Mary Toft, nada como Mary Denyer e tamén coñecida como Mary Tofts, nada c. 1701 en Goldaming, Surrey e finada en 1763, foi unha muller inglesa que no ano 1726 provocou unha controversia considerable ó enganar a varios médicos facéndolles crer que dera luz a coellos.
En 1726 Toft quedou embarazada, pero segundo a súa propia declaración, tivo un aborto tras quedar fascinada ó ver a un coello. A súa afirmación de ter expulsado do seu corpo varias partes animais levou a que John Howard, un cirurxián local, investigase o suceso. Howard obtivo varios anacos de carne animal e notificou a outros médicos prominentes do momento, chegando o caso ata os oídos de Nathaniel St. André, cirurxián da corte do rei Xurxo I. St. André chegou á conclusión de que o caso de Toft era xenuíno, mais o rei enviou tamén o cirurxián Cyriacus Ahlers a que revisase o caso. Toft adquiriu certa fama e foi trasladada ata Londres para que os médicos estudasen alí o seu caso. Tras un intenso escrutinio dos doutores, e sen que ela chegase a expulsar máis partes animais, Toft confesou finalmente o engano e foi levada a prisión por fraude.
A burla pública resultante xerou pánico entre a profesión médica e arruinou a carreira de varios cirurxiáns prominentes. O suceso foi satirizado en varias ocasións, destacando nas obras do debuxante e crítico social William Hogarth, que criticou de forma notable a credulidade da profesión médica neste caso. Toft foi eventualmente liberada sen cargos, e volveu ó seu fogar onde pasou o resto da súa vida.
Reconto inicial A historia fíxose pública a finais de outubro de 1726, cando varios recontos do suceso chegaron ata Londres. Un destes recontos apareceu no Mist's Weekly Journal o 19 de novembro de 1726:
A "pobre muller", Mary Toft, tiña uns 24 ou 25 anos de idade. Fora bautizada como Mary Denyer o 21 de febreiro de 1703, filla de John e Jane Denyer. En 1720 casou con Joshua Toft, un oficial de xastre co que tivo tres fillos, Mary, Anne e James. Sendo unha campesiña inglesa no século XVIII, viuse obrigada a continuar traballando no campo tras quedar embarazada de novo en 1726. No comezo do seu embarazo queixárase de complicacións dolorosas e a comezos de agosto expulsou varios anacos de carne. Isto puido ser o resultado dunha anormalidade no desenvolvemento da placenta, que puido provocar que o embrión deixase de desenvolverse e provocase a expulsión de coágulos de sangue e anacos de carne. Toft pariu o 27 de setembro. Un veciño asistiu ó mesmo e declarou ver como expulsaba varias partes de animais, que posteriormente ensinou á nai e á sogra de Toft, Ann Toft, que era tamén matrona. Ann Toft envioulle os anacos a John Howard, un parteiro de Guildford con trinta anos de experiencia.
Nun primeiro momento Howard descartou a noción de que Toft dera a luz varias partes animais, pero ó día seguinte, malia as súas reservas, foi visitala. Ann Toft amosoulle máis pezas que expulsara a noite anterior, pero Howard non atopou nada tras un exame inicial de Mary. Cando esta volveu parir, Howard volveu visitala para continuar coa súa investigación. Segundo un reconto coetáneo do 9 de novembro, nos días seguintes asistiu o parto de "tres patas dun gato de cor atigrada, e unha pata dun coello: as tripas eran coma dun gato e dentro delas había tres anacos de espiñazo dunha anguía... Os pés do gato formáronse supostamente na súa imaxinación dun gato ó que tiña aprecio e que durmira na cama pola noite". Toft caeu aparentemente enferma de novo e durante os seguintes días expulsou máis anacos de coello.
Segundo a historia se facía máis coñecida, o 4 de novembro Henry Davenant, membro da corte do rei Xurxo I, decidiu ver por si mesmo o que estaba sucedendo. Examinou as mostras que Howard recollera e levara a Londres. Howard trasladara a Toft ata Guildford, ofrecéndose a asistir no parto de coellos en presenza de calquera que dubidase da súa historia. Algunhas das cartas que lle escribiu a Davenant para notificarlle de calquera progreso chamaron a atención de Nathaniel St. André, cirurxián da corte de orixe suíza dende 1723. St. André detallou posteriormente o contido dunha destas cartas no seu reconto de 1727, A short narrative of an extraordinary delivery of rabbets:
Investigación miniatura|180px|esquerda|Gravado a cor de Nathaniel St. André A mediados de novembro a familia real británica estaba tan interesada na historia que enviou a St. André e Samuel Molyneux, secretario do príncipe de Gales, a que investigasen o suceso. Ó chegaren o 15 de novembro, Howard levounos a ver a Toft, que tras unhas dúas horas pariu o torso dun coello. O reconto de St. André detalla o exame que fixo do coello. Para comprobar se chegara a respirar, meteu un anaco do seu pulmón en auga para ver se flotaba, cousa que fixo. Pasou entón a realizar un exame médico de Toft, concluíndo que os coellos se reproduciran nas súas trompas de Falopio. Durante unha ausencia ese mesmo día, Toft supostamente pariu o torso doutro coello, que tamén foi examinado. Esa mesma noite atoparon a Toft sufrindo unhas contraccións violentas. Tralo exame médico que lle practicaron, St. André extraeu parte da pel dun coello, seguida en poucos minutos da cabeza dun coello. Tanto St. André como Howard examinaron os anacos de carne expulsados, indicando que algunhas destas partes semellaban anacos do corpo dun gato.
Fascinado polo caso, o rei enviou o cirurxián Cyriacus Ahlers a Guildford. Ahlers chegou o 20 de novembro e viu que Toft non tiña ningún sinal que indicase un embarazo. Sospeitou que o suceso podería ser un engano, e observou que Toft semellaba premer os xeonllos o un contra o outro, como se quixese previr que "lle caese algo". Tamén considerou sospeitoso o comportamento de Howard, que non o deixou asistir no parto dos coellos, aínda que Ahlers non era parteiro e nun intento previo causáralle bastante dor a Toft. Convencido de que era todo un engano mentiulles ós involucrados dicindo que cría a historia de Toft, escusándose e levando a Londres varios espécimes dos coellos. Tras un estudo máis minucioso, atopou evidencias de que estaban cortados cun instrumento manual, e detectou anacos de palla e grans nas súas feces.
O 21 de novembro Ahlers informou o rei e outros do resultado da súa investigación. Howard escribiulle a Ahlers ó día seguinte, pedíndolle que devolvese os espécimes. As sospeitas de Ahlers preocupaban tanto a Howard coma a St. André, que volveu dous días despois a Guildford seguindo unha orde do rei. Trala súa chegada reuníronse con Howard, quen informou a St. André de que Toft dera a luz dous coellos máis. Pariu varios anacos do que se supoñía era unha placenta, malia que para entón estaba bastante enferma e sufría unha dor constante no lado dereito do seu abdome. Anticipándose a Ahlers, St. André recompilou declaracións xuradas de varias testemuñas, que provocaron dúbidas sobre a honestidade de Ahlers, e o 26 de novembro realizou unha demostración anatómica perante o rei para apoiar a historia de Toft. Segundo o seu propio escrito, nin St. André nin Molyneux sospeitaban de ningunha actividade fraudulenta.
O rei ordenoulle a St. André que volvese a Guildford para traer a Toft ata Londres, para que puidesen levar a cabo máis investigacións. Acompañouno Richard Manningham, un reputado tocólogo nomeado cabaleiro en 1721, ademais do segundo fillo de Thomas Manningham, bispo de Chichester. St. André examinou a Toft e viu que tiña o lado dereito do seu abdome dun tamaño lixeiramente maior do normal. Manningham asistiu no parto do que lle pareceu unha vexiga de porco —aínda que St. André e Howard non estiveron de acordo con esta identificación— e comezou a ter sospeitas xa que ulía a urina. Porén, os involucrados acordaron non dicir nada en público e o 29 de novembro aloxaron a Toft nun hospedaxe en Leicester Fields.
Exame médico miniatura|250px|Cunicularii, ou The Wise Men of Godliman in Consultation, de Hogarth (1726). Aparecendo nos xornais da época, a historia converteuse nunha sensación nacional, malia que varias publicacións se amosaron escépticas, e o Norwich Gazette en particular considerou o asunto como un simple "rumor de mulleres". O escritor John Hervey relataríalle posteriormente a situación ó seu colega Henry Fox:
Varios médicos e cirurxiáns eminentes, incluíndo a John Maubray, estudaron a Toft baixo a estrita supervisión de St. André. En The Female Physician, Maubray propuxera que as mulleres podían dar a luz unha criatura que el denominara sooterkin. Era un propoñente da "impresión maternal", unha crenza espallada de que a concepción e embarazo podían estar influenciados polos soños ou visións da nai, e advertira as mulleres embarazadas de que a excesiva familiaridade coas mascotas caseiras poderían provocar que os seus fillos se asemellasen a elas. Maubray examinou con gusto a Toft, considerando o seu caso como unha vindicación das súas teorías. Porén, o parteiro James Douglas, ó igual que Manningham, sospeitaba que o caso era unha fraude e malia as repetidas invitacións que recibiu por parte de St. André non se involucrou. Naquel entón Douglas era un dos anatomistas e parteiros máis respectados e coñecidos do país, mentres que a concepción xeral era que St. André era membro da corte só porque falaba alemán, a lingua nativa do rei. St. André insistiu en que ámbolos dous examinasen a Toft; tralo ascenso de Xurxo I ó trono, a facción dos Whigs pasara a ser dominante, e as afiliacións de Manningham e Douglas con esta facción xunto cos seus coñecementos médicos axudarían a elevar o seu status como doutor e filósofo. Douglas considerou que o feito de que unha muller dese a luz coellos era tan probable como que un coello dese a luz un neno humano, mais accedeu a examinala. Cando Manningham lle informou das súas sospeitas pola vexiga de porco, e tralo seu propio exame de Toft, Douglas rexeitou debater o asunto con St. André:
Toft púxose de parto en varias ocasións máis baixo unha supervisión constante, pero sen ningún resultado adicional.
Confesión miniatura|150px|esquerda|Confesión de Mary Toft do 7 de decembro, tomada por Douglas O engano descubriuse finalmente o 4 de decembro. Thomas Onslow comezara unha investigación pola súa conta descubrindo que durante o mes anterior Joshua, o marido de Toft, estivera mercando crías de coello. Convencido de que tiña probas suficientes para proceder, escribiulle unha cara ó médico Hans Sloane afirmando que o asunto "case alarmara a Inglaterra" e que publicaría en pouco tempo os resultados da súa investigación. Ese mesmo día, Thomas Howard, un porteiro da hospedaxe, confesoulle ó xuíz de paz Thomas Clarges que fora subornado pola cuñada de Toft, Margaret, para introducir en segredo un coello na habitación de Toft's. Cando foi arrestada e interrogada, Mary Toft negou a acusación, mentres que Margaret, interrogada por Douglas, afirmou que mercara o coello só para comelo.
Manningham examinou a Toft e pensaba que aínda tiña algo na cavidade do seu útero, polo que convenceu a Clarges de que lle permitise permanecer no hospedaxe. Douglas, que para aquel entón xa visitara a Toft, interrogouna en varias ocasións e durante varias horas. Tras varios días Manningham ameazouna con realizarlle unha operación dolorosa, e finalmente o 7 de decembro, en presenza de Manningham, Douglas, John Montagu e Frederick Calvert, Toft confesou. Tras sufrir o aborto e mentres aínda tiña acceso ó colo uterino, un cómplice introducíralle as gadoupas e corpo dun gato, xunto coa cabeza dun coello. Inventaran unha historia na que Toft afirmaba que quedara obsesionada cos coellos un día mentres traballaba no campo, e nos partos posteriores inseríranlle outras partes animais na vaxina.