Fenrir ou Saturno XLI, é unha pequena lúa de Saturno. Foi descuberta por Scott S. Sheppard, David C. Jewitt, Jan Kleyna, e Brian G. Marsden o 4 de maio do 2005, a partir de observacións feitas entre o 13 de xaneiro e o 5 de marzo do 2005 e recibiu a designación temporal de S/2004 S 16. Este satélite foi descuberto usando algúns dos telescopios terrestres máis potentes do planeta.

Fenrir ten unha magnitude aparente de 25, facendo dela unha das lúas menos brillantes do Sistema Solar. É o redor de 1.000 millóns (10−9) de veces menos brillantes ca Saturno. Fenrir ten uns 4 kms de diámetro e orbita Saturno a unha distancia media de 22,454 millóns de kms en 1260 días, cunha inclinación orbital de 163° respecto da eclíptica (143° respecto do ecuador de Saturno) e cunha excentricidade de 0,136. A lúa posúe un movemento retrógrado (orbita Saturno na dirección oposta á dirección de rotación do planeta) suxerindo que esta lúa irregular foi capturada por Saturno.

Recibiu o seu nome oficial en abril do 2007. Na mitoloxía nórdica, Fenrisulfr era un lobo xigante, pai de Hati e Skoll, fillo de Loki, destinado a rompe-las súas cadeas co Ragnarok.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Grupo Nórdico Saturno

Ligazóns externas Saturn's Known Satellites (por Scott S. Sheppard) Jewitt's New Satellites of Saturn page (Maio 2005) MPEC 2005-J13: Twelve New Satellites of Saturn 3 de maio do 2005 (descubrimento e efemérides)

Categoría:Lúas de Saturno