miniatura|El Sah Abás de Irán e un paxe. Muhammad Qasim, 1627; Museo do Louvre, París. A figura do copeiro era habitual na poesía homoerótica árabe en xeral, conxugando tanto o xénero báquico (خمريات jamriyyat) como o amor homosexual (مذكرات mudhakkarat).

Existe unha recorrente presenza de poemas de carácter homoerótico na poesía hispanoárabe. A literatura erótica, a miúdo da máis alta calidade, floreceu na cultura islámica nunha época na que a homosexualidade, introducida como un refinamento cultural na cultura omeia, xogaba un papel importante nela.

Historia e características Entre os reis andalusíes a práctica da homosexualidade con mozos era bastante corrente; entre eles, o abadí Al-Mu'tamid de Sevilla e Yusuf III do reino nazarí de Granada escribiron poesía homoerótica. A preferencia polos cristiáns escravos no canto de mulleres ou efebos da súa propia cultura contribuíu a provocar a hostilidade dos reinos cristiáns. Tamén entre a comunidade xudía de al-Ándalus a homosexualidade foi incluso normal entre a aristocracia.

A contradición entre a condenatoria legalidade relixiosa e a permisiva realidade popular foi superada mediante o recurso a unha sublimación neoplatónica, o «amor udrí», dunha ambigua castidade. O obxecto de desexo, xeralmente un criado, escravo ou prisioneiro, invertía o rol social na poesía, converténdose en dono do amante, do mesmo modo que sucedeu co amor cortés da Europa medieval cristiá.

O homoerotismo presente na poesía andalusí establece un tipo de relación similar ó descrito na antiga Grecia: o poeta adulto asume un papel activo fronte a un efebo, que asume o pasivo, o que chegou a producir un tópico literario, o da aparición do bozo que permite, dada a ambigüidade descritiva dos poemas, tanto nas imaxes como nos usos gramaticais, identificar o sexo do amante descrito. Gran parte da poesía erótico-amorosa da época dedícase ó copeiro ou escanciador de viño, combinando os xéneros báquico (خمريات jamriyyat) e homoerótico (مذكرات mudhakkarat). MORAL, C. del, Contribución a la historia de la mujer a partir de las fuentes literarias; en

Comezou a florecer na primeira metade do século IX, durante o reinado de Abderramán II, emir de Córdoba. A caída do Califato de Córdoba no século XI e o subseguinte dominio dos almorábides e a división nos reinos de taifas, descentralizaron a cultura por todo al-Ándalus, producindo unha época de esplendor na poesía. A invasión almohade trouxo o xurdimento de novas cortes literarias nos séculos XII e XIII. A maior autonomía feminina nesta etnia norteafricana fixo aparecer un maior número de poetisas, algunhas das cales escribiron tamén poemas que cantaban a beleza feminina.

Contexto A civilización desenvolvida no Califato Omeia dende Córdoba competía coa da Europa cristiá e incluso chegou a superala. Tras a morte de Carlomagno no ano 814 e o posterior declive do seu Imperio, a única cidade que rivalizaba con Córdoba en Europa era Constantinopla, capital do Imperio bizantino e situada ó outro extremo do continente. Os califas de Córdoba superaban ós seus contemporáneos bizantinos en cultura. A literatura, en especial a poesía, foi cultivada con entusiasmo, como sucedía en todos os países árabes; durante a época, o árabe chegou a superar ó latín como lingua nas obras sobre medicina, astronomía e matemáticas; os cristiáns da península aprendían árabe para perfeccionar un expresivo e elegante estilo, e eruditos de toda a Europa cristiá viaxaban a Toledo ou a Córdoba para realizaren os seus estudos. É probable que mantivesen un estándar de administración pública superior: moitos dos súbditos cristiáns e xudeus preferían o goberno dos infieis, cuxa lexislación non era máis intolerante que as leis cristiás.

Tras a conquista árabe no ano 711 produciuse un florecemento único na Península Ibérica da poesía homoerótica, que repetía un fenómeno do mundo islámico en xeral, con paralelismos na lírica erótica de Iraq, Persia, Afganistán, a India, Turquía e países do norte de África como Exipto, Tunisia e Marrocos. As antoloxías de poesía medieval islámica das grandes capitais árabes mostran, ó longo de case un milenio, a mesma corrente de homoerotismo apaixonado que se atopa nos poemas de Córdoba, Sevilla ou Granada.

A homosexualidade, consentida baixo a base dunha tolerancia coránica xeral aos pecados da carne, introduciuse como un refinamento cultural entre os Omeyas, pese ás protestas dalgunhas escolas xurídicas. Así, Ibn Hazm de Córdoba foi tolerante co homoerotismo, mostrando só a súa reprobación cando se mesturaba con algún tipo de inmoralidade pública, actitude que, polo que parece, compartían os seus contemporáneos.

Tanto no filosófico como no literario o clasicismo grego foi coñecido e respectado polos autores andalusís, cuxa labor de tradución e compilación foi esencial na supervivencia de moitos textos clásicos. Moitos dos temas da poesía andalusí, como o eloxio da beleza efébica, beben directamente da poesía homoerótica grega, que coñeceron a través de traducións dende a época da gran biblioteca da Córdoba do califa omeia Hisham II.

A lei islámica e a homosexualidade A severidade e a intolerancia que caracterizaban o xudaísmo e o cristianismo tradicionais en materia sexual reapareceron nas leis da terceira relixión abrahámica. Respecto á homosexualidade, algunhas importantes escolas, como a do teólogo Malik de Medina ou a do literalista Ibn Hanbal, contemplaban a pena de morte, xeralmente por lapidación. Outras escolas de leis máis liberais reduciron o castigo á flaxelación, xeralmente cen lategazos.

Porén, outros aspectos da cultura islámica mostran certa contradición coa severidade, herdada do Vello Testamento, que dominaba a legalidade do islam a este respecto. A actitude popular era moito menos hostil co homoerotismo e os visitantes europeos sorprendíanse da relaxada tolerancia con este tema entre os árabes, que non parecían encontrar nada contranatural nas relacións entre homes e rapaces. Nos tratados árabes medievais sobre o amor, esta chamada "intoxicación emocional" é provocada non só polo amor das mulleres, senón tamén polo de rapaces e outros homes. Mentres no resto de Europa era penada coa fogueira, en al-Ándalus a homosexualidade era común e intelectualmente prestixiosa; a obra de autores como Ibn Sahl de Sevilla, explícita neste sentido, levouse a todos os confíns do mundo islámico como exemplo de poesía amorosa.

A única mención de Ibn Hazm ó lesbianismo en O colar da pomba é, en aplicación do islam, condenatoria. Pero as referencias árabes ó lesbianismo non son tan aparentemente condenatorias: menciónanse polo menos unha ducia de romances entre mulleres en The Book of Hind, ela mesma unha lesbiana arquetípica; perdeuse un Tratado sobre o lesbianismo (Kitab al-Sahhakat) do século IX, e traballos posteriores sobre erotismo árabe contiñan capítulos sobre este tema. Algunhas mulleres en al-Ándalus tiveron acceso á educación e puideron escribir libremente. Nos seus poemas, o amor por outra muller está tratado do mesmo xeito que o dos poetas homes por outros homes.

miniatura|Manuscrito B do Poema de Yuçuf (anónimo do século XIV). Na azora XII do Corán, Yūsuf é presentado como un home cuxa arrebatadora beleza provoca o amor.

En parte esta tolerancia ó homoerotismo é debida a que o islamismo non recoñece unha separación tan marcada entre a carne e o espírito como o cristianismo e ten aprecio polo pracer sexual. Outras razóns poderían ser estéticas: no Corán é un home, Yūsuf (o patriarca cristián Xosé), quen na azora XII é presentado como o máximo representante da beleza. En tal texto coránico móstrase tamén o concepto platónico de que o amor nace da beleza, de modo terrible, arrebatador. García Gómez sinala na súa introdución a O colar da pomba que os musulmáns chaman "al-iftitān bi-l-suwar" ó "trastorno ou conmoción que sofren as almas ó contemplaren a beleza concretada en formas harmoniosas", ilustrándoo coa historia das nobres exipcias que se cortan os dedos mentres pelan laranxas, arrebatadas pola beleza de Yūsuf.

Entre os reis andalusíes a práctica da homosexualidade con mozos era bastante corrente; Abderramán III, Alhakén II (quen tivo descendencia por primeira vez á idade de 46 anos, cunha escrava vasca cristiá que se travestía á moda de Bagdad, coma se fose un efebo), Abd Allah da Taifa de Granada, o nazarí Muhammed VI; entre eles, o abadí Al-Mu'tamid da Taifa de Sevilla e Yusuf III do Reino nazarí de Granada escribiron poesía homoerótica; Abderramán III, Alhakén II, Hisham II e Al-Mu'tamid mantiveron abertamente haréns masculinos. Consta que os hispanoárabes preferían como compañeiros sexuais ós cristiáns e cristiás escravos antes que ás mulleres ou ós efebos da súa propia cultura, o que provocaba a inimizade e as continuas hostilidades dos reinos cristiáns. É coñecido o martirio do neno cristián Paio por resistirse ós desexos de Abderramán III, primeiro califa omeia de Córdoba, feito polo que foi posteriormente canonizado.

Tamén entre a comunidade xudía de al-Ándalus a homosexualidade foi incluso normal entre a aristocracia. Citando o tomo colectivo Aspects of Jewish Culture in the Middle Ages (1979), en España había "unha cultura cortesá e aristocrática caracterizada por un individualismo romántico [no cal había] unha intensa exploración de todas as formas da sexualidade liberadora: heterosexualidade, bisexualidade, homosexualidade". O pracer homosexual non só era frecuente, senón que se tiña por máis refinado entre os acomodados e os cultos; polo que parece, existen datos que indican que os prostitutos sevillanos a principios do século XII cobraban máis que as súas compañeiras femininas e tiñan unha clientela de clase máis elevada. As prostitutas quedaban relegadas á plebe urbana e, sobre todo, ós campesiños que visitaban as cidades.

Homoerotismo na literatura andalusí Para superar a contradición entre a legalidade relixiosa e a realidade popular, a literatura árabe recorreu a un curioso hadiz atribuído ó mesmo Mahoma: "Aquel que ama e se mantén casto e oculta o seu secreto e morre, morre como un mártir". O poeta, aprehensor de beleza, víase impelido a cantar a beleza masculina. A sublimación do amor cortés a través do neoplatonismo, de cantar a beleza corporal transcendida en Beleza ideal, permitía ó poeta expresar os seus sentimentos homoeróticos sen perigo de censura moral.

O amor homosexual (مذكرات mudhakkarat) como tema literario deuse no ámbito da poesía en todo o mundo árabe; o xurista e literato persa Muhammad ibn Dawud (868-909) escribiu ós dezaseis anos o Libro da flor, unha antoloxía dos estereotipos da lírica amorosa que dedica amplo espazo ós versos homoeróticos; Emilio García Gómez salienta que a angustia de Ibn Dawud, debida á paixón homoerótica que sentiu toda a súa vida por un dos seus compañeiros de escola (a quen lle dedicou o libro), foi un resorte que lle conduciu a concretar un platonismo que García Gómez identifica como un "anhelo colectivo" na cultura árabe de reconducir un "nobre caudal espiritual" que non atopaba saída. Ibn Dawud revestiuno co mito árabe do "amor udrí", cuxo nome provén da tribo dos Banu Udra, que ven significar "Fillos da Virxindade": un idealismo refinado creado polos retóricos orientais, unha "ambigua castidade", segundo García Gómez, que era "unha mórbida perpetuación do desexo".

Tanto a tradición punitiva como a sentimental figuran na literatura andalusí, e destacadamente nos escritos do seu máis coñecido teórico do amor, Abu Muhammad 'Ali ibn Ahmad ibn Sa'id ibn Hazm (994-1064), máis coñecido como Ibn Hazm, que di do amor n'O colar da pomba: