A Agrupación Deportiva A Pinguela foi un equipo de voleibol galego, da vila de Monforte de Lemos. O club foi creado en 1987 e desapareceu en 2013 por falta de recursos económicos e xogadoras locais. Nos últimos anos da historia do club, o seu patrocinador principal foi a Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Historia A AD A Pinguela foi creada en 1987 adicándose á promoción e á práctica do voleibol, e no seu segundo ano de existencia o club conseguiu presentar un equipo sénior que competiu en Segunda división, e logo de dúas tempadas conseguiu o ascenso á Superliga. O seu maior éxito chegou na tempada 1996-97, cando o seu equipo sénior conseguiu o ascenso á Superliga, a máxima categoría do voleibol español e na que permaneceu ata a tempada 2006-07, cando descendeu á segunda categoría, a Superliga 2.
Na tempada 1999-00 conseguiu o campionato de España en categoría cadete no torneo celebrado en Murcia e finaliza no terceiro posto no campionato celebrado en Madrid. Na tempada 2000-2001 conseguiu o campionato de España xuvenil celebrado ante a súa afección en Monforte de Lemos. En febreiro do 2004 organizou a XXIX edición da Copa da Raíña, aínda que finalmente o título foi ás mans do Tenerife Marichal na mesma tempada na que logrou o campionato de Europa. Con todo, na tempada 2006-07 o equipo monfortino descendía á Superliga 2 logo de perder na súa casa fronte ao Menorca ante un milleiro de persoas nas bancadas.
No 2009 o equipo sénior conseguiu chegar á final da Copa da Princesa disputada no seu pavillón, mais caeu fronte ao PDR Miranda por 3 a 2. Aínda que o gran logro desa tempada foi o retorno á máxima categoría, a Superliga, logo de proclamarse campión da Superliga 2 e conseguindo o ascenso matemático unha xornada antes da finalización da liga logo de derrotar precisamente ao PDR Miranda en Miranda de Ebro. En 2010 o club monfortino organizou a XXXV edición da Copa da Raíña e estivo a un só punto de disputar a final, na que o título foi para as vitrinas do C.A.V. Murcia 2005.
No verán de 2012 o club presentou a súa candidatura para disputar a Superliga na tempada 2012-13 malia non ter conseguido o ascenso. Finalmente o equipo sénior disputou a máxima categoría do voleibol feminino español, finalizando na oitava posición da táboa con 13 puntos, por diante dos canarios Aguere e Tenerife. En 2013 a directiva do club decidiu disolver o primeiro equipo por falta de recursos e xogadoras locais, pasando a adicarse unicamente ao traballo coa canteira.
Patrocinadores Xacobeo 2010. Ribeira Sacra.
Palmarés 1 Superliga 2: 2009 1 subcampionato da Copa da Princesa: 2009
Notas
Pinguela Categoría:Deporte en Monforte de Lemos Categoría:Deporte de Galicia sen imaxes