Os Green Bay Packers son un equipo profesional de fútbol americano con sede na cidade de Green Bay, Wisconsin. Forman parte da National Football League (NFL) como membros da National Football Conference (NFC) na súa División Norte. Son a terceira franquía máis vella da NFL, xa que se fundou e comezou a xogar en 1919. Alén diso, os Packers son o único equipo equipo profesional das grandes ligas estadounidenses estabelecido no país sen ánimo de lucro e que pertence a unha comunidade de persoas e non a un único propietario. O seu estadio local é o Lambeau Field, recinto inaugurado en 1957 con capacidade para 81.435 espectadores.

Os Packers son o último vestixio dos "equipos de pequenas cidades" comúns durante as décadas de 1920 e 1930. Fundados en 1919 por Earl "Curly" Lambeau e George Whitney Calhoun, a franquía recolle a testemuña doutros equipos semiprofesionais de Green Bay fundados a partir de 1896. Entre 1919 e 1920 os Packers competiron contra outros equipos semiprofesionais dos arredores de Wisconsin e en xeral do Medio Oeste norteamericano. Pouco máis tarde, en 1921, o club únese á American Professional Football Association (APFA), a antecesora da actual NFL. Aínda que Green Bay é, de lonxe, o mercado deportivo máis pequeno do deporte profesional estadounidense (a cidade apenas supera os 100.000 habitantes), a súa base local de fans e medios de comunicación esténdese 200 quilómetros ao sur até Milwaukee, onde chegaron a xogar partidos como locais entre 1933 e 1994.

A nivel deportivo, o equipo gañou o campionato de liga en 13 ocasións, o que supón o maior número de títulos da historia da NFL. Dos trece, nove foron conseguidos antes da instauración da Super Bowl e, por tanto, catro corresponden a trofeos da mesma. Os Packers gañaron as dúas primeiras Super Bowls da historia en 1967 e 1968, sendo o único equipo en derrotar ás franquías da American Football League (AFL) antes da fusión da AFL coa NFL. De feito, o trofeo da competición recibe o nome de Trofeo Vince Lombardi na honra do adestrador que guiou aos de Wisconsin aos dous títulos. As súas outras dúas Super Bowls chegaron en 1997 (XXXI) e 2011 (XLV). Os Packers manteñen unha longa rivalidade cos Chicago Bears, Minnesota Vikings e Detroit Lions, todos equipos da División Norte da NFC. De feito, a rivalidade entre os de Chicago e os de Green Bay é unha das máis antigas da NFL, xa que data de 1921.

Historia Fundación e primeiros anos miniatura|left|Os Packers en 1920. Os Packers foron fundados na cidade de Green Bay, Wisconsin, o 11 de agosto de 1919 polos ex xogadores e rivais do instituto Earl "Curly" Lambeau e George Whitney Calhoun. Lambeau solicitou fondos para uniformes na empresa para a que traballaba: a Indian Packing Company. A compañía deulle 500 dólares para que comprasen os uniformes e o equipamento necesario coa condición de que o equipo levase o seu nome como patrocinador. No primeiro artigo de prensa onde se nomea ao equipo, este é chamado "the Indians", con todo, en referencias posteriores xa aparece o nome de "Packers". Os Packers son o equipo que máis temporadas xogou na súa cidade fundacional da historia da NFL.

O equipo non competiu en ligas profesionais até 1921, cando se lles garantiu un posto na nova liga nacional de fútbol americano, a cal fora fundada o ano anterior. O ano anterior, a Indian Packing Company foi adquirida por Acme Packing Company, empresa que seguiu apoiando ao equipo. Así, o equipo xoga a súa primeira temporada na American Professional Football Association (APFA) co nome de "Acme Packers". Con todo, a franquía foi suspendida ao final da temporada cando se descubriu que utilizaran xogadores universitarios nun partido. O home que denunciou ao equipo ante a liga foi George Halas dos Chicago Staleys, equipo que ao ano seguinte pasa a ser coñecido como Chicago Bears. Este incidente foi o que deu comezo á longa rivalidade entre Packers e Bears. Lambeau apelou á liga e finalmente permitiron que a franquía fose reintegrada despois de pagar unha multa de 50 dólares. Alén diso, outros problemas amezaron con aumentar a débeda do equipo, moitos problemas financeiros, os cales levaron a que a franquía fose confiscada durante un ano. Tras encontrar o apoio de varios empresarios locais, Lambeau recuperou o equipo e a licenza para competir o ano seguinte. Estes patrocinadores, coñecidos como os "Hungry Five", formaron en 1923 a Green Bay Football Corporation, a cal aínda continúa a dirixir o equipo.

Despois de pasar sen pena nin gloria durando a maior parte da década de 1920, os Packers comezaron a construír un gañador tras asinar a tres futuros membros do Salón da Fama: "Johnny Blood" McNally, Cal Hubbard e Mike Michalske. Os Packers gañaron o seu primeiro campionato da NFL en 1929 cun rexistro de 12-0-1, a única tempada invicta na historia da franquía, guiados por unha férrea defensa que rexistrou oito partidos sen deixar anotar ningún punto aos rivais e sendo o seu único partido sen gañar un empate ante os Frankford Yellow Jackets. Os Packers puideron defender con éxito o seu título en 1930, gañando 10-3-1, e en 1931 cunha marca de 12-2. Os Packers case gañaron o cuarto campionato consecutivo en 1932, con 10-3-1, mais terminaron segundos detrás dos Chicago Bears.

En 1933 baixaron o nivel en 1933 e 1934, sendo a primeira a súa primeira tempada con máis derrotas que vitorias en 1933 (5-7). Con todo, Curly Lambeau foi capaz de construír outro equipo de elite durante estas tempadas, asinando máis dun futuro do Salón da Fama como Clarke Hinkle, Arnie Herber, e máis notablemente, o receptor Don Hutson en 1935. Hutson chegou a Green Bay dende o equipo de Alabama e liderou durante a súa carreira a liga en recepeción durante oito temporadas, alén de intercepecións en 1940 cando xogou de defensa. Durante os seguintes dez anos os Packers foron o perenne campión da NFL. En 1936 o equipo domina a liga cun récord de 10-1-1, vencendo aos Boston Redskins por 21-6 na final. En 1938 perden ante os New York Giants (17-23), mais ao ano seguinte toman o desquite e gañan por 27-0, repetindo de novo en 1944 ante os Giants (14-7). Os Packers mativéronse no alto da clasificación grazas a Hutson, Hinkle, Herber, outro futuro membro do Salón da Fama como Tony Canadeo, e outros xogadores como Cecil Isbell, Ted Fritsch, Buckets Goldenberg e Russ Letlow.

Tras o retiro de Hutson o equipo pasou a obter resultados moito peores nas seguintes tempadas, con rexistros de 12-10-1 nos anos 1947 e 1948, e 3-9 no 1949. Curly Lambeau deixa o equipo trala tempada de 1949. Os seguintes adestradores Gene Ronzani e Lisle Blackbourn non conseguiron acadar volver á senda dos bos resultados, incluso coa estrea dun novo estadio no ano 1957. A xeira de malos resultados tocaría fondo en 1958 ás ordes do adestrador Ray McLean, marcando o peor rexistro da historia da franquía con 1–10–1.

A chegada de Vince Lombardi Despois da nefasta temporada 1958, os Packers contrataron o 2 de febreiro de 1959 coma adestrador e director xeral a Vince Lombardi, antigo coordinador ofensivo dos New York Giants. Baixo a guía de Lombardi os Packers gañaron cinco títulos de campións nun período de sete anos, incluíndo vitorias nas dúas primeiras Super Bowls. Nesta época a liña ofensiva dos Packers tivo a varios xogadores de sona, coma Bart Starr, Jim Taylor, Carroll Dale, Paul Hornung, Forrest Gregg e Jerry Kramer; mentres que na defensa destacaron Willie Davis, Henry Jordan, Willie Wood, Ray Nitschke, Dave Robinson e Herb Adderley.

A primeira tempada dos Packers de Lombardi comezou o 27 de setembro de 1959, conseguindo a vitoria por 9–6 fronte aos Chicago Bears en Green Bay. Tras gañar os primeiros tres partidos, os Packers perderon os cinco seguintes, gañando despois os seus últimos catro partidos da tempada. O rexistro de 7–5 deste ano representou a primeira tempada en positivo dos Packers desde 1947, o que foi suficiente para que o "novato" Lombardi gañara o premio de Adestrador do ano da NFL. Na seguinte tempada os Packers, liderados polos 176 puntos de Paul Hornung, gañaron o título da NFL Oeste e xogando a final contra os Eagles en Filadelfia. Con todo, o equipo perde o partido por catro puntos de diferenza.

Ao ano seguinte, os Packers volven xogar polo campionato, esta vez ante os New York Giants. Os de Green Bay anotaron 24 puntos no segundo cuarto, incluíndo 19 por parte de Paul Hornung, quen estaba de permiso especial do exército, levando aos Packers a gañar, cun resultado de 37-0, o seu primeiro campionato dende 1944. Os Packers conseguiron outro gran resultado na tempada de 1962, comezando cun balance de 10–0, para finalizar cun récord final de 13–1. Pola súa consistencia, os Packers, representados na figura de Lombardi, chegaron a ser portada na revista Time do 21 de decembro de 1962. Nesa tempada os Packers enfrontáronse aos Giants nun disputado partido de final de campionato. Finalmente os Packers vencen cun resultado de 16-7 liderados polos pateos de Jerry Kramer e as carreiras de Jim Taylor.

Tras dous anos de ausencia nas finais, os Packers volveron xogar a final en 1965 despois de vencer aos Indianapolis Colts nos playoff polo título da Conferencia Oeste. Con todo, non foi un partido sinxelo, xa que necesitarían dunha prórroga para acabar vencendo por 13–10. Xa na final, Hornung e Taylor lideraron a vitoria por 23-12 ante os Cleveland Browns, os cales viñan de ser os actuais campións da NFL. Este título supuxo o terceiro campionato gañado baixo a guía de Lombardi e o noveno en total. En 1966 os Packers gañaron a primeira edición da Super Bowl liderados polo quarterback MVP dese ano Bart Starr. Para chegar ao partido tiveron que eliminar antes aos Dallas Cowboys no campionato de conferencia (34–27), para despois vencer na gran final os Kansas City Chiefs por 35–10.

A tempada de 1967 foi a última de Lombardi coma adestrador dos Packers. Na final de conferencia, volveron enfrontarse aos Cowboys. Este partido é coñecido como o "Ice Bowl" (O Partido do Xeo), xa que se acadaron no Lambeau Field temporaturas de −26 °C cunha sensación térmica de −44 °C. Considerado un dos partidos máis destacábeis da historia, os de Green Bay volveron gañar, esta vez cun resultado de 21-17. A continuación os Packers gañan a Super Bowl II cun resultado de 33–14 contra os Oakland Raiders. Lombardi renunciou coma adestrador tras o partido, sendo Phil Bengtson o seu sucesor no posto. Lombardi permaneceu coma director xeral unha tempada, mais deixou o equipo definitivamente en 1969 para converterse en adestrador e dono en minoría dos Washington Redskins. Tras a morte inesperada de Lombardi o 3 de setembro de 1970, a NFL pasou a denominar ao trofeo da Super Bowl "Trofeo Vince Lombardi" en recoñecemento aos seus éxitos. Alén dese recoñecemento, a cidade de Green Bay púxolle o seu nome a avenida onde se atopa o Lambeau Field en 1968.