También la lluvia é un filme dirixido por Icíar Bollaín que se estreou no 2010. É a quinta longametraxe de Bollaín e a primeira que non escribe ela, e parte dun guión de Paul Laverty, guionista habitual do británico Ken Loach, ademais de compañeiro e pai dos tres fillos da cineasta madrileña. O argumento versa sobre un director mexicano, Sebastián (Gael García Bernal), e o seu produtor executivo Costa (Luís Tosar), que viaxan a Bolivia para rodar un filme sobre a conquista de Cristovo Colón. Sebastián e Costa enfróntanse a unha crise de moral dende que eles e o seu equipo chegan a Cochabamba, Bolivia, xa que daquela estábanse producindo as Protestas de Cochabamba de 2000 e o seu actor nativo estrela, Daniel (Juan Carlos Aduviri) é o líder dos manifestantes.
O filme recibiu galardóns e nomeamentos internacionais, incluíndo un Premio Ariel para o mellor filme iberoamericano e tres Premios Goya, sendo un dos cales o de mellor banda sonora para Alberto Iglesias. Ademais, o filme foi considerado como candidato de España para o Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa.
Sinopse O filme está inspirado na Guerra da Auga que ocorreu en Cochabamba, Bolivia, en abril do 2000. Sebastián (Gael García Bernal) e Costa (Luís Tosar) son dous cineastas que se propuxeron facer un filme sobre Cristovo Colón e o Descubrimento de América. Namentres que Sebastián, o director, pretende desmitificar a figura de Colón, presentándoo como un home ambicioso e sen escrúpulos; a Costa, o produtor, só lle preocupa axustarse ó modesto presuposto do que dispoñen, razón pola cal elixe Bolivia, por ser un dos países máis baratos e con maior poboación indíxena de Hispanoamérica. A gravación sitúase en Cochabamba, onde a privatización e venda da auga a unha multinacional sementa entre a poboación un malestar tan grande que fará estalar a tristemente famosa Guerra Boliviana da Auga (abril do ano 2000). Cincocentos anos despois do descubrimento de América, paus e pedras enfróntanse de novo ó aceiro e á pólvora dun exército moderno. Pero esta vez non se loita polo ouro, senón polo máis imprescindible dos elementos: a auga.
Personaxes Luís Tosar como Costa, produtor executivo do filme Gael García Bernal como Sebastián, director do filme Juan Carlos Aduviri como Daniel, indíxena quechua que interpreta a Hatuey Karra Elejalde como Antón, actor español alcohólico que interpreta a Cristovo Colón Raúl Arévalo como Juan, actor español que interpreta o freire Montesinos Carlos Santos como Alberto, actor español que interpreta a Bartolomé de las Casas Cassandra Ciangherotti como María, asistente do director Sebastián Milena Soliz como Belén, filla de Daniel que interpreta a Panuca no filme Leónidas Chiri como Teresa, muller de Daniel
Produción Rodada en Bolivia, na selva do Chapare e na cidade de Cochabamba, o filme é unha gran produción que contou con 4.000 extras en total, deles preto de 300 indíxenas, un equipo de 130 persoas e máis de 70 localizacións.
Premios 2010: 3 Premios Goya: Actor de elenco (Karra Elejalde), Música orixinal, Dirección de produción. 2011: Festival de Berlín (Sección Panorama): Premio do público.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Filmes de España propostos ó Óscar ó mellor filme internacional Filmes propostos ó mellor filme internacional na 83ª edición dos Óscar
Ligazóns externas Páxina oficial
Ficha en AllMovie Ficha en RottenTomatoes
Categoría:Filmes de 2010 Categoría:Filmes en lingua castelá Categoría:Filmes en lingua quechua Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes de España Categoría:Filmes de Francia Categoría:Filmes de México Categoría:Filmes dirixidos por Icíar Bollaín Categoría:Filmes de Morena Films Categoría:Filmes rodados en Bolivia Categoría:Filmes ambientados en Bolivia