José Manuel Neira Fernández, coñecido como Neira, nado en Cuíña (Ortigueira) o 19 de febreiro de 1909, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Traxectoria Traballou de ferreiro en Cuíña e pertenceu ao Sindicato xeral de proletarios de San Clodio da CNT. Escapou ao monte, onde xa estaba fuxido o seu irmán Amandino Neira, ao ser mobilizada a súa quinta en 1937. O 1 de xuño de 1939 a Garda Civil e tropas do exército procedentes de Ferrol rodearon a cova de Montemeao onde estaba acubillado co seu irmán Amandino e Modesto Villar Ínsua; Amandino e Modesto morreron polos disparos e José, ferido nunha man, conseguiu saír do cerco grazas á colaboración dun grupo de soldados sitiadores. O 18 de xullo de 1939 os seus pais, dúas irmás, a súa muller e varios veciños foron deportados a Herrera del Pisuerga acusados de colaborar cos fuxidos; Gloria Giz Castro, a moza de Amandino, foi encarcerada na prisión de Ferrol. O 15 de agosto de 1939 foi localizado pola Garda Civil con José Fernández Formoso nunha casa dos Freires, pero puido fuxir. Ao conseguir organizar ao fuxidos das comarcas de Viveiro e Ortegal, converteuse no líder do primeiro grupo de guerrillas estable en Galicia, que se coñeceu como Grupo Neira, composto maioritariamente por anarquistas.
Tras ser xulgado e declarado en rebeldía, desapareceu en 1944 sen saberse o seu paradoiro. Varias fontes afirman que foi eliminado por José Castro, militante comunista, cando o PCE pretendeu facerse co control do movemento guerrilleiro.Parrado, p. 110. Foi substituído polo comunista asturiano Marcelino Rodríguez Fernández Marrofer, que deu paso ao control do movemento guerrilleiro polo PCE.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas José Neira Fernández, líder antifranquista
Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia Categoría:Nados en Ortigueira Categoría:Nados en 1909 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes