Os arcosauros (Archosauria, gr. 'réptiles dominantes') son un grupo de réptiles diápsidos que evolucionaron dos Archosauriformes durante o período Olenekiano (Triásico temperán). Tiveron un enorme éxito evolutivo e diversificáronse extraordinariamente durante o Mesozoico; os únicos representantes actuais do grupo son os crocodilos e mailas aves.

Características Os arcosauros caracterízanse por unha compresión lateral dos dentes, por teren un corazón con catro cámaras e por unha tendencia á marcha bípede. Este derradeiro trazo é, talvez, o que máis modificou a anatomía dos arcosauros; así, as extremidades posteriores son moito máis longas e robustas cás anteriores e mantéñense verticalmente debaixo do corpo; ao mesmo tempo, o isquion e maila pube alongáronse para permitiren a inserción dos músculos das patas posteriores, o fémur ten unha cabeza lateral e a tibia faise longa e robusta, fusionándose ás veces cos ósos proximais do tarso; os dedos redúcense a tres longos e dirixidos cara a adiante e un dirixido cara a atrás.

A maioría dos primeiros arcosauros eran carnívoros, con dentes serrados e estreitos perfectos para manexar carne. O seu metabolismo parece que lles deu unha clara vantaxe sobre os terápsidos, os cales eran os seus contemporáneos nos áridos e monzónicos climas interiores do supercontinente Panxea. Así, mentres que no Permiano foron dominantes os sinápsidos, no Triásico o serían os saurópsidos.

Evolución Hai principalmente dous grupos de arcosauros; os Ornithodira, que eran insignificantes durante o Triásico, pero que radiaron no Triásico tardío (dinosauros e pterosauros e os Crurotarsi, que eran o grupo predominante naqueles tempos, e incluían un gran número de grupos puramente triásicos coma os Rauisuchia, os Phytosauria e os herbívoros Aetosauria, así como os devanceiros dos crocodilos.

Un gran número destes grupos de arcosauros, sobre todo os grandes Crurotarsi, e os antigamente chamados Tecodontes (en libros nos que non se empregaba a cladística actual), extinguíronse hai 195 millóns de anos, durante a extinción masiva do Triásico-Xurásico. Os sobreviventes foron os dinosauros e pterosauros entre os Ornithodira, e os Sphenosuchia e Protosuchia así como os seus descendentes crocodilos entre os Crurotarsi. Os dinosauros dominaron a terra e máis tarde os pterosauros dominarían o ceo até o fin do Cretáceo, e os crocodilos os ríos e pantanos e algúns mesmo invadiron os mares (os Teleosauridae e os Metriorhynchidae).

Tal é a supremacía dos arcosauros durante o Mesozoico que non debería ser chamada a "era dos réptiles", senón máis ben a "era dos arcosauros".

A maioría destes grupos extinguíronse hai 65 millóns de anos, durante a extinción masiva do Cretáceo-Terciario. Os únicos grupos que sobreviviron e que persisten até o día de hoxe, son os dinosauros terópodos (concretamente as aves) e os crocodilianos, que inclúen aos modernos crocodilos, aligátores, caimáns e aos gaviais.

Tradicionalmente as aves separábanse do resto dos arcosauros; recentemente, segundo o método cladístico, soamente son válidos os grupos monofiléticos, e as aves por tanto son incluídas dentro da división Archosauria.

Filoxenia

Notas Benton, M. J. 2004), Vertebrate Paleontology, 3rd ed. Blackwell Science Ltd Carroll, R. L. (988) Vertebrate Paleontology and Evolution, W. H. Freeman and Co. Nova York

Véxase tamén

Ligazóns externas UCMP Paleos Mikko's Phylogeny Archive Archosauria

Categoría:Archosauromorpha