Os Azores, oficialmente Rexión Autónoma dos Azores (en portugués Açores ou Região Autónoma dos Açores) , son un territorio da República Portuguesa, sito no Atlántico nordés, dotado de autonomía política e administrativa a través do Estatuto Político-Administrativo da Rexión Autónoma dos Azores. Os Azores integran a Unión Europea co estatuto de rexión ultraperiférica do territorio da Unión, conforme o establecido no artigo 299.º-2 do Tratado da Unión Europea.
Localización xeográfica Os Azores son un arquipélago que, aínda que situado precisamente sobre a Dorsal Media Atlántica, debido á súa proximidade co continente europeo e á súa integración política na República Portuguesa e na Unión Europea considérase, xeralmente, parte de Europa.
O arquipélago sitúase no nordés do océano Atlántico entre os 36º e os 43º de latitude norte e os 25º e os 31º de lonxitude oeste. Os territorios máis próximos son a Península Ibérica, a preto de 2000 km ao leste, Madeira a 800 km ao sueste, Nova Escocia a 2300 km ao noroeste e as Bermudas a 3500 km ao suroeste. Integra a rexión bioxeográfica da Macaronesia.
Territorio e clima O arquipélago dos Azores constitúeno nove illas principais divididas en tres grupos distintos:
Grupo Occidental Corvo illa das Flores Grupo Central Faial Graciosa Pico São Jorge Terceira Grupo Oriental Santa María São Miguel
O Grupo Oriental inclúe tamén un grupo de rochedos e arrecifes oceánicos, sitos a nordés de Santa María, chamados illotes das Formigas, ou simplemente Formigas, que co arrrecife do Dollabarat, constitúen a Reserva Natural do Illeu das Formigas, un dos lugares máis importantes para a conservación da biosfera mariña no nordés Atlántico.
O punto máis alto do arquipélago está situado na illa do Pico - e de aí o seu nome, a Montaña do Pico - cunha altitude de 2 352 m. A orografía azoriana é moi accidentada, con liñas de relevo orientadas na dirección leste-oeste, coincidentes coas liñas de fractura que están na xénese das illas. Este arquipélago fai parte da cordilleira submarina que se estende desde Islandia para sur e suroeste, con orientación sensibelmente paralela á inflexión das costas continentais.
O clima é temperado, rexistrándose temperaturas medias de 13 °C no inverno e 24 °C no verán. A Corrente do Golfo, que pasa relativamente preto, mantén as augas do mar a unha temperatura media entre os 17 °C e os 23 °C. O ar é húmido, cunha humidade relativa media de preto do 75%.
A orixe volcánica dos Azores ten a súa expresión máxima na Illa de São Miguel, no famoso Vale das Furnas, e tivo a súa máis recente actividade terrestre no Volcán dos Capeliños, na illa do Faial, en 1957-1958. No mar, a última erupción verificouse ao longo da Serreta (illa Terceira) en 1998-2000.
Importancia xeoestratéxica A súa localización na zona central do Atlántico Norte, fixo que as illas azorianas constituísen durante séculos unha auténtica encrucillada nas rotas transatlánticas.
miniatura|Os grupos central e oriental vistos do espazo (imaxe MODIS do Satélite TERRA da NASA
Na fase da navegación á vela, debido ao réxime de ventos e correntes que obrigaba á "volta do largo", as embarcacións provenientes do Atlántico Sur (da India, Extremo Oriente e outras partes de Asia, de África, do Brasil e outras partes da América do Sur) e do Caribe facían unha longa rotación no senso dos punteiros do reloxo que as traía ata as proximidades do Grupo Occidental, cruzando despois o arquipélago en dirección á Europa. É ese o percorrido que aínda fai hoxe en día a navegación de recreo, utilizando como punto de apoio o porto da Horta, illa do Faial.
Coa chegada da navegación a vapor, os portos dos Azores, particularmente os de Ponta Delgada e Horta, os únicos con peiraos de protección e peiraos de dimensión apreciábel, asumiron un papel importante no fornecemento de carbón.
Coa aparición da aviación, os Azores gañaron axiña importancia como punto de apoio. As primeiras travesías aéreas do Atlántico facían escala nos Azores, e a Horta, coa súa baía abrigada e ligazóns telegráficas intercontinentais vía cabo submarino, foi unha importante escala nas ligazóns entre a Europa e a América por hidroavión no período inmediatamente anterior á segunda guerra mundial.
Terminada a guerra, a base americana da illa de Santa María transformouse axiña nun aeroporto internacional e centro de escalas técnicas para as aeronaves que cruzaban o Atlántico entre as Américas, o sur de Europa, o norte de África e o Medio Oriente. Igual papel, mais para a aviación militar, tivo (e continúa a ter) a Base das Laxes, na illa Terceira, onde se instalou, despois da saída do continxente británico chegado en 1943, unha base americana (aínda en pleno funcionamento).
As discusións en torno do papel xeoestratéxico dos Azores e da función do arquipélago como punto de fronteira entre as esferas de interese norteamericana e europea aínda asume papel relevante na discusión política azoriana e na postura da clase política face aos intereses portugueses no Atlántico. As cuestións en torno da distribución de contrapartidas concedidas polos Estados Unidos de América pola utilización da Base Aérea das Laxes, na illa Terceira ten ocupado, aínda que de forma estéril, a actividade parlamentaria e son presenza constante na negociación con Portugal e cos Estados Unidos.
Máis recentemente, o feito de que as augas da zona económica exclusiva (CEE) dos Azores sexan de lonxe as maiores da Unión Europea, cos seus 994 000 quilómetros cadrados, e que por iso constitúan o groso das chamadas "augas occidentais" da Unión, ten levado a acesos debates sobre as vantaxes da integración azoriana na Unión Europea. Nos termos dos tratados en vigor, e do proxecto de tratado para a Constitución Europea, a xestión dos recursos biolóxicos mariños é competencia exclusiva da Unión, o que levou xa á abertura parcial da pesca (entre as 100 e as 200 millas náuticas) a embarcacións comunitarias contra a vontade do goberno azoriano. miniatura|Topografía dos Azores (imaxe xerada a partir dos dados altimétricos da misión SRTM/NASA) miniatura|Illa de Pico.
Para comprender a posición do arquipélago obsérvense as seguintes distancias medidas ao longo da ortodrómica (gran círculo) a partir dun punto sito no centro xeográfico dos Azores (38°35′ N; 28°5′ O): Funchal, Madeira — 1206 km; Lisboa — 1643 km; Micen Head, Irlanda — 2011 km; Cape Race, Terra Nova, Canadá — 2253 km; Londres — 2595 km; Praia, Cabo Verde — 2668 km; París — 2673 km; Reykxavik, Islandia — 2871 km; Hamilton, Bermuda — 3371 km; Boston, Mas., EUA — 3618 km; Nova York, N. Y., EUA — 3889 km; Brasilia — 6385 km.
División administrativa Politicamente os Azores son desde 1976 unha rexión autónoma integrada na República Portuguesa. A Rexión Autónoma dos Azores ten un goberno propio e conta cunha ampla autonomía lexislativa, fundamentada na Constitución da República Portuguesa e no Estatuto Político-Administrativo da Rexión Autónoma dos Azores. Os órganos de Goberno propio son a Asemblea Lexislativa, un parlamento unicameral composto por 52 deputados elixidos por sufraxio universal e directo cada catro anos (última elección a 17 de outubro de 2004), e o Goberno Rexional, elixido pola asemblea, composto por un Presidente do Goberno, un Vicepresidente, e por 7 Secretarios Rexionais. A República Portuguesa é especialmente representada nos Azores por un Ministro da República, nomeado polo Presidente da República e proposto polo Primeiro ministro, ouvido o Consello de Estado e os órganos de goberno propio dos Azores.
A revisión constitucional de 2004 extinguiu o cargo de Ministro da República, creando na súa substitución un Representante Especial da República, nomeado polo Presidente da República, pola súa iniciativa, ouvido o Consello de Estado, e con mandato coincidente ao presidencial. Este novo dispositivo constitucional só se comezará a aplicar ao termo do mandato do actual Presidente da República (Jorge Sampaio) ou co cesamento do mandato do actual Ministro da República (Laborinho Lúcio). Laborinho Lúcio pasará así á historia como o último Ministro da República.
As illas non teñen existencia xurídica no ordenamento territorial azoriano, excepto na lei electoral, na cal serven de base para os círculos electorais, feito que ten levantado críticas visto que promove a sobre-representación das illas menos populosas na Asemblea Lexislativa e distorsiona a proporcionalidade, e na existencia dun órgano consultivo denominado Consello de Illa. A subdivisión administrativa principal do arquipélago faise, pois, ao nivel dos seus 19 municipios.
Para alén dos concellos listados no cadro abaixo, existiron nos Azores, ata á reforma administrativa do século XIX, os seguintes: concello do Topo (hoxe integrado no concello da Calheta de São Jorge); concello da Praia da Graciosa (hoxe integrado no concello de Santa Cruz da Graciosa); concello de San Sebastián (hoxe integrado no concello de Angra do Heroísmo); concello das Capelas (hoxe integrado no concello de Ponta Delgada); e concello de Auga de Pau (hoxe integrado no concello da Lagoa). As freguesías que foron sedes daqueles concellos recuperaron, polo Decreto Lexislativo Rexional n.º 29/2003/A, de 24 de xuño, da Asemblea Lexislativa, a categoría de "vila". As poboacións de Capelas e freguesías veciñas reivindican a restauración daquel concello.
Á súa vez os concellos subdivídense en freguesías, con excepción do concello do Corvo onde, dada a súa pequenez, o Estatuto Político-Administrativo da Rexión Autónoma dos Azores estabelece que as funcións cometidas a aquel nivel da administración no restante territorio son exercidas directamente polos correspondentes órganos municipais.
{| align=center border=1 cellpadding=10 cellspacing=0 style="margin: 2 2 2 2; background: #ffffff; border: 1px #aaaaaa solid; border-collapse: collapse; text-align:left; font-size: 95%;" |- ! style="background:#efefef; text-align:center" colspan=7 |División administrativa, área e poboación |- ! style="background:#efefef; border-bottom:2px solid gray; text-align:center" |Illa ! style="background:#efefef; border-bottom:2px solid gray; text-align:center" |Concello ! style="background:#efefef; border-bottom:2px solid gray; text-align:center" |Área km² ! style="background:#efefef; border-bottom:2px solid gray; text-align:center" |Poboación(1991) ! style="background:#efefef; border-bottom:2px solid gray; text-align:center" |Poboación(2001) ! style="background:#efefef; border-bottom:2px solid gray; text-align:center" |Variación1991/2001(%) ! style="background:#efefef; border-bottom:2px solid gray; text-align:center" |DensidadePop. (2001)(hab/km²) Santa Maria: 97,2 5 922 5 578 - 5,8 54,5 Vila do Porto 97,2 5 922 5 578 - 5,8 54,5 São Miguel: 746,8 125 915 131 609 + 4.5 176,2 Lagoa 45,6 12 900 14 126 + 9,5 311,8 Nordeste 99,9 5 490 5 291 - 3,6 52,1 Ponta Delgada 233,0 61 989 65 864+ 6,2 277,3 Povoação 108,0 7 323 6 726- 8,2 61,3 Ribeira Grande 180,2 27 163 28 462+ 4,8 158,2 Vila Franca do Campo 78,0 11 050 11 150+ 0,9 140,9 Terceira: 402,2 55 706 55 833 + 0,2 138,6 Angra do Heroísmo 241,0 35 270 35 581,0 + 0,9 146,2 Praia da Vitória 161,3 20 436 20 252- 0,9 124,4 Graciosa: 61,2 5 189 4 780 - 7,9 71,4 Santa Cruz da Graciosa 61,2 5 189 4 780 - 7,9 71,4 São Jorge: 245,8 10 219 9 674 - 5,3 39,4 Calheta 126,3 4 512 4 069- 9,8 31,5 Velas 117,4 5 707 5 605 - 1,8 47,2 Pico: 447,7 15 202 14 806 - 2,6 30,1 Lajes do Pico 155,3 5 563 5 041- 9,4 31,5 Madalena 147,1 5 964 6 136+ 2,9 41,3 São Roque do Pico 142,4 3 675 3 629- 1,3 25,3 Faial: 173,1 14 920 15 063 + 1,0 87,0 Horta 173,1 14 920 15 063 + 1,0 87,0 illa das Flores: 141,7 4 329 3 995 - 7,7 28,2 Lajes das Flores 70,0 1 701 1 502- 11,7 21,2 Santa Cruz das Flores 70,9 2 628 2 493- 5,1 34,8
Corvo: 17,1 393 425 + 8,1 25,0 Vila do Corvo 17,1 393 425 + 8,1 25,0
Azores 2 332,74 237 795 241 763 + 1,7 103,6 </table> Fonte: Servizo Rexional de Estatística dos Azores (SREA).
Análise da situación socioeconómica