Diego Mariño Villar, nado en Vigo o 9 de maio de 1990, é un futbolista galego, que xoga de porteiro no Albacete, da Segunda División.
Traxectoria
Comezos (1990-2004) Comezou a xogar ao fútbol en varios equipos vigueses como o Santa Mariña, o Rápido de Bouzas, o Sárdoma e o Areosa. Comezou a destacar na portería deste último, e en 2004 interesáronse por el os observadores do Villarreal, club que o fichou para a súa canteira.
Paso polo Villarreal (2004-2013) Pasou polas categorías inferiores do club amarelo e polo Villarreal C, e na tempada 2010/11 subiu ao Villarreal B, que militaba na Segunda División. Debutou na primeira xornada, contra o Real Valladolid no José Zorrilla, e foi titular durante 38 dos 42 partidos de liga no equipo de Javi Gracia. Repetiu como gardameta titular na seguinte campaña, que comezou con Molina no banco, pero o filial acabou perdendo a categoría a pesar de acabar 12º, arrastrado polo descenso do primeiro equipo.
Na tempada 2012/13 subiu ao primeiro equipo do Villarreal, pero disputou só dez encontros, sendo o gardameta titular Juan Carlos. O equipo logrou ese mesmo ano o ascenso, ao quedar segundo por detrás do Elche.
Real Valladolid (2013-2014) Na campaña seguinte (2013/14) fichou polo Valladolid, da Primeira División, asinando un contrato por cinco anos. Debutou na máxima categoría na primeira xornada, nun partido na casa contra o Athletic, que acabou en derrota por 1-2, sendo Susaeta o primeiro en marcarlle un gol. Baixo as ordes do adestrador Juan Ignacio disputou 28 partidos durante a campaña, na que o equipo acabou descendendo.
Levante (2014-2016) Para a seguinte tempada saíu cedido ao Levante, facendo efectiva unha cláusula do seu contrato que lle permitía unha cesión a un equipo de Primeira en caso de que o Valladolid descendese. Disputou 32 encontros no Levante, e ao remate da competición o club quedou co xogador en propiedade, despois de pagar o seu traspaso. Comezou a tempada 2015/16 como suplente do tamén galego Rubén Martínez, pero acabou facéndose coa titularidade trala 15ª xornada. Con todo, o equipo valenciano acabou descendendo, e Mariño foi traspasado ao Sporting de Gijón.
Sporting de Gijón (2016-2023) Na súa primeira tempada no Sporting, co equipo en Primeira, apenas dispuxo de minutos, sendo o gardameta titular o emeritense Iván Cuéllar. Fíxose coa titularidade no seu segundo ano en Xixón, tralo descenso a Segunda, e ocupou a portería do club durante o seguinte lustro, xogando preto de 200 partidos. Iniciou a tempada 2022/23 como o porteiro titular da meta asturiana, pero acabou perdendo o posto en favor de Cuéllar, e en xaneiro desvencellouse do club para fichar por un equipo de Primeira, o Almería.
Almería (2023-2024) No Almería reencontrouse con Rubi, adestrador que o dirixira anteriormente noutros tres clubs: Valladolid, Levante e Sporting. Con todo, apenas dispuxo de minutos no equipo andaluz, sendo Fernando o principal gardameta na 2022/23 e Luís Maximiano na 2023/24. Deixou o Almería no verán de 2024, ao remate do seu contrato e tralo descenso do equipo a Segunda.
Granada (2024-2025) En setembro de 2024 anunciouse a súa fichaxe polo Granada, que viña de descender á Segunda División. A súa incorporación realizouse debido á lesión de Luca Zidane e ás dúbidas do corpo técnico con Marc Martínez. Axiña se fixo coa titularidade e as súas actuacións axudaron a endereitar o rumbo do equipo, que destituíu ao seu primeiro adestrador xa trala sexta xornada. Con todo, a recuperación de Zidane en novembro relegouno ao banco de suplentes, no que se mantivo ata marzo, cando volveu aos onces iniciais de Escribá. Pechou a campaña cun total de 24 partidos oficiais.
Albacete (2025-) En xullo de 2025 fichou polo Albacete, da mesma categoría.miniatura|A cidade de Vigo ós seus atletas. Selección nacional Foi internacional en todas as categorías inferiores da selección española. Coa selección sub-17 chegou á final do Mundial de 2007 en Corea do Sur, mentres que coa sub-21 conquistou dúas Eurocopas, en 2011 e 2013, as dúas como suplente de David de Gea. En 2012 foi seleccionado para disputar os Xogos Olímpicos de Londres, onde estivo de novo como suplente de De Gea.
No 2016 representou a Galicia no partido amigable que a selección galega disputou contra Venezuela en Riazor, compartindo a portería co céltico Sergio Álvarez.
Palmarés Selección española sub-21
Eurocopa sub-21 (2): 2011, 2013.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en futbolme.com
Categoría:Nados en 1990 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Villarreal CF C Categoría:Xogadores do Villarreal CF B Categoría:Xogadores do Villarreal CF Categoría:Xogadores do Real Valladolid Categoría:Xogadores do Levante UD Categoría:Xogadores do Sporting de Gijón Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do Albacete Balompié Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-19 Categoría:Futbolistas olímpicos de Galicia Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 2012