Juan Ramón Aldalur Lasa, coñecido como Chapela II, nado en Tolosa (Guipúscoa) o 22 de decembro de 1948, é un exfutbolista vasco. Xogaba de dianteiro e destacou no Fabril de Arsenio e no Deportivo da Coruña, ata que unha rotura de tibia e peroné en 1968 truncou a súa carreira.
É irmán do tamén exfutbolista Miguel María Aldalur Lasa, alcumado Chapela.
Traxectoria Nacido en Tolosa, quedou orfo de pai e nai aos 13 anos, ingresando logo como interno no colexio Lecároz de Baztan. Comezou a xogar ao fútbol no internado e en 1966 viaxou á Coruña, onde fichou polo Fabril, da Terceira división, seguindo os pasos do seu irmán maior Chapela, que xogaba no Deportivo da Coruña. Na tempada 1967/68 baixo as ordes de Arsenio, o equipo despregou un gran xogo ofensivo, logrando soadas vitorias, como un 9-1 contra o Lemos con catro tantos de Chapela II. Deste xeito, con 17 goles, o dianteiro vasco ocupaba a primeira posición na táboa de goleadores de Terceira en xaneiro de 1968, cando, pretendido por varios equipos grandes, pasou a ter ficha do primeiro equipo do Deportivo, asinando un contrato por tres anos.
Debutou co equipo dirixido por Eguiluz en Segunda División na xornada 19, contra o Burgos no Plantío, e tardou só catro minutos en facer o seu primeiro gol. Xogou como titular os seguintes nove encontros e marcou seis goles máis, converténdose na gran figura do equipo, ata que rompeu a tibia e o peroné na antepenúltima xornada contra o Rayo Vallecano, nun choque contra o gardameta Mendieta. Con todo, os seus goles contribuíron a que o equipo se proclamase campión da categoría e ascendese a Primeira división. Durante esa tempada coincidiu por primeira e única vez con seu irmán nun mesmo partido, ante o Europa en Riazor, marcando dous goles cada un.
A lesión tívoo de baixa durante nove meses, reaparecendo en xaneiro de 1969 en Caracas, nun encontro amigable do seu equipo contra o Sporting de Portugal. Uns días despois debutou na máxima categoría contra o Real Madrid no Santiago Bernabéu, no único partido de liga que disputaría nesa tempada 1968–69. En marzo, e ante a falta de oportunidades no equipo de Cheché Martín, chegou a un acordo co club para regresar ao Fabril ata o final da tempada.
Volveu ao primeiro equipo na campaña 1969/70, participando en 18 encontros e anotando cinco tantos, dous deles no derbi contra o Celta en Balaídos. Con todo, o Deportivo acabou descendendo a Segunda División. Na tempada 1970–71, xa con Arsenio no banco, participou en 15 partidos e anotou 5 goles, no retorno do equipo á máxima categoría.
Comezou a tempada 1971–72 no Deportivo, pero uns días despois co comezo desta, foi traspasado ao Rayo Vallecano, en Segunda División, onde permaneceu dúas campañas. En 1973 fichou polo Logroñés, xogando alí tres tempadas ata a súa retirada.
Despois da súa retirada traballou como arquitecto técnico e comezou unha carreira de adestrador, sendo o seu primeiro equipo o Logroñés Promesas. A continuación regresou a Galicia, onde adestrou o equipo xuvenil do Deportivo da Coruña e o Orillamar. En 1978 converteuse no novo adestrador do Sporting Sada, ao que dirixiu ata novembro de 1985.
Persoal En xuño de 1972 casou na Coruña coa galega María Grien Docampo, da que se separou anos despois, aínda que continuou vivindo na Coruña.
Notas
Categoría:Nados en 1948 Categoría:Nados en Tolosa, España Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano Categoría:Xogadores do CD Logroñés Categoría:Adestradores de fútbol do País Vasco