Indalecio José Armesto Cobián, nado en Pontevedra o 29 de setembro de 1837 e finado na mesma cidade o 22 de febreiro de 1890, foi un filósofo, político, xurista, avogado e xornalista galego. Hegeliano e masón, tivo unha axitada vida pública, destacada pola continua loita a favor da república e das reformas sociais.

Traxectoria vital Infancia e xuventude (1836-1865) Indalecio Armesto nace en Pontevedra o día 29 de setembro de 1837, fillo de Ramona Armesto e de pai descoñecido. É bautizado na parroquia de San Bartolomé, recibindo o nome de Indalecio José. Pertence a unha familia de certa fidalguía, na que atopa un ambiente cultural propicio para unha fonda formación, en tolerancia liberal. A saga dos Armesto coa que convivía destacaba por acoller grandes nomes como o de Pedro Armesto (avó), Constantino Armesto (tío), Federico Saiz (cuñado) ou Víctor Said Armesto (sobriño).

Aínda así, a crise económica familiar leva a I. Armesto a non acadar máis que a formación primaria, debido á necesidade de traballar en oficinas de Pontevedra e, posteriormente, A Coruña. Os estudos oficiais nunca reflectiron o seu verdadeiro nivel cultural. Autodidacta de serie, o seu precoz talento quedaba demostrado por múltiples poemas, destacando o seu soneto dedicado ao gobernador José María de Michelena.

Aos 18 anos trasládase a Madrid, traballando nun primeiro intre no Monte Pío, xunto con Melchor Ordóñez, colaborando con publicacións desa Sociedade. Máis tarde acóllese baixo a tutela de Eduardo Chao, bo amigo, traballando na Compañía «La Unión» e incluso escribindo no xornal «El Crédito». Participa nas discusións que se levan a cabo no café «El Iris», nas que participaban grandes figuras como Eugenio Montero Ríos, o seu declarado inimigo político, Juan Bravo Murillo ou Roberto Robert y Casacuberta. Rexeita o krausismo da época, que tiña raíces profundas en Madrid, criticando duramente os seus achegamentos, como a doutrina harmónica de Julián Sanz del Río. Colabora nos xornais «La Discusión», dirixido por Francisco Pi y Margall, e en «La Tutelar», dirixido por José Canalejas. Estableceu amizade cos políticos republicanos Emilio Castelar, Francisco Pi y Margall e José María Rivero.

No ano 1864 é partícipe da ruptura do partido demócrata entre socialistas, como Nicolás Salmerón ou Francisco Pi y Margall, e individualistas, como Emilio Castelar ou Eugenio García Ruiz. Armesto opta pola vía socialista, facendo gala do seu estilo sintético que trata de solucionar as tensións entre sociedade e individuo sen rachar en ambos momentos. É clara a afinidade coas ideas piymargallianas e con Nicolás Salmerón.

De Pontevedra ao exilio en Portugal (1865-1868) Despois da tráxica «Noite de San Daniel», na que participa activamente, en 1865 regresa a Pontevedra. Formando parte do Comité Democrático, comeza a tomar parte na actividade política e xornalística da cidade. Colabora en «El País», «La Perseverancia» e «El Alerta». A súa máxima actividade terá lugar coa súa entrada no xornal «El progreso», tratando temáticas moi variadas. Escribe filosofía, economía, política, … pasando por ensaios literarios e poesía.

Coa sospeita xeneralizada de que I. Armesto e a súa familia son progresistas e liberais, agudizada polos contactos que este tivera en Madrid, nos que destacan membros do partido demócrata e da intelectualidade do momento, así como pola súa forte actividade política, trátase de acusalo dalgunha forma fronte as autoridades. Nesta sospeita pesaba moito a súa filiación á masonería e ao republicanismo. Fracasado o pronunciamento do 22 de xuño de 1866 contra a monarquía, vívese un ambiente de represalias nas que todos os sospeitosos de participar ideoloxicamente do feito foron perseguidos. I. Armesto é avisado de que ía ser prendido por conspirador, polo que a finais do ano 1867, coa axuda dun contrabandista, escapa a Portugal.

Regreso do exilio e «Gloriosa» actividade (1868-1873) Tras a «Revolución de La Gloriosa», regresa a Pontevedra en outubro de 1868, nun ambiente de máxima liberdade. No inicio do Sexenio Democrático foi nomeado pola Xunta Revolucionaria presidente da Deputación de Pontevedra o 27 de outubro de 1868. Manifesta as súas ideas e identifícase co credo republicano federal, declarándose posteriormente, coa polémica levada a cabo cos seus colegas pertencentes a La Democracia, como republicano federal «benévolo», en contraposición aos «intransixentes». É director do xornal «La Voz del Pueblo», que ven substituír a «La Revista», sendo a súa etapa mais achegada ao pensamento proudhoniano, preto de Francisco Pi y Margall. Chega a ser Secretario do Goberno da Provincia de Pontevedra.

Aproveita para obter o título de bacharelato en artes por libre, matriculándose en todas as materias, obtendo o título o 22 de setembro de 1869. Tendo xa un título desde tipo, matricúlase na Universidade Central de Madrid, no curso 1869-1870, nas materias de Dereito Romano, Dereito Político e Administrativo e Economía Política, propias da licenciatura en Dereito. O 9 de maio de 1870 concédeselle o traslado á Universidade Literaria de Santiago, onde aproba as materias mencionadas e prosigue matriculándose noutras por libre, ata o ano 1874, obtendo o título oficial en Dereito Civil e Canónico con 37 anos.

A nivel xornalístico, colabora dende 1870 en El Propagandista e faise redactor de El Derecho, sendo o voceiro para a defensa das súas ideas políticas republicanas. Tamén colabora, a partir de 1872, en La Crónica, publicando «Cuentos filosóficos» relativista-existenciais cun marcado carácter moral. Destacan as súas polémicas con xornais católicos como La Patria, La Paz, La Concordia ou La Solidaridad.

O fracaso da Primeira República (1873-1877) Nas eleccións do 10 de maio de 1873 saíu elixido deputado ó Congreso da nacente Primeira República española. Porén, froito dunha campaña contra el, levada a cabo polos republicanos federais «intransixentes» do xornal El Deber, anúlanlle a acta en Madrid, por ser membro da Comisión Permanente e non ter dimitido con anterioridade (6 meses) as eleccións. Dáse unha forte polémica entre republicanos federais «benévolos» e «intransixentes», sendo o voceiro de Armesto o xornal, recentemente fundado por el, La República, o cal dirixe.

Tras o fracaso da Primeira República e coa Restauración Borbónica, ten lugar unha paréntese de silencio, persoal e do partido. Son tempos de reflexión nos que aproveita para rematar a licenciatura en Dereito e pensar na obra filosófica Discusiones sobre la Metafísica.

Reactivación política e xornalística (1877-1882) Despois da etapa silenciosa, retorna no ano 1877 a actividade, tanto política como xornalística, da man de El Anunciador, do que será director a partir de 1879. Mantivo fortes polémicas con El Eco del Miño, El Porvenir, El Clamor, El Voto Popular e El Libredón. Publicou o ensaio La crisis religiosa. En 1880 comeza a colaborar con La Ilustración Gallega y Asturiana, xunto cos grandes persoeiros do panorama galego, como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal ou Emilia Pardo Bazán. Publica Las Serenatas de Schubert e, no ano 1881, El pueblo y la revolución. Carta al Sr. D. Nicanor Rey.

Querela, desterro e emigración (1882-1885) Armesto reproduce no seu periódico El Anunciador un solto que aparece en La Verdad, tamén reproducido en La Concordia. Nel relátase o chamamento a Madrid de José Elduayen Gorriti, Marqués do Pazo da Mercede, para render contas sobre o seu anterior cargo como Presidente do Banco de España, podendo referir algún tipo de actividade corrupta, como un desfalco. José Elduayen Gorriti denuncia aos tres directores dos respectivos periódicos e son condenados. No caso de Armesto, en segunda instancia, tendo que cumprir un desterro de 3 anos e 7 días. Comunícanllo o 9 de marzo de 1883. As buscas de apoio por parte dos seus amigos e «irmáns» masóns, como Práxedes Mateo Sagasta ou Antonio Romero Ortiz, non serviron de nada para trocar o desterro en multa.

O 31 de marzo de 1883 anúnciase a partida de I. Armesto a Coruña, lugar elixido para o desterro, e un día despois marcha. Tense como unha vítima do xogo político, orquestrado para librarse del e deixar en mans dos seus rivais políticos, como Eugenio Montero Ríos, os asuntos públicos, lonxe da súa potente e atenta crítica. Torcuato Ulloa dedícalle un poema que expresa a tristeza da situación e en «El Anunciador» denúnciase a situación de inxustiza que está a sufrir Armesto, así como se pretenden mostrar as causas profundas da mesma.

Xa en Coruña abre un bufete de avogados e participa da vida política e cultural, colaborando no xornal La Voz de Galicia, baixo o pseudónimo de «Rameau», aceptando a oferta de Xoán Fernández Latorre, o seu fundador. Destaca a súa recensión crítica de La cuestión palpitante de Emilia Pardo Bazán, tratando de facer compatíbel o naturalismo da autora co idealismo hegeliano.

Mal de saúde, mal economicamente, baixo de moral e sufrindo unha terríbel soidade, Indalecio decide marchar de Coruña. O 18 de decembro de 1883 emigra a Arxentina, para conseguir ser nomeado cónsul do país en Vigo. Non o consegue e regresa aos tres meses, o 12 de marzo de 1884. El Porvenir realizou unha síntese do proceso completo, dende a condena ata a ida á emigración.

Últimos anos e morte (1885-1890) Vaise a Madrid a principios de 1885, onde abre un bufete de non moito éxito. Continuou publicando en El Anunciador. Publicou o ensaio Pasado y Porvenir, onde acomete o devir dende o fracaso da Primeira República, revisando a súa historia persoal e analizando as figuras dos principais representantes do partido republicano: Emilio Castelar, Francisco Pi y Margall e Nicolás Salmerón. Na metade de abril de 1885 volveu a Galicia e instalouse na Estrada, onde continuou publicando en El Anunciador.

Pouco antes de rematar a súa condena, José Elduayen Gorriti perdoa a Armesto, o 7 de novembro de 1885. Regresa definitivamente a Pontevedra, continuando a súa actividade política e entrando nunha grande polémica con Miguel Payá y Rico, Arcebispo de Santiago, que remata co seu abandono de El Anunciador, segundo Armesto, mais pola perda do espírito republicano do xornal que por ver en perigo o seu sustento material. Aos poucos días do abandono de El Anunciador funda La Justicia, xornal feito á súa medida. Publica El Estado e Ruiz Zorrilla, Castelar, y Salmerón. Como avogado defendeu causas humildes ao longo da provincia, e en 1887 foi nomeado Presidente do Colexio de Avogados de Pontevedra.

O 19 de abril de 1889 é ferido de bala por Carmen Aldao, parente súa coa que se rumoreaban amores. Tras unha recuperación aparentemente doada de 20 días, reincorpórase como director de La Justicia, tendo en maio unha polémica co xornal La Integridad por mor do asasinato de dous albixenses considerados herexes. Morre 10 meses despois, o 22 de febreiro de 1890, dun derramamento cerebral, seguramente consecuencia dunha secuela ou deficiente recuperación. Foi soterrado no cemiterio de Santo Amaro de Pontevedra.

Pensamento político Indalecio Armesto foi durante toda a súa vida un personaxe público comprometido coa reforma social e económica, tendo como máximo ideal a xustiza. As reformas políticas, aínda que relevantes, eran consideradas secundarias. O medio para acadar as reformas sempre foi, para el, a legalidade e o dereito, xa que descartaba totalmente as vías da violencia e da loita armada cidadán. Era de vital importancia lograr un equilibrio harmónico entre o individuo e a sociedade, superando na síntese da antinomía o colectivismo, asociado ao comunismo, e o anarquismo individualista, chegando incluso a falar do equilibrio entre traballo e capital, facendo gala das reminiscencias proudhonianas que lle acompañarían para sempre.