A Haganah (hebreo: "Defensa", הגנה) foi unha organización paramilitar xudía que actuou en Palestina entre 1920 e 1948, durante o mandato británico. Coa constitución do Estado de Israel a Haganah constituíu a base do exército israelí.
Orixe A HaShomer, milicia que se fundou en 1909, foi o antecesor da Haganah. Era un pequeno grupo de inmigrantes xudeus que vixiaban os asentamentos xudeus por unha cota anual, e nunca superaron os 100 membros. Tralas revoltas árabes de 1920 e 1921 constituíuse a Haganah para gardar os kibbutzs e facer fronte aos ataques árabes. Ata 1929 as unidades da Haganah tiñan unha organización local e estaban mal armadas, consistían sobre todo en granxeiros que vixiaban os seus asentamentos por quendas. Pero logo da revoltas árabes de 1929, que deixaron 133 xudeus mortos e a expulsión dos xudeus de Hebrón, entraron na Haganah case todos os homes dos asentamentos, e moitos das cidades, e adquiriron armas no estranxeiro. En 1936 tiña 10.000 membros activos e 40.000 reservistas. Na Gran Revolta árabe (1936-1939) participou activamente para protexer os intereses británicos e para frear a insurxencia árabe: aínda que a administración británica non a recoñeceu oficialmente, o exército británico cooperou activamente con ela para formar a policía xudía dos asentamentos e as forzas auxiliares xudías. En 1937, os dirixentes máis dereitistas da Haganah formaron o Irgun Zvai-Leumi, caracterizado polos seus métodos de combate clandestino.
Trala revolta os británicos restrinxiron a inmigración xudía a Palestina: en resposta, Haganah organizou unha rede de inmigración ilegal e manifestacións en contra dos británicos.
Segunda guerra mundial Nos primeiros anos da segunda guerra mundial reanudouse a cooperación entre os británicos e a Haganah polo temor a un avance dos alemáns e italianos no Norte de África, pero trala desfeita de Rommel en El Alamein (1942), os británicos deixaron de apoiar á Haganah. En 1943 os británicos crearon a Brigada Xudía, a primeira unidade militar xudía que serviu na guerra. Mentres, Haganah creou o 19 de maio de 1941 a Palmach, unha unidade de elite.
Despois da guerra Despois da guerra, a Haganah realizou operacións antibritánicas en Paletina e continuou a organizar a inmigración ilegal. O 28 de maio de 1948 Haganah desapareceu ao se crear as Forzas de Defensa israelís.
Membros famosos Yitzhak Rabin Ariel Sharon Rehavam Zeevi Dov Hoz Moshé Dayán Ruth Westheimer
Categoría:Organizacións paramilitares en Israel Categoría:Movementos de liberación nacional