Luís Trigo Chao, coñecido como Gardarríos e Chao, nado en San Pantaleón de Cabanas (Ourol) o 24 de decembro de 1889 e finado en Lourenzá o 25 de xuño de 1948, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Traxectoria Emigrou moi novo a Cuba, onde traballou na hostalería e nunha fábrica de mobles. Despois marchou a Arxentina, regresando a Mondoñedo en 1921 como gardarríos da Sociedade Venatoria Provincial. Foi presidente da Agrupación Socialista de Mondoñedo. Ao producirse o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu ao monte, permanecendo agochado nas casas dos amigos. alt=Nota da morte do Gardarríos (26 de xullo de 1948 no El Progreso), tomada do libro 'José María Rodríguez Díaz, in memoriam'|miniatura|Nota da morte do Gardarríos en El Progreso, 26 de xullo de 1948. A súa actividade guerrilleira comezou en 1939, desenvolvéndose no norte da provincia de Lugo, nas zonas de Lourenzá, Abadín, Viveiro e Mondoñedo, mantendo contacto cos membros do Grupo Neira. Foi acusado polas autoridades de ser o autor do axustizamento do xefe falanxista José Viador Traseira o 9 de abril de 1940. Actuou case sempre en solitario e nalgunhas accións acompañado de Perfecto Requeijo Rouco ou Roberto Alonso Díaz. Morreu a mans dunha contrapartida (unha brigadilla, con base operativa en Viveiro, formada por dous policías e catro membros voluntarios da gardia civil) en Vilanova de Lourenzá o 25 de xuño de 1948 non estando claro como chegou a producirse o engano que o levou á morte. Co Gardarríos caeu a súa compañeira Antonia Díaz Pérez.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Ficha do documental A Contracorrente. Vida e morte de Luis Trigo

Categoría:Políticos do PSOE Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia Categoría:Nados en Ourol Categoría:Nados en 1889 Categoría:Finados en 1948 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes