Xacarandaina é unha asociación cultural, creada na Coruña no ano 1978, coa finalidade de recoller, conservar e transmitir o folclore popular galego. A palabra que nomea a agrupación ten dous sentidos, é un sinónimo de festa ou foliada e o nome dunhas antigas polainas empregadas para montar a cabalo.

Foi Premio da Cultura Galega, modalidade Patrimonio Cultural en 2022. Segundo a organización: é "referente da recuperación e catalogación dunha base importante do legado artístico tradicional galego".

Traxectoria A asociación foi fundada en outubro de 1978 por diferentes persoas do ambiente folclórico coruñés. Os seus primeiros directores, Rosi Ares e Lino Rivas, procedían dos agrupación local dos Coros e danzas franquistas, e desa asociación importou Xacarandaina os seus primeiros bailes. Cando no ano 1982 a dirección do grupo pasou ao bailador Henrique Peón, a agrupación comezou a busca dun repertorio propio mediante un intenso traballo de recollas etnográficas.

O primeiro destes traballos de campo tivo lugar en Moldes (Melide), continuando desde aquela até o presente, e desenvolvéndose con especial intensidade nas décadas de 1980 e 1990. Froito deste labor Xacarandaina adquiriu un importante patrimonio de músicas, bailes, danzas, cancións, instrumentos e traxes autóctonos que foi levando aos escenarios, o longo do tempo, en actuacións por todo o mundo. Con eles creou tamén unha unha serie de espectáculos etnográficos de grande formato: Costumes e saberes dun pobo (1992), Unha viaxe por noutrora (1996), Ribeirana (1997), Camiño do Sul (1999), Atruto (2001), Prestixio (2004), Galicien Amerika Line (2012), O poder do arcabuz (2016).

No ano 2019, co gallo do seu 40 aniversario, a agrupación editou un disco con pezas obtidas nas recollidas, e celebrou unha grande gala de celebración no Teatro Colón da Coruña.

En xullo de 2022 a agrupación estreou un novo espectáculo: Endaterra. Un percorrido pola cultura tradicional do itinerario do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía.

Actividades

Escola Xacarandaina comezou ensaiando nunha sala cedida polo concello da Coruña, no edificio "La Terraza" da rúa Juan Flórez. Rematada a concesión adquiriu polos seus propios medios un local na rúa Historiador Vedía, onde realiza actualmente as súas actividades. Na súa escola ensínanse diversas materias relacionadas co folclore galego: baile tradicional, gaita, pandeireta, percusión etcétera.miniatura|Xacarandaina no Festival de Lorient do ano 2019 Grupo A agrupación conta cun grupo de música e baile duns 50 compoñentes, a maioría saídos da propia escola. Por el foron pasando o longo dos anos moitos persoeiros da música galega contemporánea: Mercedes Peón, Pablo e Xabier Díaz, Bieito Romero, Sés, Xurxo Fernandes etc.

O grupo ten distintas seccións que actúan decote en solitario: unha charanga tradicional, un grupo de cantos de taberna (Os do fondo da barra), e un grupo de pandeireteiras. Neste último caso foi Xacarandaina a agrupación folclórica pioneira na súa incorporación, sendo hoxe habitual en todos os grupos galegos, e quen as levou por primeira vez a un estudio de gravación.

Na actualidade conta tamén cun coro propio, a imaxe dos tradicionais coros galegos de finais do século XIX.

Calendario anual Dentro do calendario anual da asociación hai unha serie de actividades fixas:

Concurso Interno de música e baile. No que actúa o alumnado da escola. Concurso de Baile e Música tradicional. Ao que asisten músicos e grupos de todo o país. Foliada e Romaría do Lecer. Clausura anual de actividades da asociación, ten lugar no parque de Santa Margarida e consiste nunha foliada nocturna e nunha romaría, no día seguinte, no que actúan tódolos grupos da escola. Día da Muiñeira. Celébrase nas rúas da Coruña. Os grupos bailan xuntos tres muiñeiras, de cinco voltas e catro puntos. Suspendeuse a súa celebración na década de 2010.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Xacarandaina - TVG (Alalá nº 47 - 2007). Os 40 anos de Xacarandaina - Radio Galega (Diario Cultural - 03/04-2019).

Categoría:Asociacións culturais de Galicia Categoría:Cultura na Coruña Categoría:Premios da Cultura Galega