Alexandre César Léopold Bizet, coñecido como Georges Bizet (pronunciado ), nado en París o 25 de outubro de 1838 e finado en Bougival o 3 de xuño de 1875, foi un compositor francés pertencente ao período romántico, coñecido especialmente polas súas óperas. Trátase do compositor dunha das óperas francesas máis populares de todos os tempos e que se converteu nunha das máis populares e interpretadas de todo o repertorio operístico: Carmen, composta en 1875 e que foi a última obra da súa carreira curtada pola súa morte prematura e na que alcanzou escasos éxitos ata a propia Carmen.

Bizet gañou varios premios ao longo da súa brillante carreira como estudante no Conservatorio de París, incluíndo o prestixioso Prix de Rome en 1857. Foi recoñecido como un pianista excepcional, aínda que preferiu non aproveitar a súa habilidade e en raras ocasións tocou en público. Logo de regresar a París tras pasar case tres anos en Italia, deuse conta de que nos principais teatros de ópera parisienses preferíase interpretar o repertorio clásico máis arraigado antes que as obras de novos compositores. As súas composicións orquestrais e para teclado foron do mesmo xeito ignoradas na súa gran maioría, o que estancou a súa carreira, polo que tivo que gañarse a vida principalmente mediante arranxos e transcricións da música doutros. Na súa procura do ansiado éxito, comezou varios proxectos teatrais durante a década de 1860, moitos dos cales abandonou. Ningunha das dúas óperas que se chegaron a poñer en escena —Les Pêcheurs de Perles e La jolie fille de Perth— tiveron éxito de inmediato.

Logo da guerra franco-prusiana de 1870–71, na que Bizet serviu na Garda Nacional, tivo algo de éxito coa súa ópera nun acto Djamileh, aínda que a suite orquestral derivada da súa música incidental da peza teatral L'Arlésienne de Alphonse Daudet tivo un éxito instantáneo. A produción da última ópera de Bizet, Carmen, foi atrasada debido ao medo de que os seus temas de traizón e asasinato puideran ofender a audiencia. Despois da súa estrea o 3 de marzo de 1875, Bizet estaba convencido de que a obra ía ser un fracaso; morreu dun ataque ao corazón tres meses máis tarde, sen saber que resultaría un éxito espectacular e duradeiro.

O matrimonio de Bizet con Geneviève Halévy foi feliz de xeito intermitente e froito do cal tiveron un fillo. Logo da súa morte, as súas composicións, agás Carmen, estiveron en xeral desatendidas. Regaláronse ou perdéronse os manuscritos e as versións publicadas das súas obras frecuentemente eran revisadas e adaptadas por terceiros. Non creou escola nin tivo discípulos nin sucesores evidentes. Tras anos de abandono, as súas obras comezáronse a interpretar de novo con máis frecuencia no século XX. Críticos posteriores proclamárono como un compositor de gran brillantez e orixinalidade cuxa morte prematura significou unha gran perda para a música teatral francesa.

Traxectoria Primeiros anos Georges Bizet naceu en París o 25 de outubro de 1838. No seu certificado de nacemento consta como Alexandre César Léopold, mais foi bautizado como «Georges» o 16 de marzo de 1840, nome polo cal sería coñecido durante o resto da súa vida. O seu pai, Adolphe Amand Bizet, fora peiteador e fabricante de perrucas antes de ser profesor de canto a pesar da súa falla de estudos formais; a súa nai, Aimée Léopoldine Joséphine Delsarte, era unha célebre cantante da época que tamén chegou a compoñer algunhas obras, incluíndo canto menos unha canción que foi publicada. En 1837, ambos contraeron matrimonio en contra dos desexos da familia da noiva, que consideraba o noivo como un mal partido; os Delsartes, aínda que pobres economicamente, eran unha familia dun alto nivel cultural e musical. Aimée era unha consumada pianista, mentres que o seu irmán François foi un distinguido cantante e profesor que actuou nas cortes de Lois Filipe I e Napoleón III. Rosine, dona de Delsarte e un prodixio musical, fora asistente do profesor de solfexo no Conservatorio de París aos trece anos. miniatura|Acta de bautismo de Bizet (igrexa de Notre-Dame-de-Lorette (París). Georges, xa dende neno, mostrou signos de ter grandes aptitudes para a música e rapidamente aprendeu as nocións básicas sobre notación musical da man da súa nai, quen probablemente lle daría as súas primeiras clases de piano. Escoitando a través da porta da sala onde Adolphe daba as súas leccións, Georges aprendeu a cantar de memoria con precisión pezas difíciles e desenvolveu unha habilidade para identificar e analizar complexas estruturas de acordes. Esta precocidade convenceu os seus ambiciosos pais de que estaba preparado para comezar a estudar no Conservatorio de París un ano antes de cumprir a idade mínima de entrada de dez anos. Georges foi entrevistado por Joseph Meifred, un virtuoso da trompa, membro do comité de estudos do conservatorio. Meifred levouse tal impresión da demostración das habilidades do rapaz que pasou por alto a regra da idade e ofreceuse a tomalo como alumno tan pronto como houbese unha praza dispoñible.

Conservatorio miniatura|esquerda|Parte do Conservatorio de París, onde Bizet estudou dende 1848 ata 1857 (fotografía de 2009). Bizet foi admitido no conservatorio o 9 de outubro de 1848, dúas semanas antes do seu décimo aniversario. Causou unha boa primeira impresión; en menos de seis meses gañou o primeiro premio de solfexo, unha proeza que impresionou a Pierre Joseph Guillaume Zimmermann, o anterior profesor de piano do conservatorio. Zimmermann deulle a Bizet leccións privadas de contrapunto e fuga, que continuaron ata a morte do ancián profesor en 1853. (require subscrición) A través destas clases Bizet coñeceu o xenro de Zimmermann, o compositor Charles Gounod, que se converteu nunha influencia duradeira no estilo musical do novo pupilo —aínda que a súa relación frecuentemente se tornou tensa nos últimos anos. Baixo a instrución de Antoine François Marmontel, profesor de piano do conservatorio, as destrezas pianísticas de Bizet desenvolvéronse con rapidez: gañou o segundo premio de piano do conservatorio en 1851 e o primeiro premio ao ano seguinte. Bizet escribiría posteriormente a Marmontel: «Nas túas clases un aprende algo máis á parte de piano; un convértese en músico». miniatura|Charles Gounod, representado aquí nos seus últimos anos de vida, foi mentor e unha inspiración para Bizet nos seus últimos anos no conservatorio. As primeiras composicións de Bizet que se conservan son dúas cancións sen palabras para soprano, datadas arredor de 1850. En 1853 uniuse ás clases de composición de Fromental Halévy e comezou a crear obras de crecente sofisticación e calidade. Dúas das súas cancións, «Petite Marguerite» ('Pequena margarida') e «La Rose et l'abeille» ('A rosa e a abella'), foron publicadas en 1854. En 1855 compuxo unha ambiciosa abertura para grande orquestra e preparou versións para piano a catro mans de dúas obras de Gounod: a ópera La nonne sanglante (A monxa sangrante) e a Sinfonía en re. O traballo feito sobre a sinfonía de Gounod inspirouno, logo do seu décimo sétimo aniversario, a compoñer a súa propia sinfonía, moi similar á de Gounod (nalgunhas pasaxes mesmo nota a nota). Esta obra perdeuse posteriormente, foi redescuberta en 1933 e finalmente interpretada en 1935.

En 1856, Bizet competiu polo Prix de Rome de composición musical. A súa participación en 1856 non tivo éxito, mais tampouco o tivo ningún outro, xa que nesa edición non se outorgou o premio aos músicos. Logo de non conseguir o éxito, Bizet presentouse a un concurso de ópera organizado por Jacques Offenbach para novos compositores, cun premio de 1200 francos. O reto consistía en poñer música ao libreto dun acto de Le docteur Miracle de Léon Battu e Ludovic Halévy. O premio recaeu ex aequo en Bizet e Charles Lecocq, un resultado criticado anos máis tarde por Lecoq sobre a base de que Fromental Halévy manipulara o xurado a favor de Bizet. Grazas ao éxito obtido, Bizet converteuse nun invitado habitual nas festas que cada venres tiñan lugar na casa de Offenbach, nas que, entre outros músicos, coñeceu un ancián Gioachino Rossini, quen se presentou ao mozo cunha fotografía firmada por el. Bizet era un grande admirador da música de Rossini e escribiu non moito máis tarde do seu primeiro encontro que «Rossini é o máis grande de todos, dado que, como Mozart, ten todas as virtudes».

Para a súa participación no Prix de Rome de 1857, Bizet, contando co entusiasta beneplácito de Gounod, decidiu poñerlle música á cantata Clovis et Clotilde de Amédée Burion. Bizet obtivo o premio logo de que unha votación dos membros da Académie des Beaux-Arts anulara a decisión inicial dos xuíces a favor do oboísta Charles Colin. Segundo as condicións do premio, Bizet recibiría unha bolsa de estudos durante cinco anos, debendo pasar os primeiros dous en Roma, o terceiro en Alemaña, e os dous restantes en París. O único requisito era presentar cada ano un «envoi», unha obra orixinal segundo as indicacións da Académie. Antes de marchar a Roma en decembro de 1857, tivo lugar a interpretación na Académie da cantata premiada de Bizet recibindo unha entusiasta acollida.

Roma (1858-60) miniatura|A Vila Médici, sede oficial da Academia Francesa en Roma dende 1803. O 27 de xaneiro de 1858, Bizet chegaba á Vila Médici, un palacete do século XVI que dende 1803 albergara a Académie francesa en Roma e descrita por el nunha carta que enviou a casa como o «paraíso». Baixo a dirección do pintor Jean-Victor Schnetz, a vila proporcionaba o ambiente perfecto para que Bizet e os seus compañeiros premiados puidesen esforzarse ao máximo artisticamente. A Bizet gustáballe a atmosfera de convivencia e pronto involucrouse nas distraccións da súa vida social; durante os primeiros seis meses en Roma só puido compoñer un Te Deum, para solistas, coro mixto e orquestra, escrito para o Premio Rodrigues, un concurso para compoñer unha nova obra relixiosa aberto á participación dos gañadores do Prix de Rome. Dita peza fracasou no seu intento de impresionar os xuíces, quen outorgaron o premio a Adrien Barthe, o outro único participante. Bizet desanimouse ata o punto de xurar que non escribiría máis música relixiosa. O seu Te Deum permaneceu no esquecemento e inédito ata 1971.Greenfield, Edward (Febreiro de 2011). "Bizet – Clovis et Clotilde. Te Deum". Gramophone (en inglés)

Ao longo do inverno de 1858–59 Bizet traballou no seu primeiro envío, unha versión en opera buffa do libreto Don Procopio de Carlo Cambiaggio. Segundo as condicións do premio, o primeiro envío de Bizet debía ser unha misa, mais logo da experiencia co seu Te Deum sentía aversión a escribir música relixiosa. Estaba preocupado por como ía ser recibido na Académie este incumprimento das normas, mais a súa resposta a Don Procopio foi inicialmente positiva, loando «o toque sinxelo e brillante» e «o estilo xuvenil e atrevido» do compositor.

miniatura|esquerda|Georges Bizet en 1860. Para o seu segundo envío, non querendo tentar a súa sorte coa tolerancia da Académie, Bizet propúxose enviar unha obra cuasirrelixiosa en forma de misa secular sobre un texto de Horacio. Esta obra, titulada Carmen Saeculare, nun principio ía ser unha canción a Apolo e Diana. Non se encontrou ningún fragmento desta e é probable que Bizet nin sequera a comezase. A tendencia de concibir proxectos ambiciosos, só para abandonalos rapidamente, converteuse en algo habitual en Bizet durante os seus anos en Roma; ademais do proxecto Carmen Saeculare, tivo en conta ata cinco proxectos de óperas que finalmente descartou, dous intentos de sinfonía e unha oda sinfónica sobre un tema de Ulises e Circe. Logo de Don Procopio, Bizet rematou só unha obra máis en Roma, o poema sinfónico Vasco da Gama. Este serviulle para substituír a Carmen Saeculare como o seu segundo envío, e foi ben recibido pola Académie, aínda que rapidamente esquecido despois.