José Emiliano "Milo" Abelleira Solla, nado en Pontevedra o 8 de agosto de 1963, é un exfutbolista e adestrador de fútbol galego.

O último club que adestrou foi o Rápido de Bouzas, entre 2019 e 2020. É o pai da xogadora do Real Madrid Feminino Teresa Abelleira e do futbolista do CD Choco Tomás Abelleira.

Traxectoria Durante a súa curta carreira como futbolista vestiu seis anos a camiseta do Pontevedra CF, xogando tanto no filial como no primeiro equipo. Tras un breve paso polo CD Lugo, incorporouse á SCD Milagrosa, onde exerceu como xogador e dende 1986 tamén como adestrador ao mesmo tempo.

En 1988 entrou no Bergantiños FC como adestrador dos xuvenís e ao ano seguinte pasou polo Arousa, coa mesma función que en Carballo, ademais de ser segundo adestrador de José Ramón Segura.

En 1990 púxose á fronte do Atlético Pontevedrés, filial do equipo granate, en substitución de Milucho. Estivo sete tempadas no filial pontevedrés, que acababa de descender á Primeira Rexional antes da súa chegada, e logrou o regreso a Preferente na tempada 1993/94.

En abril de 1997, colleu as rendas do primeiro equipo do Pontevedra, que militaba en Segunda B. Tras rematar a tempada en 10ª posición, pasou a dirixir o Club Deportivo As Pontes, por aquel entón Endesa As Pontes, de Terceira División.

Na tempada 1999/00 foi contratado para adestrar ao Celta de Vigo B, tamén de Terceira, equipo co que rematou primeiro esa tempada, pero sen conseguir o ascenso a Segunda B. Si o conseguiu na súa segunda tempada, na que o equipo quedou outra vez primeiro. Na tempada 2001/02 logrou a permanencia e gañou a Copa Federación, continuando no club unha cuarta tempada.

En xuño de 2003 fichou polo CD Ourense, levando ao equipo a xogar a promoción de ascenso a Segunda División. Estivo no club ourensán ata xaneiro de 2006, cando foi destituído polos malos resultados e a mala relación coa directiva. En febreiro de 2007 fichou pola Cultural Leonesa cando estaba en postos de descenso, salvándoa ao final do curso. Porén, na seguinte tempada foi destituído a metade de campaña malia que aínda lle quedaban dous anos e medio de contrato.

No verán de 2009 volveu ao Celta B substituíndo a Alejandro Menéndez,"Milo Abelleira vuelve al Celta B" sendo renovado para a tempada seguinte."El Celta renueva por una temporada al técnico del filial, Milo Abelleira"

O 3 de xuño de 2011 anunciouse a súa contratación como adestrador do Pontevedra CF para a tempada 2011–12, en substitución de Manolo Tomé. En xuño de 2013 anunciouse que non continuaría como adestrador do Pontevedra CF, sendo substituído por Nando. Con todo, continuou como director deportivo do club ata 2015.

En novembro de 2019, tras adestrar os xuvenís da ACD A Seca, fichou polo Rápido de Bouzas, que ocupaba a última praza do seu grupo de Terceira División. Adestrou o club vigués ata a suspensión da liga por mor da pandemia por coronavirus, sendo logo substituído por David de Dios.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com . Datos do adestrador en bdfutbol.com .

Categoría:Nados en 1963 Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Futbolistas de Pontevedra Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Xogadores do Pontevedra CF B Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Pontevedra CF B Categoría:Adestradores do Pontevedra CF Categoría:Adestradores do CD As Pontes Categoría:Adestradores do Celta de Vigo B Categoría:Adestradores do CD Ourense Categoría:Adestradores da Cultural Leonesa Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Adestradores do Rápido de Bouzas Categoría:Directores deportivos de fútbol de Galicia