Departamentos do Fútbol Club Barcelona30px30px30px30pxMasculinoFilialXuvenilFeminino30px30px30px30pxFormativoBaloncestoFilialBalonmán30px30px30px30pxAtletismoHockeyFutsalRugby

O Fútbol Club Barcelona (en catalán: Futbol Club Barcelona), coñecido popularmente como "Barça", é un club polideportivo catalán da cidade de Barcelona, fundado o 29 de novembro de 1899 por un grupo de doce futbolistas afeccionados de Suíza, Cataluña e Gran Bretaña, comandados polo suízo Joan Gamper. O Barça non é unha sociedade anónima como son a maioría dos clubs deportivos profesionais, senón que a propiedade do club recae nos seus máis de 180.000 socios. Este número fai que o FC Barcelona sexa o segundo club con máis socios do mundo tralo SL Benfica portugués, seguido polo FC Bayern München alemán. Segundo a clasificación histórica da IFFHS, o FC Barcelona é o mellor equipo de fútbol do mundo dende 1991, ano no cal esta organización comezou a computación estatística de resultados. O lema do club é "El Barça és més que un club". Os seareiros do FC Barcelona son coñecidos co sobrenome de "culés".

Unha das principais características do FC Barcelona é o seu carácter polideportivo. Ademais da súa sección principal, a de fútbol, o club ten outras catro seccións deportivas profesionais: as de baloncesto, balonmán, hóckey sobre patíns e fútbol sala. Entre as cinco seccións profesionais, o FC Barcelona suma máis de 400 títulos oficiais . Trátase do único club polideportivo do continente que foi campión de Europa en 5 deportes distintos. Ademais destas cinco seccións profesionais, o club ten outras 8 seccións afeccionadas noutras disciplinas deportivas, como hóckey sobre herba, atletismo, patinaxe, hóckey sobre xeo, voleibol, rugby, fútbol praia e baloncesto en cadeira de rodas.

O equipo de fútbol foi un dos fundadores da Liga española de fútbol en 1928, e actualmente aínda segue a ser un dos tres equipos que non perderon nunca a máxima categoría. Con 29 Ligas, 32 Copas do Rei, 15 Supercopas de España, 5 Copas de Europa, 4 Recopas de Europa, 3 Copas de Feiras, 2 Copas Latinas, 5 Supercopas de Europa e 3 Copas Mundiais de Clubs, o FC Barcelona está considerado un dos equipos de fútbol máis laureados do mundo. Dende agosto de 2011 é o club europeo con máis títulos continentais (15), adiantando ó Real Madrid e ó AC Milán (14). O FC Barcelona é ademais o único equipo de Europa que disputou sempre, dende 1955, algunha das competicións europeas. Tamén é o único equipo da historia que gañou os seis títulos oficiais máis importantes nun mesmo ano (2009): Liga, Copa, Supercopa de España, Liga de Campións, Supercopa de Europa e Copa Mundial de Clubs. O 6 de febreiro de 2012 o club recibiu o Premio Laureus World Sports como equipo mundial do ano.

Historia Os inicios miniatura|esquerda|O anuncio publicado en Los Deportes. 120px|miniatura|Joan Gamper. O Fútbol Club Barcelona foi fundado o 29 de novembro de 1899 por un grupo de doce afeccionados ao fútbol, convocados polo suízo Hans Gamper mediante un anuncio publicado na revista Los Deportes o 22 de outubro do mesmo ano. Entre os doce fundadores do club había seis españois, tres ingleses, dous suízos e un alemán. O nome orixinal escollido foi «Football Club Barcelona», en inglés, e designouse ao inglés Walter Wild como primeiro presidente do club por ser a persoa de máis idade de entre as presentes.

A finais da súa primeira década conseguiu os seus primeiros títulos, unha Copa de España e unha Copa dos Pireneos.

Durante a década de 1910 o club deu un gran salto, tanto deportivo como social: gañou dúas Copas de España e tres Copas dos Pireneos, e chegou aos 3.000 asociados, converténdose xa nunha das sociedades máis populares de Cataluña. Naqueles anos foi cando se popularizou o apelativo de «culés» referente aos afeccionados do club. O equipo xogaba os seus partidos nun campo situado na rúa Indústria de Barcelona, que se enchía masivamente cando xogaba o Barcelona, e desde a rúa víase como estaban sentados, de costas, os afeccionados situados na parte máis alta do chanzo. A imaxe desde a rúa era a dunha gran cantidade de traseiros (cus), por iso, aos afeccionados do Barcelona comezóuselles a chamar «culés». Desa década tamén cabe anotar que, en 1914, o club creou a súa primeira sección polideportiva, a de atletismo.

A primeira época dourada 250px|miniatura|Camp del Carrer Indústria (1909-1922). 250px|miniatura|Camp de Les Corts (1922-1959). 250px|miniatura|Camp Nou, inaugurado en 1959. A década de 1920 pasou á historia como a primeira época dourada do club. Pasouse de 3.000 a 11.000 socios e, en 1922, estreouse o primeiro grande estadio do club, o Camp de Les Corts, con capacidade para 30.000 espectadores. Foron anos nos que o club gañou catro Copas de España e, en 1929, a primeira Liga española da historia. Tamén cabe anotar os incidentes acaecidos en 1925 cando o goberno da ditadura de Primo de Rivera pechou o estadio de Les Corts durante seis meses e obrigou a dimitir ao presidente Hans Gamper por mor dos asubíos cos que a afección barcelonista recibiu a interpretación da Marcha Real nos prolegómenos dun encontro. Desa década cabe destacar que o club avanzou na liña de ampliar o seu carácter polideportivo, e creou as seccións de hóckey herba, baloncesto e rugby.

A crise e a posguerra A década de 1930 foi de gran crise para o club. Iniciouse a década co suicidio de Hans Gamper, probablemente debido á catastrófica situación económica na que se viu sumido tras o Crack de Wall Street en 1929.

En 1934 accede á directiva a primeira muller, por un curto período dun ano, Anna María Martínez Sagi.

Posteriormente, coa chegada da Segunda República produciuse un descenso do número de socios que se agravou co estalido da Guerra civil española en 1936. Ese ano, ademais, o presidente do club Josep Sunyol, que era político de Esquerra Republicana de Catalunya, foi fusilado polas tropas franquistas na serra de Guadarrama. O club acabou a década con tan só 2.500 socios.

Durante a década de 1940 o club foi superando aos poucos a súa crise social e deportiva. O club foi tomado polas autoridades do novo réxime franquista que, en diante e ata 1953, designarían directamente ao presidente do club. Os novos reitores castelanizaron todos os estamentos do club, eliminando calquera connotación catalanista ou anglosaxoa. En 1940 o club pasou a denominarse «Club de Fútbol Barcelona» en lugar de «Football Club Barcelona», e modificouse o escudo: suprimíronse as catro barras da bandeira catalá para colocar no seu lugar a bandeira española, aínda que en 1949, con motivo das vodas de ouro do club, o goberno autorizou a reinstauración da bandeira catalá. No plano deportivo recompúxose o equipo tras a crise da guerra e acabáronse conquistando tres ligas, unha Copa de España e dúas Copas Eva Duarte. Ademais, nesta década creáronse novas seccións polideportivas entre as que destacaron as de balonmán e hockey sobre patíns. Todo iso contribuíu a que, ao finalizar a década, coincidindo coas vodas de ouro do club, se superasen os 25.000 socios.

Kubala e as cinco copas A década de 1950 foi unha das da historia do club, tanto no plano deportivo como social. A fichaxe de Ladislao Kubala, en 1950, foi a pedra angular sobre a que se construíu un equipo que, nesa década, conseguiu 3 Ligas españolas, 5 Copas do Xeneralísimo, 4 Copas Eva Duarte, 3 Copas Duward, 1 Copa Latina, 2 Copas Martini&Rossi e 1 Pequena Copa do Mundo de Clubs. A masa social creceu ata os 38.000 socios que deixaron pequeno o Camp de Les Corts, de maneira que se construíu un novo estadio, o Camp Nou, inaugurado en setembro de 1957. Outros feitos destacados desa década foi a celebración das primeiras eleccións democráticas á presidencia do club en 1953, aínda que só votaron os socios homes. Ese mesmo ano tivo lugar un contencioso co Real Madrid pola fichaxe de Alfredo Di Stéfano.

Cabe dicir que durante os case 40 anos da ditadura de Francisco Franco en España, cando se prohibiron e reprimiron as institucións políticas catalás, o club converteuse nun dos símbolos da loita anti-franquista en Cataluña e da resistencia contra o centralismo que representaba o réxime franquista. O estadio do FC Barcelona converteuse nun dos poucos escenarios públicos onde os afeccionados expresábanse libremente, e o club converteuse no mellor embaixador de Cataluña no exterior. Foi naqueles anos cando se dixo que, polo seu simbolismo, o Barcelona era «més que un club» (máis que un club), expresión pronunciada polo presidente Narcís de Carreras no seu discurso de toma de posesión en 1968.

A crise de 1960 e a chegada de Cruyff Tras os éxitos de 1950 chegou a crise da década de 1960, nos que o equipo de fútbol gañou 2 Copas do Xeneralísimo e 2 Copas de Feiras. Estes títulos, con todo, non lograron compensar a derrota na final da Copa de Europa de 1961 nin a crise social xerada polas marchas de Helenio Herrera e o galego Luis Suárez ao Inter de Milán, cos que o conxunto italiano gañaría dúas Copas de Europa. A pesar de todo, o número de socios aumentou dos 39.000 aos 55.000 durante esa década.

Durante a década de 1970 continuou o imparable aumento de socios do club: pasouse dos 55.000 aos 80.000. Foron os anos nos que o fútbol español abriu as portas aos xogadores estranxeiros e o club fichou a internacionais como Johan Cruyff, Johan Neeskens, Hugo Sotil, Hansi Krankl e Allan Simonsen. O equipo de fútbol conquistou nesa década unha Liga española, 2 Copas do Rei, 1 Copa de Feiras e 1 Recopa de Europa. En 1978 chegou á presidencia Josep Lluís Núñez, que dirixiría o club as seguintes dúas décadas.

O inicio da era Núñez A década de 1980 foi de grandes investimentos na fichaxe de grandes estrelas como Maradona, Schuster ou Lineker, pero o equipo de fútbol só puido gañar en España unha liga, tres Copas do Rei, unha Supercopa e dúas Copas da Liga. A nivel europeo gañáronse dúas Recopas, pero volveuse perder unha final da Copa de Europa, a disputada en Sevilla en 1986. Tras unha grave crise deportiva e social, en 1988 o club contratou a Johan Cruyff como adestrador, un feito que marcaría o destino do club durante a seguinte década. O máis positivo da década foi a ampliación do Camp Nou, o incremento de socios, que superou a cifra dos 100.000, a revitalización económica do club e os éxitos das seccións de baloncesto, balonmán e hóckey sobre patíns, que conquistaron importantes títulos españois e europeos.

O Dream Team A década de 1990 foi a mellor década da historia do Fútbol Club Barcelona. Foron 10 anos de éxitos para o club en todas as ordes, tanto no terreo futbolístico como nas seccións deportivas. O equipo de fútbol, adestrado por Johan Cruyff dende 1988, e con xogadores como Zubizarreta dende 1986, Guillermo Amor, Eusebio Sacristán, Txiki Begiristain, Bakero e Julio Salinas dende 1988, Koeman e Laudrup dende 1989, Stoichkov, Albert Ferrer, Carles Busquets e Goikoetxea dende 1990, Guardiola e Miguel Ángel Nadal dende 1991, Oscar García dende 1992, ou Romário e Sergi Barjuán dende 1993 gañou catro Ligas consecutivas entre 1991 e 1994, e o 20 de maio de 1992 conquistou o título máis prezado do club: a Copa de Europa, no estadio de Wembley, ante a UC Sampdoria italiana.