Glenn "Big Dog" Robinson, nado o 10 de xaneiro de 1973 en Gary, Indiana, é un ex xogador profesional de baloncesto estadounidense retirado en 2005. Con 2,01 metros de alzada xogaba de aleiro.

Traxectoria deportiva Instituto e universidade Na súa etapa de instituto conseguiu levar ao seu instituto a gañar o campionato estatal de Indiana, sendo incluído no prestixioso McDonald's All-American Team, que cada ano designa aos mellores xogadores de instituto dos Estados Unidos. Acudiu á Universidade de Purdue, onde permaneceu dous anos, entre 1992 e 1994, sendo, no último ano, galardoado co recoñecido premio Naismith College Player of the Year, ou o que é o mesmo, mellor universitario do ano, tras facer 30,3 puntos e 10,1 rebotes por partido, sendo o mellor da súa conferencia en ambas as categorías.

Profesional Tras só dous anos como universitario, declarouse elegible no Draft da NBA de 1994, sendo escollido como número 1 por Milwaukee Bucks, asinando un contrato por 10 anos e 68 millóns de dólares. Na súa primeira tempada foi nomeado en dúas ocasións rookie do mes, e finalmente elixido no mellor quinteto de novatos, sendo o que mellor media de anotación tivo entre estes, con 21,9 puntos por partido; a pesar destas estatísticas individuais, (o premio de Rookie do Ano foi outorgado a Jason Kidd e a Grant Hill). En 1996 foi seleccionado para disputar co equipo estadounidense os Xogos Olímpicos de Atlanta 1996, pero non puido participar nos mesmos por mor dunha lesión.

Xunto a Ray Allen e Sam Cassell formou un trío demoledor en Milwaukee, coñecidos como "The Big Three". Foron os artífices de que o seu equipo chegase ás finais da Conferencia Leste en 2001. Robinson é o segundo máximo anotador en toda a historia dos Bucks, excedendo os 20 puntos por partido en 7 das 8 tempadas que permaneceu alí.

Foi traspasado a Atlanta Hawks en 2002, e ao ano seguinte de novo tivo que facer as maletas para ir parar a Philadelphia 76ers, onde se perdeu máis de media tempada por mor dunha grave lesión. Foi traspasado de novo a New Orleans Hornets onde non chegou a xogar, e finalmente foi fichado para reforzar o tiro exterior dos San Antonio Spurs ao final da tempada 2004-2005, conseguindo con eles o seu único anel de campión da NBA. Nas súas once tempadas como profesional conseguiu unhas medias de 20,7 puntos e 6,1 rebotes por partido.

Equipos Milwaukee Bucks (1994-2002) Atlanta Hawks (2002-2003) Philadelphia 76ers (2003-2004) San Antonio Spurs (2005)

Logros persoais Gañador do premio ao Mellor Universitario do Ano en 1994. Elixido no mellor quinteto de rookies en 1995. Campión da NBA en 2005. Dúas veces All Star.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Perfil en nba.com/historical Estatísticas de Glenn Robinson como xogador

Categoría:Nados en Gary, Indiana Categoría:Nados en 1973 Categoría:Xogadores de baloncesto dos Estados Unidos de América Categoría:Xogadores de baloncesto da NBA Categoría:Eleccións no Draft da NBA dos Milwaukee Bucks Categoría:Xogadores dos Milwaukee Bucks Categoría:Xogadores dos Atlanta Hawks Categoría:Xogadores dos Philadelphia 76ers Categoría:Xogadores dos San Antonio Spurs Categoría:Alas de baloncesto