miniatura|Hector Berlioz foi o primeiro en empregar o concepto de sinfonía coral para unha composición musical —o seu Roméo et Juliette. Unha sinfonía coral é unha composición musical para orquestra, coro e, en ocasións, solistas, que se adhire polo xeral no seu funcionamento interno e arquitectura musical global á forma musical sinfónica.Kennedy, Oxford Dictionary, 144. O termo sinfonía coral neste contexto foi acuñado por Hector Berlioz cando describiu a obra Roméo et Juliette na súa introdución de cinco parágrafos para a obra."Avant-Propos de l'auteur", Reiter-Biedermann's vocal score (Winterthur, 1858), p. 1. Citado en Holoman, 262. O antecedente directo da sinfonía coral é a Novena sinfonía de Ludwig van Beethoven. A Novena de Beethoven incorpora a parte da Ode an die Freunde (Himno á alegría), un poema de Friedrich Schiller, co texto cantado por solistas e coro no último movemento. É o primeiro exemplo do uso da voz humana por parte dun compositor maior no mesmo nivel que os instrumentos nunha sinfonía.
Uns poucos compositores do século XIX, en particular Felix Mendelssohn e Franz Liszt, seguiron a Beethoven na produción de obras sinfónicas corais. No século XX o xénero desenvolveuse notablemente, con obras destacadas de compositores como Gustav Mahler, Serguéi Rakhmáninov, Igor Stravinskii, Ralph Vaughan Williams, Benjamin Britten e Dmitrii Shostakovich, entre outros. Os últimos anos do século XX e o inicio do século XXI viron a aparición de máis obras neste xénero, entre elas composicións de Peter Maxwell Davies, Tan Dun, Philip Glass, Hans Werner Henze, Krzysztof Penderecki e William Bolcom.
O termo "sinfonía coral" indica a intención do compositor de que a obra sexa sinfónica, mesmo coa fusión de elementos narrativos ou dramáticos que derivan da inclusión da palabra. Con este obxectivo, as palabras son frecuentemente tratadas sinfonicamente para perseguir fins non narrativos, polo uso de repeticións frecuentes de palabras e frases importantes, e transposición, reordenación ou omisión de pasaxes do conxunto do texto. O texto frecuentemente determina o esquema básico sinfónico, mentres que a orquestra transmite as ideas musicais nunha importancia similar á do coro e os solistas.Kennedy, Vaughan Williams, 444. Mesmo cunha énfase sinfónica, unha sinfonía coral é frecuentemente influenciada na forma musical e no contido por unha narración externa, mesmo en partes onde non hai canto.
Historia miniatura|Ludwig van Beethoven redefiniu o xénero sinfónico introducindo letra e voces na súa Novena sinfonía. A finais do século XVIII a sinfonía estableceuse como o xénero instrumental máis prestixioso. Aínda que o xénero fora desenvolvido con considerable intensidade ao longo dun século e apareceu nun amplo rango de ocasións, a música era xeralmente empregada como unha obra de inicio ou de peche; no medio estarían outras que incluíran solistas vocais ou instrumentais.Larue e Wolf, New Grove (2000), 24:812 A causa da ausencia de texto escrito para o seu enfoque, esta foi vista como un vehículo para o entretemento máis que para as ideas sociais, morais ou intelectuais. A medida que a sinfonía foi medrando en tamaño e significado artístico, grazas en parte aos esforzos na forma de compositores como Haydn, Mozart e Beethoven, tamén acumulou prestixio. Houbo ademais un cambio de actitude cara á música instrumental en xeral; a ausencia de texto, antes vista como unha desvantaxe, pasou a ser considerada como unha virtude.Bonds, New Grove (2001), 24:835.
En 1824, Beethoven redefiniu o xénero sinfónico na súa Novena sinfonía introducindo texto e voz nun xénero previamente instrumental. A acción abriu un debate sobre o futuro da propia sinfonía. O uso de palabras por parte de Beethoven, segundo Richard Wagner, mostrou "os límites da música puramente instrumental" e marcaba "o final da sinfonía como un xénero vital".Citado en Bonds, New Grove (2000), 24:837. Outros non estaban seguros de como proceder, se emulando a Novena escribindo finais corais ou desenvolvendo o xénero sinfónico dun xeito puramente instrumental.Bonds, New Grove (2001), 24:837. Finalmente, segundo o musicólogo Mark Evan Bonds, a sinfonía foi vista como "un drama cósmico omnicomprensivo que transcendeu o reino do son por si só".Bonds, New Grove (2001), 24:838.
Algúns compositores emularon e ampliaron o modelo de Beethoven. Berlioz amosou na súa sinfonía coral Roméo et Juliette un novo enfoque á natureza épica da sinfonía empregando voces para mesturar a música e a narración, mais reservou momentos cruciais desta narrativa só para a orquestra. Ao facelo, segundo Bonds, Berlioz ilustra aos compositores posteriores "novos enfoques para abordar a metafísica no ámbito da sinfonía". Mendelssohn escribiu o seu Lobgesang como unha obra para coro, solistas e orquestra. Etiquetando a obra como unha cantata sinfónica, ampliou o final coral a nove movementos incluíndo seccións para solistas vocais, recitativos e seccións para coro; isto fixo a parte vocal máis longa que as tres seccións puramente orquestrais que a preceden.Todd, New Grove (2001), 16:403. Liszt escribiu dúas sinfonías corais, seguindo nestas formas de varios movementos as mesmas prácticas compositivas e os mesmos obxectivos programáticos que establecera nos seus poemas sinfónicos.
miniatura|esquerda|Krzysztof Penderecki escribiu a súa Sétima Sinfonía para celebrar o terceiro milenio da cidade de Xerusalén. Despois de Liszt, Mahler tomou o legado de Beethoven nas súas primeiras sinfonías, no que Bonds chama "os seus esforzos por un final utópico". Para este fin Mahler empregou un coro e solistas no final da súa Segunda sinfonía, a "Auferstehung" ("Resurrección"). Na súa Terceira, escribiu un final puramente instrumental seguindo a dous movementos vocais, e na súa Cuarta un final vocal é cantado por unha soprano solista.Bonds, New Grove (2001), 24:839. Logo de escribir as súas Quinta, Sexta e Sétima sinfonías como obras puramente instrumentais, Mahler regresou ao estilo do "festival sinfónico cerimonial" na súa Oitava sinfonía, que integra o texto ao longo de toda a obra.Franklin, New Grove (2001), 15:622. Logo de Mahler, a sinfonía coral converteuse nun xénero máis común, experimentando diversos trocos compositivos no proceso. Algúns compositores como Britten, Rakhmáninov, Shostakovich e Ralph Vaughan Williams, seguiron a forma sinfónica de xeito estrito. Outros, como Havergal Brian, Alfred Schnittke e Karol Szymanowski, escolleron ampliar a forma sinfónica ou empregar diferentes estruturas sinfónicas en conxunto.MacDonald, notas para Naxos 8.570308, 3.Samson, 122, 126.Weitzman, notas para Chandos 9463, 5.
Ao longo da historia da sinfonía coral téñense composto obras que reflectiron obxectivos programáticos de composición particulares. Unha das primeiras foi Lobgesang de Mendelssohn, encargada pola cidade de Leipzig en 1840 para celebrar o 400 aniversario da invención dos tipos móbiles por Johannes Gutenberg. Máis dun século despois, a Segunda sinfonía de Henryk Górecki, subtitulada "Kopernikowska", foi encargada en 1973 pola Kosciuszko Foundation en Nova York para celebrar o 500 aniversario do astrónomo Nicolao Copérnico.Kosz, notas para Naxos 8.555375, 2. Entre esas dúas obras, en 1930, o director de orquestra Serge Koussevitzky pediulle a Stravinskii que escribira a Symphonie des Psaumes para o 50 aniversario da Boston Symphony OrchestraSteinberg, Choral Masterworks, 265. e, en 1946, o compositor Henry Barraud, daquela á cabeza de Radiodiffusion Française, encargoulle a Darius Milhaud a composición da súa Terceira sinfonía, subtitulada "Te Deum", para conmemorar o final da segunda guerra mundial.Palmer, New Grove (1980), 12:306.Penguin, 774.
Nos últimos anos do século XX e principios do XXI, compuxéronse máis sinfonías corais. A Sétima Sinfonía de Krzysztof Penderecki foi escrita para conmemorar o terceiro milenio da cidade de Xerusalén.Whitehouse, notas a Naxos 8.557766 2. A Symphony 1997: Heaven Earth Mankind de Tan Dun conmemora a transferencia da soberanía de Hong Kong ese ano á República Popular da China.Author unknown, notas para Sony Classical SK 63368, 4. A Quinta sinfonía de Philip Glass foi un encargo, como moitas outras pezas, para celebrar o inicio do século XXI. A sinfonía coral de Paul Spicer Unfinished Remembering (2014, libreto de Euan Tait) foi encargada para conmemorar o centenario do inicio da primeira guerra mundial.
Características xerais Como nun oratorio ou unha ópera, unha sinfonía coral é unha obra musical para orquestra, coro e (frecuentemente) voces solistas, aínda que se compuxeron algunhas para voces sen acompañamento. Berlioz, quen en 1858 acuñou o termo para describir a súa obra Roméo et Juliette, explicou a peculiar relación que el concibía entre a voz e a orquestra:
A diferenza dos oratorios ou óperas, que están xeralmente estruturados dramaturxicamente en arias, recitativos e coros, unha sinfonía coral está estruturada como unha sinfonía, en movementos. Pode empregar o esquema tradicional de catro movementos cun rápido como movemento inicial, un movemento lento, un scherzo e un finale, ou como ocorre con moitas sinfonías instrumentais, pode usar unha estrutura diferente de movementos.Bonds, New Grove (2001), 24:833. O texto escrito nunha sinfonía coral está ao mesmo nivel que a música, como nun oratorio, e o coro e os solistas comparten papel cos instrumentos.Steinberg, Choral Masterworks, 268; Kennedy, Vaughan Williams, 444. Co tempo o uso do texto permitiu á sinfonía coral evolucionar dende unha sinfonía instrumental cun coral final, como na Novena de Beethoven, cara a unha composición que pode empregar voces e instrumentos ao longo de toda a obra, como na Symphonie des Psaumes de Stravinskii ou a Oitava sinfonía de Mahler.Kennedy, Mahler, 151.
Ás veces o texto pode dar un esquema básico que se corresponde co esquema de catro movementos dunha sinfonía. Por exemplo, a estrutura de catro partes do poema de Edgar Allan Poe The Bells, unha progresión dende a xuventude ata o matrimonio, madurez e morte, suxeriulle os catro movementos dunha sinfonía a Serguéi Rakhmáninov, o que deu como resultado a súa sinfonía coral do mesmo nome.Steinberg, Choral Masterworks, 241–242. O texto pode animar a un compositor a ampliar a sinfonía coral máis aló dos límites habituais do xénero sinfónico, como fixo Berlioz co seu Roméo et Juliette, a pesar de que aínda permanece dentro da intención estrutural ou estética básica da forma sinfónica. Isto tamén pode influír o contido musical en partes nas que non hai canto, como en Roméo et Juliette. Aquí, Berlioz permite expresar á orquestra a maior parte do drama na música instrumental e aforra palabras para as seccións expositivas e narrativas da obra.
Relación entre as palabras e a música Como nun oratorio, o texto escrito nunha sinfonía coral pode ser tan importante como a música, e o coro e solistas poden participar en igualdade de condicións cos instrumentos na exposición e desenvolvemento das ideas musicais. O texto tamén pode axudar a determinar se o compositor segue a forma sinfónica dun xeito estrito, como no caso de Rakhmáninov, Britten e Shostakovich, ou se superan a forma sinfónica, como no caso de Berlioz, Mahler e Havergal Brian. Ás veces a elección do texto ten levado ó compositor a estruturas sinfónicas diferentes, como nos casos de Szymanowski, Schnittke e, de novo, Havergal Brian. O compositor pode tamén optar por tratar o texto de xeito fluído, dun xeito máis parecido á música que á narración. Tal foi o caso de Vaughan Williams, Mahler e Philip Glass.
Tratamento musical do texto miniatura|O uso do verso libre de Walt Whitman foi apreciado polos compositores que procuraban un enfoque máis fluído para establecer o texto.