves. Levou a China moitos trofeos e embaixadores de máis de trinta reinos, incluíndo Alagonakkara de Ceilán, quen foi a China a se desculpar co emperador. A revista Life situou a Zheng He no posto 14 das persoas máis importantes do último milenio.

Primeira viaxe A súa primeira expedición levantou áncora no outono do ano 1405 con aproximadamente 317 barcos. Recalaron en Fujian, na desembocadura do río Min, onde realizaron reparacións e partiron cara Champa (actual Vietnam) e, posteriormente, Palenbang (Sumatra). Tamén visitaron Xava e Ceilán, onde segundo as crónicas chinesas non recibiron boa acollida. Finalmente chegaron ao seu destino, Calicut, cidade estado da India coñecida como a Cidade das especias.

Tras intercambiar mercadorías, a frota iniciou o regreso a China en abril de 1407. No estreito de Malaca enfrontouse ao pirata Chen Zuyi e capturouno. Xa de novo no Mar da China a frota viuse no medio dun tifón. A tripulación, espantada, solicitou axuda á deusa Tianfei. Apareceu unha "lanterna máxica" no mastro (probablemente un Lume de San Telmo) e, pouco despois, o mar acougou. Para Zheng He o fenómeno foi un milagre da deusa. Pouco despois chegaron a China.

Segunda viaxe Ao pouco do regreso da primeira viaxe o emperador Yongle ordenou que se organizase outra nova expedición, co fin de devolver aos seus respectivos lugares de orixe os diplomáticos estranxeiros que chegaran a China na anterior expedición. Nesta viaxe non se sabe con seguridade se participou Zheng He ou se permaneceu supervisando a reparación do templo de Tianfei en Meizhou. No caso da súa ausencia a expedición debeu ser comandada polos eunucos Wang Jinghong e Hou Xian.

A frota formada por 68 barcos levou áncora a finais de 1407 ou comezos de 1408 e o reducido tamaño comparada coa primeira viaxe debeuse a que se valorou que non era preciso levar tantos navíos de guerra. A ruta foi similar á anterior, visitando Siam, Xava, Delhi, Ahceh, Cochin e Calicut. Tivo sobre todo carácter diplomático máis que comercial, intervindo nas disputas entre siameses e Khemeres e na elección do novo Zamurin (Rei) de Calicut: Mana Vikrana.

Terceira viaxe miniatura|300px|A Torre de Porcelana de Nankín, cuxa construción comezou trala terceira viaxe de Zheng He cos beneficios do comercio.

A terceira viaxe comezou en 1409 con 48 barcos. Os principais oficiais da Frota (ademais de Zheng He) foron Wang Jinghong e Hou Xian.When China ruled the seas, páx. 107 A bordo viaxa o cronista Fei Xin (que tamén o fixo na quinta e a sétima viaxe.

Fixeron unha breve parada en Taiping e logo seguiron até Champa (actual Vietnam) e Temasek (actual Singapur).

Posteriormente chegaron a Malaca. Os chineses, que desexaban manter un equilibrio de poder entre Malaca, Siam e Xava que garantise a estabilidade na rexión, entregaron un novo selo ao rei Parameswara de Malaka, que simbolizaba o recoñecemento chinés da súa soberanía (o anterior fora roubado por siameses).

Proseguiron até Semudera (Sumatra) e chegaron despois até Sri Lanka. A Frota levaba unha lápida conmemorativa de Buda, Alá e unha deidade hindú, que querían erixir na illa como mostra de respecto aos costumes locais. Ademais, ofreceron cuantiosos donativos ás tres relixións (en partes iguais).

A illa estaba dividida en catro faccións: ao norte os támiles hindús, un usurpador musulmán e o lexítimo gobernante cingalés de Kotte, Vijaya Bahu VI. Nesa época convulsa os cingaleses desconfiaban dos estranxeiros e un dos seus líderes locais, Nissanka Alagakkonara (ou Alakeswara), ao atoparse cos enviados chineses rexeitou aceptar a soberanía chinesa na illa e erixir a lápida conmemorativa. Alakeswara, que anhelaba ademais facerse co trono de Vijaya Bahu VI, loitou contra eles e, tras unha breve escaramuza, obrigounos a volver aos seus barcos.

A Frota proseguiu a súa viaxe até Quilon, Cochin e Calicut. Ao volver decidiron vingar o agravio cometido polos cingaleses. O que sucedeu a continuación é obxecto de discusión: Segundo as fontes chinesas, Alakeswara solicitou a Zheng He o pago dun tributo, ao que este se negou. Alakeswara enviou entón un exército de 50.000 soldados a cortar a comunicación de Zheng He -e o exército de 2.000 soldados que o acompañaba- coa Frota. Zheng He, decatándose de que case todas as forzas cingalesas cortábanlle o paso, deu media volta e marchou contra a capital. Tras tomar a cidade e capturar a Alakeswara, Zheng He conseguiu marchar sen problemas á costa. Alakeswara foi levado a Nankín, onde se lle perdoou pola súa "ignorancia" e ordenouse que "un dos seus sabios seguidores" gobernase no seu lugar. As fontes chinesas non dan máis detalles e parecen confundidas sobre a estrutura de poder na illa, até o punto de que non queda totalmente claro se foi Alakeswara, Vijaya Bahu VI ou ambos quen estiveron en Nankín. Os cingaleses explican que Zheng He chegou coa intención de depor ao rei Vijaya Bahu VI e instalarse el mesmo como soberano de Kotte. Alakeswara estableceu unha alianza con Zheng He para derrocar ao rei e foi este quen viaxou a China. Cando Vihaya Bahu VI volveu a Sri Lanka foi asasinado en segredo por Alakeswara, que se converteu así en soberano da illa.

Con todo ambas fontes concordan en que o sagrado dente de Buda que se conservaba en Sri Lanka foi levado a China. As fontes chinesas non explican como nin por que chegou alí. Os cingaleses indican que os chineses desexaban facerse coa reliquia, pero iso non concorda co respecto que mostraran os chineses coas relixións da illa. É posible que fose o rei Vijaya Bahu VI quen levase voluntariamente o dente até China para convencer ao emperador de que era o lexítimo soberano ou para impedir que caese en mans de Alakeswara. En todo caso, cando o rei volveu á illa, o dente retornou con el.

Como clara constancia da viaxe consérvase a lápida chinesa, erixida finalmente preto da cidade de Galle.

En 1412, co diñeiro obtido do comercio, iniciouse a construción da Torre de porcelana en Nankín, de case 80 metros de alto. Ademais da torre en si, os xardíns que a rodeaban contaban con plantas e animais obtidos grazas ás expedicións de Zheng He. A torre foi destruída durante a rebelión Taiping en 1856.

Cuarta viaxe miniatura|Xirafa con asistente (1414), de Shen Du. Até ese momento as Frotas cumpriran os seus obxectivos de mellorar as relacións comerciais co sueste asiático. A partir deste momento Yongle ordena a exploración de Arabia e África, lugares que, aínda que non eran descoñecidos para os chineses,Chinese science and civilization, vol. 4 páx. 494-503 non foran nunca explorados sistematicamente. Para moitos, é o carácter megalomaníaco de Yongle o que promove este novo e ambicioso obxectivo.Zheng He and the Treasure Fleet, páx. 119When China ruled the seas, páx. 137

Aínda que a orde de partir deuse en decembro de 1412, Zheng He non partiu de Nankín até xaneiro de 1414. A frota constou de 63 buques e entre os seus tripulantes contou por primeira vez co cronista e tradutor de árabe Ma Huan.

A Frota mantivo o seu rumbo habitual até a India, recalando en Champa, Xava, Sumatra, Malaisia, Maldivas, Sri Lanka e a India. Parte da Frota, comandada polo eunuco Yang Min, separouse da principal e dirixiuse cara ao reino de Bengala.

Na cidade de Semudera (chamada polos chineses Liuqiu) ,en Sumatra, o caos interno provocou a intervención de Zheng He. O rei do momento debía afrontar un aspirante. O emperador Yongle decidiu que o mellor era deixar no trono ao rei e envioulle a el os agasallos; iso enfadou ao aspirante Sekander, que atacou a Zheng He. Nesta ocasión o mariño chinés tiña unha boa escusa para combater e capturou a Sekander, que foi enviado a China.

Desde as Maldivas, a frota principal de Zheng He partiu cara a Ormuz, cidade que impresionou aos chineses polas súas riquezas. Alí atopou embaixadores de África, aos que convenceu para que se unisen á súa frota e presentasen os seus respectos a Yongle.