Xoán I de Inglaterra, nado o 24 de decembro de 1166 e finado 19 de outubro de 1216, tamén coñecido como Xoán sen Terra (en anglonormando: Johan sanz Terre), foi rei de Inglaterra desde o 6 de abril de 1199 ata a súa morte en 1216. Xoán perdeu o Ducado de Normandía fronte ao rei Filipe II de Francia, o que provocou a perda da maior parte do Imperio anxevino e o subsecuente aumento de poder da dinastía dos Capetos durante o século XIII. A revolta dos baróns ao final do reinado de Xoán levou á sinatura da Carta Magna, un documento que se considera ás veces o primeiro paso na evolución da constitución do Reino Unido.
Xoán foi o máis novo dos cinco fillos do rei Henrique II de Inglaterra e Aliénor de Aquitania, e nun primeiro momento non se esperaba que herdase unha gran cantidade de terras. Trala errada revolta dos seus irmáns máis vellos entre 1173 e 1174, Xoán pasou a ser o favorito do rei. Recibiu en 1177 o Señorío de Irlanda así como unha gran cantidade de terras en Inglaterra e no continente. Os irmáns de Xoán, Guillerme, Henrique e Godofredo morreron novos; entón Ricardo I ascendeu ao trono en 1189, e Xoán pasou a ser o potencial herdeiro. Mentres o seu irmán Ricardo participaba na Terceira Cruzada, Xoán liderou un intento de rebelión contra o administrador real. Porén, trala morte de Ricardo en 1199, Xoán foi proclamado rei de Inglaterra e chegou a un acordo con Filipe II de Francia polo que o francés recoñecía as posesións continentais de Xoán polo tratado de Le Goulet do ano 1200.
A guerra con Francia estoupou de novo en 1202. Xoán obtivo varias vitorias, pero a escaseza de recursos militares e o seu trato aos nobres normandos, bretóns e de Anjou fixo que perdese as súas posesións do norte de Francia en 1204. Xoán pasou a maior parte da seguinte década tratando de recuperar esas terras, reformando o exército e refacendo as alianzas continentais. As reformas xudiciais de Xoán tiveron un importante impacto no sistema inglés da common law, así como un grande aumento dos ingresos. O rei foi excomungado en 1209 debido a unha disputa co papa Inocencio III, aínda que o problema se resolveu no 1213. Os intentos de Xoán de derrotar o rei de Francia en 1214 fracasaron debido á vitoria francesa sobre os aliados de Inglaterra na batalla de Bouvines. Cando regresou a Inglaterra, Xoán tivo que afrontar unha rebelión de moitos dos seus baróns, que estaban descontentos pola súa política fiscal e o seu trato á nobreza. Como resultado desta rebelión Xoán acordou asinar a Carta Magna en 1215, aínda que ningún dos dous bandos cumpriu coas condicións. A primeira guerra dos baróns estoupou pouco despois, coa axuda de Lois de Francia. Axiña a guerra entrou nunha situación de estancamento. Xoán morreu de disentería, durante a campaña no leste de Inglaterra en 1216; os partidarios do seu fillo Henrique lograron a vitoria sobre Lois e os baróns ao ano seguinte.
Os cronistas contemporáneos foron moi críticos coas actuacións de Xoán como rei, e o seu reinado foi obxecto de debate e revisión polos historiadores desde o século XVI. O historiador Jim Bradbury resumiu a opinión histórica actual das calidades positivas de Xoán, observando que hoxe en día segue a ser considerado como un "bo administrador, un bo home e un bo xeneral". Porén, a historiografía moderna concorda en que tamén cometeu moitos erros como rei, incluíndo o que Ralph Turner describe como "unha personalidade de mal gusto, incluso perigosa", con trazos de crueldade. Estas calidades negativas deron suficiente material á literatura da época vitoriana, e Xoán continúa sendo visto como un infame na cultura popular, principalmente por historias como a de Robin Hood.
Primeiros anos (1166–89) Infancia e herdanza anxevina
miniatura|300px|alt=Un mapa a color da Francia medieval, mostrando os territorios anxevinos no oeste, os territorios do rei de Francia ao leste, e o ducado de Tolosa ao sur.|O Imperio continental anxevino (en laranxa) a finais do século XII.
Xoán naceu o 24 de decembro de 1166 froito do matrimonio de Henrique II de Inglaterra e Aliénor de Aquitania. Henrique herdara unha considerable cantidade de territorios na costa atlántica –Anjou, Normandía e Inglaterra– e expandiu o seu imperio conquistando a Bretaña. Henrique casara coa poderosa Aliénor de Aquitania, quen reinaba sobre o Ducado de Aquitania, e tiña dereitos sobre Tolosa e Auvernia, situadas ao sur de Francia, ademais de ser a exmuller de Lois VII de Francia. O resultado desta unión foi o Imperio Anxevino, nomeado así pola liña paterna de Henrique dos condes de Anjou e, máis concretamente pola súa sede en Angers. O Imperio, porén, era moi fráxil: aínda que as terras eran leais a Henrique, cada unha tiña a súa propia historia, costumes e estruturas de goberno. Canto máis ao sur, pasando por Anjou e Aquitania, o poder de Henrique diminuía considerablemente, e en pouco se asemellaba ao concepto moderno de imperio. Algúns lazos tradicionais entre as partes do imperio, como Normandía e Inglaterra, acabaron por esfarelarse ao cabo do tempo. Non estaba claro que sucedería co imperio trala morte de Henrique. A pesar de que o sistema de herdanza por primoxenitura se estaba estendendo xa pola Europa do tempo, non era moi popular entre os reis normandos de Inglaterra. Moitos crían que Henrique dividiría o imperio e que lle daría a cada fillo unha porción considerable de terras, e esperaban que estes continuasen traballando xuntos como aliados trala morte do rei. Para complicar aínda máis a situación, unha gran parte do imperio anxevino estaba baixo o control de Henrique, pero como vasalo do Rei de Francia, da dinastía rival dos Capetos. Henrique aliouse en varias ocasións co Sacro Imperio Romano Xermánico contra o rei francés, facendo que a relación feudal fose máis tensa entre os dous.
Pouco despois de nacer, Xoán recibiu os coidados da ama de cría, unha práctica tradicional entre as familias nobres. A nai, Aliénor, deixou Inglaterra para ir para Poitiers, a capital de Aquitania, e enviou a Xoán e a súa irmá Xoana á abadía de Fontevrault. Isto puido ter o obxectivo de encarreirar o fillo máis novo, que podería quedar sen herdanza, cara á carreira eclesiástica. A nai, Aliénor, pasou os seguintes anos conspirando contra o seu marido, Henrique, e ningún dos dous xogou un papel importante na mocidade de Xoán. A Xoán asignóuselle probablemente, como aos irmáns, un titor mentres estaba en Fontevrault, un titor encargado da súa educación e que controlase aos serventes da casa. Máis tarde Xoán pasaría a recibir as ensinanzas de Ranulph Glanville, un importante administrador inglés. O príncipe Xoán pasou algún tempo como membro da casa do seu irmán máis vello, Henrique o Rei Novo, onde probablemente recibiu instrución nas técnicas militares e de caza.
Xoán creceu ata os 1,68 m de altura, un home relativamente baixo, cun "corpo rexo e forte" e cabelos rubios escuros; para os seus contemporáneos semellaba un habitante de Poitou. Gozaba coa lectura, e algo pouco habitual daquela, construíndo unha biblioteca de seu. Adoitaba xogar a xogos de azar, en especial ao backgammon, e foi un apaixonado da caza incluso para os estándares da época. Gustáballe a música, pero non as cancións. Chegou a ser un gran "coñecedor de xoias", das que reuniu unha gran colección, e fíxose famoso polas súas opulentas vestimentas e, segundo os cronistas franceses, pola súa debilidade polo o viño malo. Á medida que ía crecendo, Xoán volveuse coñecido polos seus cambios de humor, que unhas veces o facían amigable, xeneroso e enxeñoso, e outras celoso, propenso aos ataques de rabia ou a morder as unllas.
Mocidade miniatura|Os pais de Xoán, Henrique II e Aliénor de Aquitania. Durante a mocidade de Xoán, Henrique tratou de resolver a cuestión da súa sucesión. A Henrique o Rei Novo coroárano rei de Inglaterra en 1170, pero non recibiu ningún poder máis de parte do seu pai; tamén lle prometeron que recibiría Normandía e Anjou como parte da súa futura herdanza. Ricardo foi nomeado conde de Poitou co control de Aquitania, mentes que Godofredo recibiu o ducado da Bretaña. Neste momento parecía pouco probable que Xoán recibise unha importante cantidade de terras, e foi alcumado cariñosamente polo pai como sen Terra.
Henrique II quería protexer as fronteiras do sur de Aquitania e decidiu prometer a Xoán con Alais, a filla e herdeira de Humberto III de Savoia. Como parte do acordo a Xoán aseguráronlle que herdaría Savoia, Piemonte, Maurienne, e outras posesións do conde Humberto. Pola súa banda, na potencial alianza matrimonial, Henrique II deulle a Xoán os castelos de Chinon, Loudun e Mirebeau. Como Xoán so tiña cinco anos daquela, o seu pai continuou controlando estas terras por motivos prácticos. Henrique o Rei Novo quedou sorprendido por isto, porque a pesar de que xa tiña control dalgún castelo no seu novo reino, estes de Chinon, Loudun e Mirebeau formaban parte do que el entendía que debía ser a súa futura propiedade e llos entregaran a Xoán sen consultalo. A prometida Alais cruzou os Alpes e uniuse á corte de Henrique II, mais finou antes de casar con Xoán, de xeito que este quedou de novo sen herdanza.
En 1173 os irmáns máis vellos de Xoán, apoiados por Aliénor, reveláronse contra o rei na breve rebelión de 1173. Irritado pola súa posición subordinada a Henrique e a preocupación de que Xoán puidese recibir terras a súa costa, Henrique o Rei Novo viaxou a París e aliouse co rei Lois VII. Aliénor, irritada polas persistentes inxerencias do seu home en Aquitania, animou a Ricardo e Godofredo a se uniren ao seu irmán en París. Henrique II saíu vitorioso fronte á coalición dos fillos, pero foi xeneroso con eles no tratado de paz asinado en Montlouis. A Henrique o Rei Novo permitíuselle viaxar por Europa canda os seus cabaleiros, Ricardo recibiu de novo Aquitania, e Godofredo puido volver á Bretaña. Tan só Aliénor quedou prisioneira polo seu papel na revolta.
Xoán pasou o conflito viaxando canda o pai, e recibiu numerosas posesións por todas as rexións do reino como parte do tratado de paz. Dende aquela foi o favorito do pai, a pesar de ser o menos beneficiado na cuestión sucesoria. Henrique II comezou a buscar novas terras para Xoán, moitas delas detraéndollas á nobreza. En 1175 apropiouse dos estados do defunto Reginald de Dunstanville e entregoullas a Xoán. Ao ano seguinte Henrique desherdou as irmás de Isabel de Gloucester, contra o costume legal, e prometeu a Xoán coa adiñeirada Isabel. En 1177, no Consello de Oxford, Henrique retirou o Señorío de Irlanda a William FitzAldelm e nomeou a Xoán, de dez anos, novo señor da illa.
miniatura|esquerda|350px|Pintura do século XIII de Henrique II e os irmáns de Xoán, da esquerda para a dereita: Guillerme, Henrique, Ricardo, Matilda, Godofredo, Lionor, Xoana e Xoán.
Henrique o Reio Novo librou nunha breve guerra contra o seu irmán Ricardo, en 1183, por Inglaterra, Normandía e Aquitania. O rei Henrique II púxose da parte de Ricardo, e Henrique o Rei Novo finou de disentería ao final da campaña. Coa perda do seu principal herdeiro, Henrique reorganizou as partillas da sucesión: Ricardo sería rei de Inglaterra, aínda que sen ningún poder ata que el morrese; Godofredo quedaría coa Bretaña, mentres que Xoán pasaría a ser o novo duque de Aquitania no lugar de Ricardo. Ricardo rexeitou deixar Aquitania, e iso enfureceu a Henrique II, que lle ordenou a Xoán que, coa axuda de Godofredo, marchase ao sur para recuperar o ducado pola forza. O bando dos dous irmáns atacou a capital de Poitiers, e Ricardo respondeu atacando Bretaña. A guerra terminou nun punto morto e cunha tensa reconciliación familiar en Inglaterra no final do ano 1184.