Joaquín Salvador Lavado, máis coñecido como Quino, nado en Guaymallén, provincia de Mendoza (Arxentina), o 17 de xullo de 1932 e finado en Buenos Aires o 30 de setembro de 2020, foi un humorista gráfico arxentino. A súa obra máis famosa é a tira cómica de Mafalda, publicada entre 1964 e 1973.
Traxectoria Era fillo de emigrantes andaluces. Chamárono Quino desde pequeno para distinguilo do seu tío, o ilustrador Joaquín Tejón, que foi o que espertou nel a vocación de debuxante xa de novo. En 1945, trala morte da súa nai, empezou a estudar na Escola de Belas Artes de Mendoza. O seu pai morreu pouco despois, polo que abandonou a escola coa intención de converterse en autor de historietas cómicas. Intentou encontrar traballo nas editoriais porteñas, pero fracasou. Tras verse obrigado a facer o servizo militar, en 1954 estableceuse en Bos Aires en condicións paupérrimas.
Por fin logrou publicar a súa primeira páxina de humor no semanario Esto es. A partir de entón comezou a publicar noutros medios, como "Leoplán", TV guía, Vea y lea, Damas y damitas, Usted, Panorama, Adán, Atlántida, Che ou Democracia.
En 1954 comezou a publicar regularmente en Rico Tipo, seguindo en Tía Vicenta e Dr. Merengue. Ó pouco tempo comezou a facer debuxos publicitarios. Publicou o seu primeiro libro recompilatorio, Mundo Quino, en 1963. Logo diso encargáronlle unhas páxinas para unha campaña de publicidade, para as que creou a Mafalda. A campaña non se chegou a facer, pero gardou o personaxe. A primeira historia de Mafalda publicouse en Leoplán, e posteriormente apareceu regularmente no semanario Primera Plana. Entre 1965 e 1967 publicouse no xornal El Mundo, e axiña publicou o primeiro libro recompilatorio. Comezou a editarse en Italia, España (onde a censura obrigou a etiquetalo como "para adultos"), Portugal e outros países.
Tras abandonar a tira de Mafalda o 25 de xuño de 1973 ó ter as ideas esgotadas, transladouse a Milán, onde continuou traballando.
Temas Os protagonistas adoitan ser xente normal facendo a súa vida, aínda que Quino non renuncia a escenas surrealistas ou alegóricas (como policías botando valium nas bocas abertas de manifestantes) e ás reaccións caricaturescas.
Así, aínda que Mafalda aparenta ser unha tira máis con protagonista infantil, os seus contidos adoitan ser máis próximos e á vez adultos que outras tiras similares. Destaca, por exemplo, a preocupación de Mafalda pola política mundial, ou a obsesión de Manolito cos cartos. Malia todo, estes personaxes aínda poden ser vistos polos lectores como nenos reais con pais reais, e non como "adultos en corpos de neno".
O humor de Quino é tipicamente ácido e mesmo cínico, afondando con frecuencia na miseria e o absurdo da condición humana, sen límites de clase. Así, fan ó lector enfrontarse á burocracia, os erros da autoridade, as institucións inútiles, e a estreitura de miras. Acostuma usar as viñetas para enviar mensaxes de contido social ós lectores. Con frecuencia, os chistes buscan o sorriso como medio de enfrontarse á crúa realidade.
Este enfoque pesimista da realidade non impide que as historias estean cheas de tenrura e amosen unha fonda simpatía polas inocentes vítimas da vida (empregados, nenos, amas de casa, pensionistas, escuros artistas...), sen ocultar os seus fallos e limitacións. Pero incluso nas súas caricaturas de xefes opresivos e burócratas sen sentimentos atísbase certa simpatía, por ser á súa vez vítimas da súa propia estupidez.
A óptica de Quino é probablemente produto das vicisitudes da Arxentina nos últimos cuarenta anos. A súa mestura de pesimismo e humanismo é posiblemente unha das principais razóns do seu grande éxito en toda Latinoamérica.
Obras publicadas orixinalmente na Arxentina Mafalda Mafalda 1-10 Mafalda inédita 10 años con Mafalda Toda Mafalda Mafaldita
Humor Mundo Quino (1963) A mi no me grite (1972) Yo que usted... (1973) Bien, gracias, ¿y usted? (1976) Hombres de bolsillo (1977) A la buena mesa (1980) Ni arte ni parte (19 Déjenme inventar (1983) Quinoterapia (1985) Gente en su sitio (1986) Sí, cariño (1987) Potentes, prepotentes e impotentes (1989) Humano se nace (1991) Yo no fui (1994) Cuentecillos y otras alteraciones (1995, con textos de Jorge Timossi) ¡Que mala es la gente! (1996) ¡Cuánta bondad! (1999) Esto no es todo (2002, recompilación) ¡Qué presente impresentable! (2005) La Aventura de Comer (2007)
Series de animación Quinoscopios (1985), baseada nas súas ideas e debuxos. Mafalda (1993), serie de 104 capítulos dun minuto de duración.
Premios Palma de Ouro no Salón Internacional do Humorismo de Bordighera (1978); Debuxante do Ano (1982), concedido polos seus colegas; Konex de Platino das artes visuais - humor gráfico (1982 e 1992); Cidadán Ilustre e chave da cidade de Mendoza (1988); Gran premio internacional Max und Moritz do 3º Salón Internacional do Cómic de Erlangen (Alemaña, 1988); Placa de Prata da Asociación Madrileña de Empresarios de Restaurantes e Cafeterías (1997); Mestre de Arte pola Secretaría de Cultura do Goberno da Cidade de Bos Aires (1998); B'nai B'rith Dereitos Humanos (1998); Catedrático Honorífico do Humor pola Universidade de Alcalá de Henares (2000); Quevedos de Humor Gráfico (2000); Premio de caricatura La Catrina, outorgado pola Feria Internacional del Libro de Guadalajara en 2003. Cidadán Ilustre de Bos Aires en 2004. Cabaleiro da Orde de Isabel a Católica en 2005 Cidadán Ilustre de Guaymallén en 2005 Fundación Príncipe Claus para a Cultura e o Desenvolvemento da Haia en 2005 Doutor Honoris Causa pola Universidade Nacional de Córdoba en 2006 Premio Extremadura á Creación da mellor Traxectoria Artística de Autor Iberoamericano en 2007 Premio Konex - Mención á Traxectoria en 2012 Cabaleiro da Lexión de Honor da República Francesa 2014. Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades 2014 Maio de 2014: Mención de honor "Senador Domingo Faustino Sarmiento", outorgada polo Congreso da Nación Arxentina. Premio de honor "John Buscema: Amar el cómic" (2014) Orden al Mérito Artístico y Cultural Pablo Neruda de Chile, cerimonia encabezada pola presidenta Michelle Bachelet en xaneiro de 2015. Doutor Honoris Causa pola Universidade Nacional de Cuyo en 2019.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Mafalda (personaxe)
Ligazóns externas Páxina oficial "Quino, el humor libre", na páxina da Unesco Quino: "Me gusta la sopa" en BBC Mundo Un humor que nos hace más libres en El Arca
Categoría:Personalidades da banda deseñada Categoría:Nados en 1932 Categoría:Nados na provincia de Mendoza Categoría:Finados en 2020 Categoría:Premios Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades
