Jean-Jacques Rousseau, nado en Xenebra (Suíza) o 28 de xuño de 1712 e finado en Ermenonville o 2 de xullo de 1778, foi un filósofo suízo, escritor, teórico político e un compositor autodidacta. Unha das figuras sobranceiras do Iluminismo francés, Rousseau é tamén un precursor do romanticismo. Rousseau cóntase entre os autores que mitificaron un pasado fraternal e feliz de todos os Homes, fronte a un presente desordenado e desigual do século XVIII. Voltaire criticou a Rousseau afirmando que: "ninguén colocou algunha vez tanto enxeño en nos querer converter en animais" do que el. Ler a Rousseau fai nacer "o desexo de camiñar a catro patas".
Rousseau asóciase frecuentemente ás ideas anticapitalistas e considérase un antecesor de socialismo e comunismo. Foi un dos primeiros autores modernos en atacar a propiedade privada. Victor Klemperer, ao estudar o Iluminismo francés en xeral e Rousseau en particular, viu en Adolf Hitler a concretización suprema dos ideais defendidos polo filósofo do século XVIII. Rousseau cuestionou a afirmación de que a maioría está sempre no certo e argumentou que o obxectivo do goberno debería ser asegurar a liberdade, igualdade e xustiza para todos, independentemente da vontade da maioría.
Traxectoria A familia Rousseau procedía de hugonotes franceses e instalouse en Xenebra uns cen anos antes de que Isaac Rousseau (Xenebra, 1672-Nyon, 1747) e Suzanne Bernard (Xenebra, 1673-1712), filla do calvinista Jacques Bernard, tivesen a Jean-Jacques. Nove días despois de dar a luz, Suzanne faleceu e o pequeno Rousseau considerou os seus tíos paternos como os seus segundos pais, debido a que desde moi pequeno pasou moito tempo con eles e foron os que o coidaron.
En 1722, cando Rousseau tiña dez anos, o seu pai, un reloxeiro bastante culto, tivo que exiliarse por unha acusación infundada e o seu fillo quedou ao coidado do seu tío Samuel, aínda que xa tomara del un grande amor pola lectura e un sentimento patriótico de admiración polo goberno da República de Xenebra que Jean-Jacques conservou toda a súa vida. Con esta familia gozou dunha educación que el considerou ideal, cualificando esta época como a máis feliz da súa vida, e leu a Bossuet, Fontenelle, La Bruyère, Molière e sobre todo a Plutarco, do que interiorizou nocións sobre a historia da Roma republicana; nas súas Confesiones, escritas cara ao final da súa vida, dixo que foi este autor a súa lectura predilecta. Tamén recomendou en Emilio a lectura de Robinson Crusoe de Daniel Defoe. Xunto co seu primo, Rousseau foi enviado como pupilo á casa do calvinista Lambercier durante dous anos (1722-1724). Ao seu regreso en 1725 traballou como aprendiz de reloxeiro e posteriormente cun mestre gravador (aínda que non rematou a súa aprendizaxe), cos que desenvolveu experiencia abonda para vivir destes oficios ocasionalmente.
Aos 16 anos (1728) comezou a vagabundear e abandonou a súa cidade natal. Tras estar peregrinando durante un tempo e desempeñando os oficios máis dispares, a punto de entrar na marxinalidade, en Turín abxurou do calvinismo e adoptou o catolicismo, do que máis adiante tamén renegou (posteriormente expuxo as súas ideas deístas sobre unha relixión natural en Profesión de fe do vigairo savoiano) e estableceuse en Annecy, sendo tutelado por Madame de Warens, unha dama católica ilustrada sen fillos trece anos máis vella ca el, que o axudou na súa descontinua educación e na súa afección pola música, e que ademais lle foi procurando distintos traballos. A ollos de Rousseau, ela era a nai que perdera, e a partir de 1733 foi tamén unha amante. Residiu seis semanas en 1737 en Montpellier por unha grave doenza, e ao seu regreso madame Warens conseguiulle o posto de preceptor en Lión dos fillos do irmán de dous famosos escritores ilustrados, Gabriel Bonnot de Mably (1740), sobre o que exerceu unha forte influencia, e o filósofo Condillac; ademais estableceu amizade con Fontenelle, Diderot, que o escolleu como colaborador en materia musical da súa Enciclopedia (1751-1772) e co que posteriormente se desamigou, e Marivaux, quen lle corrixiu a súa peza teatral nun acto Narcisse ou l’Amant de lui-même, que estreou en 1752. Forxou entón un carácter de "paseante solitario" amante da natureza. Mais, sempre descontento, Rousseau exerceu de xornalista e de moitos outros oficios. En 1742 presentou un innovador sistema de notación musical á Real Academia das Ciencias de París, con pouco éxito (o seu sistema só se interesaba pola melodía e non pola harmonía, e ademais un sistema semellante xa fora inventado sesenta e cinco anos antes polo monxe Souhaitti), e o ano seguinte publicou Dissertation sur la musique moderne (1743), en que criticou moi duramente a música francesa, para el moi inferior á italiana. Coñeceu a madame Dupin, da que despois foi secretario; tamén ese ano foi nomeado secretario do inepto embaixador de Francia na República de Venecia, Pierre-François de Montaigu, co que non chegou a concordar, ata o punto de que foi despedido o ano seguinte.
En 1745, xa con 33 anos, volveu a París, onde conviviu con Thérèse Levasseur, unha costureira analfabeta con quen tivo cinco fillos e á que convenceu para entregalos ao hospicio segundo ían nacendo; fíxoo así en 1746 co primeiro. Ao principio dixo que carecía de medios para manter unha familia, pero máis adiante, no volume IX das súas Les Confessions, sostivo que o fixo para apartalos da nefasta influencia da súa familia política:
Nesta época contactou con Voltaire, D'Alembert, Rameau e, de novo, con Diderot, e escribiu as súas obras máis recoñecidas. Cando a Academia de Dijon propuxo en 1749 un concurso de disertacións cobre a cuestión "Se o restablecemento das ciencias e das artes contribuíu a mellorar os costumes", Rousseau gañou o ano seguinte co seu Discours sur les sciences et les arts respondendo que non, pois as artes e as ciencias ao seu xuízo supoñen unha decadencia cultural.
Ademais, para el o cultivo das ciencias e das artes era responsable do declive da moral, da inocencia perdida e do desenvolvemento "do luxo, da disolución e da escravitude". A partir deste momento, alcanzou unha discutida e polémica celebridade; mesmo o deposto rei de Polonia e duque de Lorena, Estanislau I Leszczynski, intentou refutar a Rousseau con outro discurso. En 1751 dimitiu do seu posto de secretario de madame Dupin e dedicouse a copiar partituras musicais para gañar a vida. En 1752 estreou con éxito en Fontainebleau, en presenza do rei Lois XV, a súa ópera nun acto Le devin du village, atrevéndose a rexeitar unha audiencia co propio monarca. En 1754 publicou o seu Discurso sobre economía política e abxurou do catolicismo e o ano seguinte publicou un texto aínda máis importante, o Discours sur l'origine et les fondements de l'inégalité parmi les hommes, que presentara para outro concurso da Academia de Dijon sen obter premio esta vez. Este discurso desgustou por igual a Voltaire e a igrexa católica, que o acusou de negar o pecado orixinal e de adherirse á herexía do pelaxianismo. Rousseau enviara unha copia a Voltaire, residente por entón en Xenebra, e este contestou que estaba "escrito contra a raza humana... xamais se despregou tanta intelixencia para querer converternos en bestas". Foi o comezo dunha crecente inimizade entre os dous ilustrados, cunha segunda fase que aconteceu cando Voltaire publicou Poema sobre o desastre de Lisboa (1755), en que afirmaba o seu pesimismo e negaba a divina providencia, poema que Rousseau contestou cunha Lettre sur la providence (1756) en que intentaba refutalo. A resposta de Voltaire foi xustamente celebrada, a súa novela curta Cándido ou o optimismo. Aínda aumentou máis o odio de Voltaire cando Rousseau imprimiu a súa "Carta a D'Alembert sobre os espectáculos" (1758), en que declaraba (sendo el mesmo autor dramático) que o teatro era un dos produtos máis perniciosos para a sociedade, xerando luxo e inmoralidade; é máis, mostrábase sumamente misóxino ao escribir frases como esta:
Voltaire obstinárase en crear un teatro en Xenebra onde puidese representar as súas pezas e actuar nelas, e esa carta veu poñer a fin a toda posibilidade de congraciarse con Rousseau, quen, pola súa banda, comezaba a asistir a salóns parisienses e criticaba a música francesa en Querelle des Buffons co apoio dos enciclopedistas e do seu por entón amigo íntimo Frédéric-Melchior Grimm, co que compartía o amor de madame d'Epinay. miniatura|Retrato de Jean-Jacques Rousseau, por Allan Ramsay, en 1766, Galería Nacional de Escocia As esixencias dos seus amigos e as súas opinións distanciárono deles. Rousseau sentiuse traizoado e atacado e abandonou Ermitage, casa rural que lle preparara Mme. d'Epinay en 1756. Trasladouse ese ano a Mont Louis, tamén nos bosques de Montmorency, e recibiu a proposta de converterse en bibliotecario de honra de Xenebra, o que rexeitou. En 1757 namorouse apaixonadamente de Madame Sophie d'Houdetot, competindo co seu outro amante, o poeta e académico Jean François de Saint-Lambert, mais a súa relación non chegou a ser máis que platónica. A ela dirixiu as súas Lettres morales (1757-1758), que permaneceron inéditas ata 1888. En 1758 publicou Carta a d'Alembert sobre os espectáculos e en 1761 a novela epistolar Julie ou la Nouvelle Héloïse.
1762 foi un ano fundamental na súa creación literaria, pois redactou unha peza teatral moi orixinal, Pygmalion, considerada a creadora dun novo xénero dramático-musical, o melólogo, que só puido representarse en 1770, e publicou dúas obras capitais, Emilio ou Da educación e O contrato social, ou Principios do dereito político. A primeira das obras sera sobre todo un disparo de canón en toda regra contra a pedagoxía tradicional e as relixións culturais e aprendidas, non naturais, que tivo consecuencias importantísimas nesas disciplinas. En pedagoxía imprimiu un xiro copernicano que desenvolveu outro escritor suízo, Pestalozzi, centrando a educación no neno e na súa evolución mental, e primando as materias prácticas fronte ás teóricas e abstractas, mentres que en cuestións relixiosas Rousseau propuña, desprezando a teoloxía como inútil, unha relixión natural con papel secundario e menos importante ca outras disciplinas prácticas. A segunda obra era unha crítica fundamentada e de raíz dos principios políticos do Antigo Réxime que partía dunha cuestión que se fixo xustamente célebre:
En teoría constitucional, a diferenza de Thomas Hobbes e de xeito máis acentuado aínda que John Locke, Rousseau non admitía ningunha restrición en canto aos dereitos e liberdades individuais: o home que non goza dunha liberdade completa non é un home; esboza un principio filosófico de amplo futuro, a alienación, así como outro político-xurídico, a vontade xeral. As heterodoxas ideas expresadas nestas obras fixérono tremendamente impopular, ata o punto de que o 9 de xuño o parlamento de París deu orde de arrestalo por Emilio. Avisado previamente, decidiu refuxiarse na súa terra natal suíza, máis en concreto en Yverdon; alí descubriu ademais que o arcebispo de París Christophe de Beaumont escribira unha carta pastoral contra as súas obras. O 19 de xuño o cantón de Xenebra expediu unha orde de arresto polas súas obras Emilio e Du contrat social e o 10 de xullo foi expulsado de Yverdon polo cantón de Berna. Entón atravesou a serra de Jura e refuxiouse en Môtiers-Travers baixo a protección de Julie Emélie Willading, nada Boy de la Tour (1751-1826).