Xenxo de Arles (do latín: Genesius), tamén coñecido por San Xenxo, San Xes ou San Xens, nado no século III e martirizado en Trinquetaille arredor do ano 303. Foi secretario dos arquivos oficiais do maxistrado imperial da cidade romana de Arles.
Traxectoria Naceu a finais do século III mais non está claro o seu lugar de nacemento. Mentres para algúns é orixinario de Etiopía, outros decántanse pola cidade de Arles, situada na daquela Galia romana, hoxe na Provenza francesa. Fixo carreira de armas, para continuar a tradición familiar, mais rematou dedicádonse á escrita. Foi nomeado secretario dos arquivos oficiais do maxistrado imperial da cidade romana de Arles. Durante esta etapa como funcionario, coñeceu o cristianismo. Nun determinado momento, debido ás súas funcións, foille encomendada a copia e a distribución dun decreto de persecución contra os cristiáns promulgado polo emperador Diocleciano. Indignado, rompeu as táboas de cera onde se atopaba o escrito e fuxiu. O 25 de agosto de 303 (ou 308) foi apresado preto do río Ródano, nos arrabaldes de Trinquetaille, e alí foi decapitado.
Confluencia con Xenxo de Roma Na tradición católica, rexístranse dous santos co nome de Xenxo (ou as súas variantes Xens e Xes), Xenxo de Roma e Xenxo de Arles, aínda que realmente se trata da mesma persoa. Secasí, as súas biografías, que coinciden en cronoloxía e martirio, foron bifurcándose: un, actor de teatro e o outro, escribán na cidade francesa de Arles. Xenxo de Arles, patrón de oito parroquias galegas, é o que maior culto acada en Galicia.
No Martiroloxio Romano, no 25 de agosto pódese ler:
Galicia Trátase dun dos nomes que conseguiron evitar a castelanización en apelidos e topónimos. Dálle nome ao concello de Sanxenxo e vila e lugar homónimos, ademais dos lugares de San Xes e San Xens, dispersos pola xeografía galega. A fonte de San Xes (Paderne de Allariz), que ten figura de orella, crese que é boa para curar os males de oído.
É avogoso das espullas e dos fenómenos meteorolóxicos adversos (pedrazo, raios, treboadas...).
Tamén está presente na tradición oral:
Pasei por San Xes, cantando / pra me ver saíche á porta / figuécheste a distraída / nena da cara de troita.
Notas Categoría:Santos do catolicismo
Categoría:Santos patróns de parroquias de Galicia