Jesús Vázquez Almuíña, chamado Sito, nado en Baiona en 1962, é un médico e político galego, que foi conselleiro de Sanidade de 2015 a 2020 e alcalde de Baiona de 2004 a 2015 e de novo desde 2023.

Traxectoria Licenciouse en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e exerceu como médico dende o comezo da súa carreira profesional no policlínico de Povisa, en Vigo. Entre 1994 e 1996 accedeu a unha praza en Segovia, pero en 1997 volveu a Vigo e en 1998 pasou a traballar no Hospital do Meixoeiro de Vigo. En 2001 foi nomeado director-xerente dese hospital e en 2003 pasou a ser director provincial do SERGAS en Pontevedra.

Cabeza de lista polo Partido Popular de Galicia nas municipais de 2003 en Baiona, o seu partido sufriu un revés ao baixar dous concelleiros e perder a alcaldía. Porén, en novembro de 2004, e grazas ao apoio de Coalición Miñorana e dos Veciños Independentes de Baiona, accedeu á alcaldía mediante unha moción de censura. En 2007 revalidou a vitoria electoral, aumentou tres concelleiros, e chega a pacto coa Coalición Miñorana para manterse na alcaldía. Nas municipais de 2011 volveu ser elixido alcalde, agora con maioría absoluta. Nas municipais de 2015 volveu ser elixido alcalde, tamén con maioría absoluta.

Ademais, dende xuño de 2003 foi deputado na Deputación de Pontevedra.

En outubro de 2015 foi nomeado Conselleiro de Sanidade, e o seu curmán, Ángel Rodal Almuíña tomou o relevo na alcaldía de Baiona. Foi elixido deputado no Parlamento de Galicia nas autonómicas de 2016. En xaneiro de 2017 renunciou ao seu cargo de deputado no Parlamento de Galicia.

En setembro de 2020 Alberto Núñez Feijóo prescindiu del na formación do novo goberno que seguiu ás eleccións galegas dese ano, durante a pandemia da COVID-19.

Dende novembro de 2020 a 2023 foi o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo. En 2023, presentouse de novo como candidato á alcaldía e conseguiu a maioría absoluta.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Eleccións municipais en Baiona

Categoría:Alcaldes de Baiona Categoría:Alcaldes de Galicia polo PPdeG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Conselleiros de Sanidade da Xunta de Galicia Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo PPdeG Categoría:Nados en Baiona Categoría:Nados en 1962 Categoría:Deputados da XI Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados da X Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Médicos de Baiona Categoría:Presidentes da Autoridade Portuaria de Vigo Categoría:Deputados provinciais de Pontevedra