Román Rodríguez González, nado no Vento (Lalín) o 16 de novembro de 1968, é un xeógrafo e político galego do PPdeG.

Traxectoria É licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (1991) e doutor en Xeografía (1996). Foi profesor na Universidade de León e despois titular do Departamento de Xeografía da USC. No ano 2000 foi recoñecido co Premio da Crítica Galicia na modalidade de investigación polo seu estudo De aldeas a cidades.

Principiou a carreira política como concelleiro en Lalín dende as eleccións municipais de 1999, con responsabilidades en cultura, medio ambiente, urbanismo e desenvolvemento, ata 2015. Foi elixido deputado no Parlamento de Galicia por primeira vez en 2009, e foi voceiro de Educación e de Urbanismo e Ordenación do Territorio do grupo do Partido Popular de Galicia.

En febreiro de 2015 foi designado Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación UniversitariaRomán Rodríguez y Valeriano Martínez, nuevos conselleiros, nova aparecida no diario El País o 9 de febreiro de 2015. . Volveu ser elixido deputado nas autonómicas de 2016 aínda que pouco logo renunciou ao escano canda outros catro conselleiros para se dedicaren en exclusiva ás responsabilidades de goberno. Mediada a lexislatura, as competencias de Educación e Universidade foron asumidas por Carmen Pomar, en canto que Rodríguez seguiu a cargo de Cultura e Turismo cunha consellaría de seu.

Após as eleccións de 2020 volveu ao goberno da Xunta coas competencias reagrupadas agás Turismo, que pasou a depender do vicepresidente Alfonso Rueda. En setembro de 2021 volveu deixar o escano a canda moitos dos outros deputados que tamén eran conselleiros.

Nas eleccións ao Parlamento galego de 2024, saíu elixido deputado por Pontevedra, e continuou formando parte do gabinete de Alfonso Rueda á fronte da Consellería de Educación e Ciencia. Durante a súa xestión como conselleiro, non se outorgou a singularidade ao máster de matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela, orixinando a plataforma En defensa do mestrado de Matemáticas da USC.

Vida persoal

É fillo de Xosé Manuel Rodríguez e Esther González. Está casado con María Begoña Mosteiro Blanco (directora do Instituto da Xuventude de Galicia) e ten dous fillos, Román e Xosé Manuel Rodríguez Mosteiro.

Obras Lalín, un proceso de urbanización e desenvolvemento : 1960-1990, 1995. La urbanización del espacio rural en Galicia, 1997. De aldeas a cidades, 1999. A Estrada : xente e paisaxe, 2003. Xeografía, entre cultura e profesión territorial, 2004. Reformar la administración territorial : municipios eficientes y viables, 2009.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Ficha no Parlamento de Galicia

Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Profesores da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Concelleiros de Lalín Categoría:Concelleiros de Galicia polo PPdeG Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo PPdeG Categoría:Conselleiros da Xunta de Galicia Categoría:Nados en Lalín Categoría:Nados en 1968 Categoría:Enciclopedistas de Galicia Categoría:Deputados da XI Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Profesores da Universidade de León Categoría:Deputados da XII Lexislatura do Parlamento de Galicia