Enrique Campo Sobrino, nado en Pontevedra o 21 de setembro de 1890 e finado prematuramente na mesma cidade, o 2 de xuño de 1911, foi un pintor e debuxante que destacou polos seus traballos para a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.

Traxectoria

Na súa familia, acomodada e vinculada coa arte a a cultura, cómpre recordar a Carlos Sobrino Buhigas e Fernando Campo Sobrino, curmán e irmán de Enrique, respectivamente. O pai de Carlos Sobrino, o médico Luís Sobrino Rivas, foi membro fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e a el debeuse a relación destes tres artistas (Carlos Sobrino e mais Enrique e Fernando Campo) con Casto Sampedro Folgar. miniatura|Busto de Enrique Campo obra de Carmen Alcoverro, no Museo de Pontevedra Sendo aínda un rapaz entrou xa en relación con Casto Sampedro, que en 1894 fundara a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. Casto Sampedro apreciou axiña a calidade dos debuxos de Enrique e a súa capacidade de traballo e de observación, ata o punto de nomealo socio de mérito da Sociedade o 28 de decembro de 1906, con só 16 anos. Desde ese momento converteuse en debuxante oficial e colaborador habitual da mesma.

Enrique Campo debuxou centos de edificios, monumentos, petróglifos, escudos e distintas pezas de arte, ó longo das continuas viaxes que realizou por terras de Pontevedra, só ou acompañando os membros da Sociedade. Especialmente produtiva foi a viaxe que realizou desde maio a outono de 1909, xunto o gravador compostelán Enrique Mayer, co propósito de recoller material para a Exposición Rexional Galega que Antonio López Ferreiro, entre outros, organizou en Santiago de Compostela a finais dese mesmo ano, e na que Enrique Campo foi designado delegado da sección arqueolóxica. Durante o percorrido escribiu un Diario no que detallaba os itinerarios seguidos: O Morrazo, Vigo, Tui, Baiona, Gondomar, O Porriño, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Ribadavia, Melón, O Carballiño e San Cristovo de Cea, para regresar por terras do Deza e o Ulla ata rematar en Santiago. No diario engadiu comentarios artísticos, topográficos e etnográficos, que publicou Xosé Filgueira Valverde en 1944.

Rematada esta xeira e a montaxe da exposición, en outubro de 1909 marchou a Madrid para cursar estudos artísticos cunha bolsa concedida pola Deputación de Pontevedra, que simultaneaba cun traballo de administrativo na Compañía de Tabacos. Como mantén o seu interese pola arqueoloxía, decide organizar pequenas viaxes polas proximidades de Madrid e na primeira que fai descobre, o 8 de decembro, unha ara romana nas proximidades da Ponte dos Franceses, a primeira ara romana que se atopaba en Madrid e que hoxe se conserva no Museo Arqueolóxico Nacional. O achado serviulle para ser nomeado membro correspondente da Real Academia de la Historia en 1910.

Meses despois cae enfermo e non consegue recuperarse.As autoras das biografías contidas no Catálogo da exposición Os debuxantes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra non especifican nada: "comezou a padece-los síntomas dunha terrible enfermidade". Cabe supoñer que se estean referindo á tuberculose, que naquelas datas causaba estragos. Ante a inminencia da súa morte trasládano a Pontevedra, onde morre o 2 de xuño de 1911, sen cumprir aínda os 21.

O Museo Provincial de Pontevedra conserva máis de 500 debuxos e acuarelas, procedentes dos fondos da Sociedade Arqueolóxica e da colección Sampedro. Ó valor artístico das obras únese o valor técnico e documental ó testemuñar monumentos, edificios ou elementos artísticos hoxe desaparecidos ou profundamente modificados.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Inclúe: "O entusiasmo dun xove creador", por Ángel Núñez Sobrino "Unha lápida romana en La bombilla", por Xosé Filgueira Valverde "A evolución estilística de Enrique Campo", por José Manuel B. López Vázquez. VVAA (1995). Catálogo da exposición Os debuxantes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, Museo de Pontevedra.

Outros artigos Fernando Campo Sobrino Carlos Sobrino Buhias Ramón Sobrino Buhías Os renovadores Arqueoloxía

Ligazóns externas "Río dos gafos", óleo de Enrique Campo Listaxe de bibliografía sobre Enrique Campo

Categoría:Pintores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Pintores de Galicia do século XX Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1890 Categoría:Finados en 1911 Categoría:Debuxantes de Galicia