PLISAN (Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra - As Neves), tamén chamado Porto Seco, é unha zona industrial e loxística galega, a maior da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Sitúase entre os concellos de Salvaterra de Miño e As Neves. Os promotores desta zona industrial son a Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Historia Os seus trámites comezaron en 2001 cunha superficie inicial de 4.000.000 metros cadrados, posteriormente reducida a 3.091.000. Logo de máis de 106 millóns de euros gastados (dos que 40 foron destinados a expropiacións), na actualidade apenas se teñen urbanizados 950.000, os situados máis ao sur.

Xa en 2005 o daquela presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, ratificaba publicamente a inminente construción da PLISAN perante as dúbidas xurdidas entre o empresariado vigués. O seu sucesor no goberno galego, Emilio Pérez Touriño, sería quen colocaría a primeira pedra ese mesmo ano e a mediados de 2007 anunciaba o remate das obras para o verán de 2008. A piques de rematar o seu primeiro e único mandato, en 2009, Touriño anunciaba a urbanización e a instalación de empresas para ese ano.

A mediados de 2015 a Xunta de Galicia ordenou a suspensión parcial das obras, con todo, en outono puideron comezar as obras de urbanización dos sistemas xerais. En febreiro de 2017 anunciábase que os primeiros 100.000 m2 haberían de se comercializar a 50 €/m2. Porén, en abril dese mesmo ano, volvíanse suspender as obras de urbanización após a baixa temeraria na adxudicación do contrato.

Accesos Ferrocarril Liña Ourense - Guillarei

Estradas e autoestradas AG-51, xa licitada, que conectará coa A-52.

Patrimonio cultural Durante as obras de construción foron localizados varios fornos romanos en moi bo estado de conservación, de gran tamaño e de grande importancia relativa pola escaseza deste tipo de restos en Galicia.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Porto seco de Monforte de Lemos Ligazóns externas Vista Aérea en Google Maps

Categoría:Polígonos industriais de Galicia Categoría:Salvaterra de Miño Categoría:As Neves Categoría:Economía de Galicia sen imaxes Categoría:Salvaterra de Miño sen imaxes Categoría:As Neves sen imaxes