Antonio Díaz-Miguel Sanz, nado o 6 de xullo de 1933 en Alcázar de San Juan, Cidade Real e finado o 21 de febreiro de 2000 en Madrid aos 66 anos, foi un xogador e adestrador profesional de baloncesto español. É membro do prestixioso Basketball Hall of Fame.

Foi xogador do Club Baloncesto Estudiantes e do Real Madrid, chegando a ser internacional coa Selección de baloncesto de España en vinte e sete ocasións. Pero os maiores éxitos da súa carreira conseguiunos como adestrador e, concretamente, como Seleccionador de España, á que dirixiu durante 27 anos entre 1965 e 1992. Estudou en Madrid e licenciouse en Enxeñaría Industrial na Universidade de Bilbao.

Carreira Xogador Estudante do Instituto Ramiro de Maeztu de Madrid, Díaz-Miguel inclinouse tarde polo baloncesto. El xogaba a fútbol, e capitaneaba o equipo do instituto. Pero en 1950, cando contaba con 17 anos, o instituto fundou o Club Baloncesto Estudiantes, e decidiu mudar de deporte. Era relativamente alto para a época (medía 1,86 metros) e apuntaba calidades tamén para o deporte da canastra. Enseguida destacou pola súa garra e habilidade no xogo interior, xogando como pivote.

Fichou polo Real Madrid e chegou a ser 26 veces internacional coa Selección de baloncesto de España entre 1952 e 1959, participando en dúas edicións dos Xogos Mediterráneos: nos de 1955, onde a selección española gañou a medalla de ouro, e os de 1959. Tras a súa retirada como xogador de baloncesto iniciou a súa carreira como técnico no Club Águilas de Bilbao, cidade onde estudara a carreira de enxeñaría.

Adestrador Foi adestrador da selección española durante 27 anos (dende 1965 até 1992) o que constitúe unha marca mundial de permanencia á fronte dunha selección en todos os deportes. Dirixiu a selección española en 431 partidos. Levou o combinado español a clasificarse para participar en seis Xogos Olímpicos, e a conseguir a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de 1984, a segunda máis alta clasificación até o momento do equipo español tras conseguir a vitoria na final do mundial do Xapón 2006. Antonio Díaz-Miguel dirixiu tamén a selección española en 13 campionatos de Europa, onde conseguiu dúas medallas de prata (1973 e 1983) e unha de bronce (1991).

Díaz-Miguel clasificou a selección española a participar en catro fases finais do Campionato do Mundo, onde chegaría a conseguir unha meritoria cuarta posición o Mundial de 1982. Tamén se pode destacar a medalla de prata que conseguiu a selección española nos Xogos do Mediterráneo de 1987.

Logo de deixar a selección adestrou brevemente o equipo italiano Pallacanestro Cantù e despois o Pool Getafe, un dos mellores equipos españois do momento da Liga Feminina, xa desaparecido.

Foi nomeado "Mellor adestrador do ano" en España en 1981 e 1982. Dirixiu seis veces a seleccións europeas (All-Star), equipos creados en Europa raramente e en ocasións moi especiais. Foi tamén un pioneiro na promoción mundial do baloncesto, recibiu moitos premios como adestrador, e foi conferenciante sobre baloncesto por todo o mundo. Incluírono no Salón da Fama do Baloncesto como adestrador o 29 de setembro de 1997, converténdose no primeiro español (e até o 2007 o único) en ter tal honra. Á parte do seu labor como adestrador de baloncesto, era deseñador de moda.

Traxectoria Equipos como xogador Club Baloncesto Estudiantes: 1950-52, 1953-1958 Real Madrid: 1958-61 Club Águilas Bilbao: 1961-63

Equipos como adestrador Club Águilas Bilbao: 1963-66 Selección de baloncesto de España: 1965-92 Pallacanestro Cantù: 1993 Pool Getafe: 1996-97

Palmarés Xogador Medalla de ouro nos Xogos Mediterráneos de 1955. Campionato de Primeira División de 1960 e 1961.

Adestrador 1 medalla de prata nos Xogos Olímpicos de 1984. 2 medallas de prata nos Eurobasket de 1973 e 1983. 1 medalla de bronce no Eurobasket de 1991. 1 medalla de prata nos Xogos Mediterráneos de 1987.

Véxase tamén Ligazóns externas Perfil no Hall of Fame Perfil na web da Lega

Categoría:Nados en 1933 Categoría:Finados en 2000 Categoría:Adestradores de baloncesto de España Categoría:Xogadores de baloncesto de España Categoría:Alas de baloncesto Categoría:Membros do Salón da Fama da NBA Categoría:Xogadores do CB Estudiantes Categoría:Xogadores do Real Madrid Baloncesto Categoría:Xogadores do Club Águilas de Bilbao Categoría:Xogadores da selección de baloncesto de España Categoría:Adestradores da selección de baloncesto de España Categoría:Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo Categoría:Grandes cruces da Real Orde do Mérito Deportivo