Dafydd ap Edmwnd, finado en 1497, foi un dos poetas galeses máis prominentes de finais de Idade Media. A súa produción poética data de circa 1450.
Traxectoria Dafydd naceu nunha familia con devanceiros normandos en Hanmer, en Flintshire (agora Wrexham County Borough), ao nordeste de Gales. Como era un home libre e terratenente non dependía dun mecenado, como a maioría dos seus contemporáneos
Como bardo Dafydd foi discípulo de Maredudd ap Rhys e á súa vez foi titor de Tudur Aled e Gutun Owain.
Obra Os temas principais da poesía de Dafydd foron o amor e a natureza, na tradición de Dafydd ap Gwilym. Os seus poemas máis coñecidos inclúen os seguintes cywyddau: Cywydd Merch (en galego, "A unha moza"). I Wallt Merch (en galego, "O cabelo dunha dama"). Enwi’r Ferch (en galego, "Chamando a rapaza").
A diferenza de moitos dos seus contemporáneos Dafydd evitou a Guerra das dúas rosas e a política. Porén, Dafydd viuse levado a compoñer un marwnad (elexía) polo seu amigo, o arpista Siôn Eos, que morreu na forca por matar un home nunha pelexa nunha taberna. Nesta obra, posibelmente o seu poema máis logrado, Dafydd expresa o seu propio sentimento antiinglés, e láiase de que a Siôn Eos non o xulgasen coas máis humanas leis de Hywel Dda, de modo que tivese que pagar unha compensación á familia da vítima segundo o antigo dereito galés, no canto da pena capital da “cyfraith Lundain” (="lei de Londres").
Marwnad Siôn Eos (en galego, Elexía a Siôn Eos).
A Eisteddfod de 1450 e o seu legado En 1450 Dafydd gañou a cadeira de prata nunha eisteddfod celebrada en Carmarthen. Acadouna cun cywydd na honra da Trindade, que exemplificaba os vinte e catro metros da poesía bárdica galesa reformada por Dafydd, previamente codificada por Einion Offeiriad e Dafydd Ddu o Hiraddug. Suprimiu dous metros e substituíunos cos máis complicados Gorchest y Beirdd e o Cadwynfyr.
Os vinte e catro metros que Dafydd presentou á Eisteddfod adoptáronse amplamente por todo Gales. Mentres que o adestramento de poetas sempre se fixera no interior do círculo bárdico, nos que a arte se transmitía de titor a pupilo, as reformas métricas de Dafydd incrementaron a segregación entre a “elite profesional” e os poetas afeccionados. Con todo a consecuencia disto foi que se lle prestou máis atención á arte bárdica dun poeta mediante a súa adhesión á máis estrita métrica máis que ao contido ou tema dos poemas. Tendeu a perderse a intensidade de Dafydd ap Gwilym e Llywelyn Goch ap Meurig Hen.
Véxase tamén
Bibliografía Gwaith Dafydd ab Edmwnd (ed. by Thomas Roberts, Bangor, 1914). “Welsh Literature - Chapter 7: Poets of the Gentry”, https://web.archive.org/web/20101213054753/http://britannia.com/wales/lit/lit7.html Meic Stephens, The New Companion to the Literature of Wales (University of Wales Press, Cardiff 1998) Gwyn Williams, The Burning Tree: Poems from the First Thousand Years of Welsh Verse (Faber and Faber, 1956). Inclúe unha tradución completa dos poemas ao inglés.
Categoría:Literatura en lingua galesa Categoría:Finados en 1497