miniatura|dereita|220px Francesco Cossiga, nado en Sassari o 26 de xullo de 1928 e finado o 17 de agosto de 2010, foi un político sardo, que chegou a ser presidente da República italiana entre 1985 e 1992.
Traxectoria Mocidade Francesco Cossiga naceu nunha familia burguesa de Sassari en 1928. Estudante precoz, licenciouse en Dereito con só dezanove anos. Aos dezasete afiliouse á sección sassaresa da Democracia Cristiá e na Federación Universitaria Católica Italiana (FUCI), onde ocupou cargos de relevancia. Nos anos cincuenta, ao tempo que conseguía a súa cátedra de dereito constitucional, iniciou a súa carreira política dando un golpe de leme no control da Democracia Cristiá de Sardeña, no que se coñeceu co nome de giovani turchi (mozos turcos). En 1958 é elixido deputado e en 1966 pasou a desempeñar o cargo de subsecretario de estado de Defensa no terceiro goberno do democristián Aldo Moro. Dende novembro de 1974 a febreiro de 1976 foi ministro de Administracións públicas no cuarto goberno de Moro e o 12 de febreiro dese ano accede ao cargo de ministro de Interior.
No goberno Entre as súas actuacións como ministro de Interior figurou o envío de tropas blindadas para calmar os disturbios entre estudantes e forzas da orde en Boloña (1977), reformou os servizos secretos e creou corpos especiais para a policía e para os carabinieri. En marzo de 1978 as Brigade Rosse secuestran o presidente do goberno Aldo Moro, e Cossiga dirixe o gabinete de crise inicial. Tamén continúa no posto de ministro do interior baixo o cuarto e o quinto goberno de Giulio Anddreotti. Porén, cando aparece o cadáver de Moro na rúa Michelangelo Caetani de Roma, Cossiga dimite de todos os seus cargos.
O 4 de agosto de 1979 é nomeado presidente do goberno, cargo no que permanece 14 meses, ata outubro de 1980, cando se ve obrigado a dimitir tras filtrarse que axudara ao fillo dun amigo, perseguido por terrorismo, a escapar da policía. Despois dun tempo afastado da política, en 1983 é elixido senador, e seguidamente presidente do Senado.
Presidente da República miniatura|220px En 1985 convértese no oitavo presidente da República Italiana, ao suceder a Sandro Pertini. Por primeira vez na historia chegaba ao cargo un presidente elixido na primeira volta polo parlamento (752 votos de 977 posibles): Cossiga recibiu os apoios da lóxica Democracia Cristiá, pero tamén do PSI, PCI, PRI, PLI, PSDI e Sinistra indipendente.
Se ben o seu primeiro mandato (1985-1989) foi discreto como correspondía ás funcións garantistas do cargo de presidente da República, no segundo período, entre 1989 e 1992, tivo un maior grao de intervención na vida política. Durante este segundo período, Cossiga viuse implicado en varias polémicas. A máis importante foi o seu envolvemento na trama Gladio, a rama italiana da rede de espionaxe Stay Behind Net, promovida pola CIA nos países da OTAN durante a guerra fría. Gladio, que tivo ao seu mando a Cossiga cando foi subsecretario de Defensa, espiou entre outras cousas as accións do Partido Comunista Italiano.
Dimitiu a dous meses de que rematase o seu mandato, en abril de 1992, e foi substituído temporalmente polo daquela presidente do Senado, Giovanni Spadolini.
Senador vitalicio O feito de ser presidente da República garántelle o paso ao posto de senador con carácter vitalicio. Nese momento, e durante a fonda crise que afecta a Democracia Cristiá, Cossiga impulsa en 1998 a creación dunha nova formación, a UDR coa intención de constituír unha alternativa de centro que agrupase as dispersas forzas dos democristiáns. A UDR consegue as adhesións dos Cristiáns Demócratas Unidos de Rocco Buttiglione e de Clemente Mastella, e tamén dunha escisión do Centro Cristián Democrático.
Cando Rifondazione comunista fai caer o primeiro goberno de Romano Prodi, Cossiga e a súa formación foron determinantes para que se puidese formar o primeiro goberno D'Alema. En 2000 a UDR disólvese e pasa a integrarse na UDEUR de Clemente Mastella, e Cossiga pasa a ocupar unha posición marxinal na escena política italiana. En 2002 anunciou a súa dimisión como senador vitalicio, se ben non chegou a presentala, anuncio que repetiu en 2005 sen tampouco levalo a termo. Colaborador de xornais, a súa máxima intervención política foi o apoio ao segundo goberno Prodi en 2006 e ao goberno Berlusconi en 2008, así como a presentación en 2006 dunha iniciativa lexislativa para a reforma das institucións políticas sardas e o recoñecemento dunha nación sarda.
Vida persoal Casado –obtivo a anulación polo Tribunal da Rota logo de 33 anos de matrimonio—, sufriu diversos períodos depresivos ao longo da súa carreira políticaUn personaggio pirandelliano, Eugenio Scalfaro, La Repubblica, 18/8/2010. O 9 de agosto de 2010 ingrésano cunha crise respiratoria, e morre o 17 de agosto ao sumárselle á insufficiencia respiratoria un episodio cardíacoAddio al Picconatore, è morto Cossiga, corriere.it, 17/8/2010. Os funerais celebráronse en primeiro lugar na Basilica di San Carlo al Corso en Roma e despois na Igrexa de San Xosé, en Sassari, onde ademais foi soterrado, no camposanto monumental da cidade, non lonxe da campa doutro político democristián sardo, Antonio Segni.
Era radioafeccionado, e mantivo esta afección tamén cando vivía nas residencias oficiais do presidente do goberno e de presidente da República.
Obras I diritti umani e la loro protezione. La convenzione europea, con Carlo Russo, Giuseppe Sperduti, Marc-Andre Eissen, Fausto Pocar, Roma, Società Italiana per la Organizzazione Internazionale, 1986. Note sulla libertà di espatrio e di emigrazione. Sassari, 1953-Napoli, 1990. Nápoles: Università degli studi di Napoli Federico II, 1990. Externator. Discorsi per una repubblica che non c'è. Milán: A. Mondadori, 1992. Parola di Cossiga. Così il presidente ha parlato. Milán: Polypress, 1992. Parole inutili (forse). Roma: Colombo, 1992. Il torto e il diritto. Quasi un'autobiografia personale. Milán: A. Mondadori, 1993. Pensieri in libertà. Ma secondo un criterio. Sei interviste. Roma: Colombo, 2000. La passione e la politica. Milán: Rizzoli, 2000. Francesco Cossiga (a cura di), Sir Thomas More, santo e martire. Patrono dei governanti e dei politici. Raccolta documentale, Roma: Colombo, 2001. Discorso sulla giustizia. Macerata: Liberilibri, 2003. La guerra versus l'Irak. Luci e ombre per un cattolico liberale. Lettera ad un giovane amico cattolico. Roma: Colombo, 2003. Pensieri di un cristiano democratico per gli amici de Il circolo, ovvero Il discorso che non ho potuto pronunziare. Roma: Colombo, 2003. Per carità di patria. Dodici anni di storia e politica italiana, 1992-2003. Milán: Mondadori, 2003. Italiani sono sempre gli altri. Controstoria d'Italia da Cavour a Berlusconi. Milán: Mondadori, 2007. L'uomo che non c'è, entrevista de Claudio Sabelli Fioretti. Reggio Emilia: Aliberti, 2007. Mi chiamo Cassandra. Arguzie, giudizi e vaticini di un profeta incompreso. Soveria Mannelli: Rubbettino, 2008. Novissime picconate, entrevista de Claudio Sabelli Fioretti. Reggio Emilia: Aliberti, 2009. La versione di K. Sessant'anni di controstoria, con Marco Demarco, Roma: Rai-ERI; Milán: Rizzoli, 2009.
Notas
Presidentes de Italia Categoría:Presidentes do goberno de Italia Categoría:Nados na provincia de Sassari Categoría:Nados en 1928 Categoría:Finados en 2010 Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Navarra