Florentino Menéndez Palacio, coñecido como Tino ou Asturiano, nado en Los Cuarteles de Peñarrubia (Lada, Langreu) cara a 1922 e finado en Teo o 19 de maio de 1948, foi un guerrilleiro antifranquista.
Traxectoria Antigo guerrilleiro do grupo Os Caxigales que operaba na zona central de Asturias. Desprazouse a Galicia como traballador nas minas de Fontao, onde se incorporou á dirección do PCE en Galicia que viña de reorganizar Víctor García García "Brasileño". Dende 1947 integrouse na V Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia liderada por Benigno Andrade "Foucellas" e José Remuiñán Barreiro "Ricardito". O grupo foi avistado pola Garda Civil en Loureiro (Luou) o 19 de maio de 1948. A benemérita incendiou a casa onde se refuxiaban os guerrilleiros e Florentino morreu polos disparos das metralladoras xunto a Manuel Agrasar Cajaraville, Vicente López Novo e Ricardo Fernández Carlés; tamén morreu o garda civil Manuel Gardón Castro. "Foucellas" e "Ricardito" lograron fuxir.
O corpo de Florentino foi exhumado no ano 2025, xunto co dos seus compañeiros, da foxa común do cemiterio de Luou onde foran soterrados tras caer abatidos, despois do traballo levado a cabo polo grupo de investigación HISTAGRA.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Guerrilleiros antifranquistas Categoría:Nados en Langreu Categoría:Nados en 1922 Categoría:Finados en 1948