Guía do autostopista galáctico, no orixinal en lingua inglesa The Hitchhiker's Guide to the Galaxy, é a primeira novela da serie homónima de ciencia ficción e comedia escrita por Douglas Adams (o sexto título da serie foi escrito por Eoin Colfer). A novela é unha adaptación das primeiras catro partes do programa de radio homónimo. A novela foi orixinalmente publicada en Londres o 12 de outubro de 1979. Vendeu máis de 250 000 copias nos primeiros tres meses.
Foi traducido ó galego por Ruth Layús Quiroga e publicado por 2.0 editora en 2009.
Resumo
A novela comeza cunha introdución que describe a raza humana como unha especie primitiva e profundamente infeliz, ao tempo que introduce unha enciclopedia electrónica chamada a Guía do autoestopista galáctico, que recolle información acerca de todos os planetas da galaxia.
O terrícola e inglés Arthur Dent érguese na súa casa do West Country e descubre que o consello de urbanismo local tenta derrubar a súa casa para construír un baipás viario, e déitase entre o bulldozer e a súa casa para evitalo. O seu amigo Ford Prefect convence ao burócrata xefe de tumbarse no lugar de Arthur, co gallo de permitir que este vaia ao bar. Con todo, a empresa comeza a demolición da casa, mais vense interrompidos pola chegada dunha frota de naves extraterrestres. Os vogons, unha raza de funcionarios que manexan a frota, anuncian que veñen coa intención de derruír a Terra para permitir a construción dunha autovía hiperespacial, e sen dilación destrúen o planeta.
Ford máis Arthur sobreviven facendo autoestop nas naves, para a sorpresa de Arthur. Ford revélalle a Arthur que é un investigador alieníxena traballando para a Guía do autoestopista galáctico, procedente dun pequeno planeta do sistema de Betelgeuse, que se fixo pasar por un actor en paro durante 15 anos, e grazas a isto puideron subir na nave. Rapidamente son descubertos polos vogons, que os torturan óbrigándoos a escoitar a súa poesía, e logo botándoos dunha esclusa de aire.
Mentres tanto, Zaphod Beeblebrox, o medio-primo de Ford e Presidente da Galaxia, rouba a nave Heart of Gold xunto á súa compañeira terrícola, Trillian. O Heart of Gold está equipado cun «motor de improbabilidade infinita», o que lles permite viaxar ao instante a calquera lugar do espazo, pois simultanemente atravesan todos os puntos do universo. Con todo, o seu uso ten efectos secundarios que producen coincidencias imposibles no universo físico. Unha destas coincidencias é precisamente que tanto Arthur como Ford sexan rescatados pola nave. Zaphod leva os seus pasaxeiros (Arthur, Ford, un robot depresivo chamado Marvin) a un planeta lendario chamado Magrathea, cuxos desaparecidos habitantes (grazas a volverse tan ricos que o resto da galaxia tornou pobre) especializáronse no deseño de planetas. Ford dubida que o planeta realmente sexa Magrathea, pero os ordenadores do planeta avísanlles de marchar antes de disparar dous mísiles nucleares. Arthur, sen sabelo, sálvaos ao activar de xeito indebido o Motor de Improbabilidade Infinita, o que abre unha pasaxe subterránea. Cando aterran, os ratos que facían de mascotas de Trillian escapan.
En Magrathea, Zaphod, Ford máis Trillian adéntranse no interior do planeta, mentres Arthur e Marvin quedan fóra. Nos túneles, Zaphod revela que as súas accións non son o resultado das súas propias decisións, senón que é dirixido por unha rede de programación neural que descoñece, pero na que aparentemente estivo involucrado. Mentres Zaphod o explica, o equipo é atrapado e deixado inconsciente. Na superficie Arthur coñece a un residente de Magrathea, un home chamado Slartibartfast, que explica que os magratheanos están nun estado de estasis mentres agardan que pase unha recesión económica. Temporalmente despertaron para reconstruír unha segunda versión da Terra, encargada polos ratos, que en verdade eran a especie máis intelixente da Terra. Slartibartfast móstralle a Arthur que, nun pasado distante, unha serie de seres hiperintelixentes e pandimensionais crearon un superordenador chamado Deep Thought, co obxectivo de determinar «a pregunta definitiva sobre a vida, o universo e todo o demais». Deep Thought finalmente determinou que a resposta era 42, mais tratábase dunha resposta carente de sentido, pois a pregunta definitiva propiamente dita non se coñecía.
Como determinar a pregunta definitiva era unha tarefa demasiado complicada mesmo para Deep Thought, crearon un superordenador aínda máis avanzado con este expreso propósito. Este ordenador era o planeta Terra, que fora construído polos magratheanos, e atopábase a uns meros cinco minutos de concluír a súa tarefa e atopar a cuestión definitiva cando os vogon o destruíron. Os seres hiperintelixentes participaron no programa como ratos, levando a cabo experimentos nos humanos mentres finxían ser eles nos que se experimentaba.
Slartibartfast reúne a Arthur cos seus amigos, que se atopaban nun banquete organizado polos ratos de Trillian. Os ratos ven innecesaria a idea de construír unha nova Terra que comece de novo o proceso, pois asumen que a pregunta definitiva probablemente se atopa no cerebro de Arthur. Ofrécense a comprarlle o cerebro, oferta que rexeita. O grupo consegue escapar cando o sistema de seguridade do planeta se activa inesperadamente, pero ao momento se atopan cos culpables: policías na busca de Zaphod. Os policías córtanlle o paso a Zaphod, Arthur, Ford e Trillian, e a situación semella desesperada, pois están atrapados detrás dun ordenador central a punto de estourar debido aos disparos dos axentes. Os axentes repentinamente morren ao cortocircuitarse os seus sistemas de soporte vital. Suspicaz, Ford descubre que na superficie Marvin aburrírase e comezara a explicarlle a súa visión do universo á nave nodriza dos axentes, provocándolle o suicidio. Os cinco marchan de Magrathea e deciden ir ao restaurante na fin do mundo. Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina oficial de Douglas Adams