Rodolfo Rábade Díaz, nado na Coruña o 11 de abril de 1931 e finado na mesma cidade o 15 de xullo de 2001,Necrolóxica en La Voz de Galicia, 19-7-2001, p. 58. foi un futbolista galego, que xogaba de dianteiro. A súa prometedora carreira, que o fixo debutar na Primeira División co Deportivo da Coruña aos 19 anos de idade, viuse truncada pola tuberculose, enfermidade que o retirou do fútbol cando só contaba con 23 anos.
Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol nas rúas da Coruña e no club Cantábrico, da praza de Santa Catalina, no que xogaba tamén Carlos Torres. Posteriormente pasou polo Silva, o Imperátor e o Santa Margarita, este último fundado polos seus irmáns máis vellos e outros amigos, ao mesmo tempo que estudaba para profesor mercantil. En 1948 fichou polo Xuvenil de Rodrigo, co que xogou varias tempadas na Terceira División.
As súas grandes actuacións no Xuvenil fixeron que fose considerado un dos mellores futbolistas coruñeses naquel momento e abríronlle as portas do Deportivo da Coruña. O 18 de marzo de 1951 debutou na Primeira División, nun partido contra o Alcoyano en Riazor. Formou na dianteira xunto con Corcuera, Moll, Ponce e Tino, realizando un gran partido e marcando o segundo dos catro goles do seu equipo (4-0). Xogou tamén nas dúas seguintes xornadas, marcando un gol en cada unha delas: contra o FC Barcelona en Riazor, onde bateu ao histórico Ramallets, e contra o Sevilla no estadio de Nervión. Regresou de Sevilla lesionado, polo que se perdeu os derradeiros partidos da tempada, e pouco despois caeu enfermo de tuberculose, deixando o fútbol por un tempo. O seu contrato co Deportivo quedou rescindido un ano e medio despois, en outubro de 1952. Durante esa época de inactividade como futbolista, adestrou o Imperátor.
Reapareceu sobre os terreos de xogo o 11 de outubro de 1953 nun partido do Xuvenil contra o Ourense en Riazor, no que Rodrigo o aliñou na dianteira a carón de Vegazo, Seijas, Rilo e Regueira, e no que marcou un dos cinco goles do seu equipo (5-1). Completou unha boa tempada co Xuvenil, culminada co ascenso á Segunda División, o que propiciou a súa volta ao fútbol profesional.
Ante a lentitude do Deportivo por reincorporar ao xogador, en xuño de 1954 fichou polo Celta de Vigo, adestrado por Zamora, o que causou malestar na Coruña. Debutou nun partido amigable contra o Guardés na Guarda, e uns días despois marcou o seu primeiro e único gol no Trofeo Emma Cuervo, contra o Athletic Club, axudando a conquistar o trofeo (3-1). Disputou só dous partidos oficiais, contra o Málaga e contra o Racing de Santander, coincidindo de novo no equipo con Carlos Torres. Pouco despois recaeu da súa tuberculose e tivo que deixar o fútbol con só 23 anos.
Faleceu na Coruña o 15 de xullo de 2001, aos 70 anos de idade.
Vida persoal Casou en 1958 con Mirtha Doce Rico. Tivo catro fillos: Rodolfo, Rafael, Ruth e Ramón.
Notas
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1931 Categoría:Finados en 2001 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Silva SD Categoría:Xogadores do Deportivo Xuvenil Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Personalidades sen imaxes