miniatura|O estadio do Betis leva o seu nome. Benito Villamarín Prieto, nado en Puga (Toén) en 1917 e finado en Sevilla o 15 de agosto de 1966, foi un industrial galego, presidente do Real Betis Balompié entre 1955 e 1965.
Chegada a Sevilla Chegou a Sevilla despois da guerra civil española, antes de partir cara á Arxentina, que era o seu destino. Porén, quedou en Lora del Río onde dirixía un almacén de olivas o seu tío Andrés e onde coñeceu a quen sería a súa esposa, Ángeles Guillén.
Real Betis Converteuse nun referente no negocio olivícola, pioneiro ademais na exportación aos Estados Unidos. Sería xente dese mundo quen o levaría ata o Betis. Eles e o respaldo institucional do entón capitán xeneral da Segunda Rexión Militar, o tenente xeneral Eduardo Sáenz de Buruaga decidiron que Benito Villamarín tomase a dirección do club. En última instancia foi Sáenz de Buruaga quen convenceu a Villamarín para entrar no club como presidente
Tomou posesión como presidente do Betis o 28 de maio de 1955, nunha época crítica do equipo, tras estar 7 anos en 3ª división. Fichou como adestrador a Sabino Barinaga e confiou nun xogador prometedor, Luis del Sol, que acabaría sendo un dos xogadores máis importantes na historia do club. O equipo logrou o ascenso á primeira división na tempada 1957-58 con Antonio Barrios como adestrador.
Villamarín puxo orde na institución, e malia que tivo que tomar algunhas decisións impopulares como a venda de Luis del Sol, xerou novas ilusións á afección bética con actuacións como a compra do Estadio Benito Villamarín en 1961.
Filantropía A relación de Benito Villamarín Prieto coa cidade non rematou no deporte, pois el e a súa muller, Ángeles Guillén Morillo, custearon o paso de Xesús Cautivo. O paso de Xesús Cativo xunto co paso de Nosa Señora das Mercedes compoñen a procesión da Irmandade de Santa Xenoveva do Luns Santo en Sevilla. En agradecemento Benito Villamarín foi nomeado Tenente Maior Honorífico desta irmandade fundada en 1956 e que toma o seu nome da muller de Gonzalo Queipo de Llano.
Enfermidade e morte Finou por mor dun cancro de pulmón o 15 de agosto de 1966, do cal se operara en Boston en 1960.
Recoñecementos e polémicas Benito Villamarín é o nome do estadio de fútbol onde xoga os seus partidos como local o Real Betis. En 1997 recibiu o nome do por entón presidente Manuel Ruiz de Lopera, para volver a recuperar a denominación anterior en 2010 por votación entre os socios béticos.
Unha praza do municipio de Lora del Río leva o nome de Industrial Benito Villamarín por acordo do pleno do Concello de Lora del Río de 20 de marzo de 2017, cos votos a favor de Partido Popular e de Compromiso por Lora, os votos en contra de PSOE e de Izquierda Unida, e a abstención de Ciudadanos. Un dos méritos principais é que, en 1943, estableceu unha fábrica por conta propia de asado de pementos e de envasado de olivas que deu moitos postos de traballo na vila e que logo sería motor doutras fábricas na provincia. Izquierda Unida argumentou o voto contrario da organización en que a denominación non respectaba a ordenanza de 2016 que establecía que se manterían os nomes tradicionais no nomenclátor. O da praza en cuestión era praza da Cheminea. IU recoñecía que Benito Villamarín creou postos de traballo, mais en que condicións; que sacou proveito de Lora e que cando lle interesou marchou para Utrera.
Notas
Categoría:Presidentes do Real Betis Balompié Categoría:Nados en Toén Categoría:Nados en 1917 Categoría:Finados en 1966 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes