José Óscar Flores Bringas, máis coñecido como o Turu Flores, nado en Caseros (Buenos Aires) o 16 de maio de 1971, é un exfutbolista e adestrador arxentino. Xogaba de dianteiro e destacou especialmente no Vélez Sársfield, na UD Las Palmas e no Deportivo da Coruña. Co club arxentino marcou 56 goles entre 1991 e 1996 e gañou seis títulos, entre eles tres torneos da Primeira División, unha Copa Libertadores e unha Copa Intercontinental, sendo o máximo goleador do Clausura 1995. En 1996 foi traspasado ao Las Palmas, converténdose na fichaxe máis cara da historia da Segunda División, e marcou 44 goles en dúas tempadas. A continuación pasou ao Deportivo da Coruña, co que gañou a liga española de Primeira División na tempada 1999/00 e unha Supercopa de España, converténdose nun ídolo para os seareiros en gran medida grazas aos seus goles nos derbis contra o Celta de Vigo. Foi dúas veces internacional coa selección arxentina en 1994.
Trala súa retirada como xogador foi adestrador de Vélez, co que gañou a Supercopa da Arxentina, e de Defensa y Justicia. Dende 2018 traballa en diferentes funcións na UD Las Palmas.
Traxectoria
Inicios Naceu en Caseros, na provincia de Buenos Aires, xusto en fronte do campo de fútbol do Club Atlético Estudiantes, sendo o terceiro dos cinco fillos de José Flores e Elva. Seu pai tivo unha pequena tapicería de cadeiras e máis tarde traballou como camioneiro, mentres que súa nai era ama de casa. Provén dunha familia moi vencellada ao fútbol, pois un irmán de súa nai fora xogador entre outros de Ferro e San Lorenzo, mentres que os seus dous irmáns maiores xogaron en categorías inferiores.
Como futbolista
Vélez Comezou a xogar ao fútbol na canteira do propio Estudiantes de Caseros, ata que foi recrutado por Vélez Sársfield, club no que foi subindo polas diferentes categorías inferiores xogando sempre como defensa, ao tempo que traballaba como repartidor na empresa de doces Georgalos. Cando chegou ao equipo reserva, o adestrador Héctor Bentrón recolocouno como dianteiro, ao albiscar nel un gran manexo do balón e unhas destacadas saídas dende o fondo coa pelota xogada.
O 28 de abril de 1991 debutou co primeiro equipo de Vélez na Primeira División, nun partido ante Boca Juniors na Bombonera, da mano do adestrador Roberto Rogel. Coa chegada de Carlos Bianchi en 1993, asentouse na titularidade, formando unha letal dupla xunto a Omar Asad. Cun destacado grupo de xogadores, entre os que salientaban tamén José Luis Chilavert, Héctor Almandoz, Roberto Trotta, Christian Bassedas ou o Gallego González, o equipo proclamouse campión de liga despois de 25 anos de seca, ao conseguir o primeiro posto no Torneo Clausura.
No Apertura de 1993, Vélez quedou subcampión, a un só punto de River Plate, despois de que Bianchi priorizase a súa participación na Copa Libertadores. No torneo continental, o conxunto arxentino obtivo a primeira praza na fase de grupos e nos oitavos de final eliminou ao Defensor Sporting nunha quenda de penaltis na que o Turu anotou o lanzamento decisivo. Marcou nos cuartos de final ante o Minervén venezolano e sumou outros dous goles nas semifinais contra o Junior de Barranquilla. Foi titular nos dous encontros da final ante o São Paulo brasileiro, formando no ataque xunto a Omar Asad, e acabou conquistando o título no estadio do Morumbi.
Despois da mala actuación do equipo no Clausura 1994, Vélez recuperou as posicións altas da táboa no seguinte Torneo Apertura, no que acabou terceiro por detrás River e San Lorenzo. O 1 de decembro de 1994, o Turu foi un dos once titulares de Vélez que saltaron ao terreo de xogo do Estadio Nacional de Tokyo para disputar a Copa Intercontinental contra o campión europeo, o Milan de Fabio Capello, partido que concluíu co triunfo arxentino por 2-0. No Clausura 1995, Vélez repetiu na terceira posición, erixíndose o Turu Flores como o máximo goleador da competición con 14 tantos, 4 máis que os dous seguintes clasificados, Hugo Castillo e Darío Scotto. En abril de 1995 disputou tamén en Tokyo a Recopa Suramericana, caendo ante Independiente.
O 10 de decembro de 1995 realizou a actuación máis célebre da súa carreira deportiva, na penúltima xornada do Torneo Apertura ante Belgrano. Vélez chegaba como líder do campionato e nun ateigado estadio José Amalfitani o Turu Flores marcou os dous únicos goles do partido, deixando o título case sentenciado a favor do seu equipo. O segundo dos tantos, no que percorreu medio campo caneando a tres rivais, incluído o gardameta Labarre, antes de anotar, está considerado un dos mellores goles da historia do club.Vídeo do gol en YouTube
En febreiro de 1996 disputou a Copa Interamericana ante o Cartaginés costarriqueño, campión de CONCACAF, e foi o autor dos dous únicos tantos no partido de volta en Buenos Aires, dándolle o título ao seu equipo despois de que a ida en Cartago rematase sen goles. Culminou o seu paso por Vélez cun segundo título de liga consecutivo no Clausura 1996, converténdose o club no primeiro en gañar os dous certames dende a introdución dos torneos curtos. A continuación decidiu dar o salto ao fútbol europeo, despois de ter defendido a camisola do "Fortín" en 181 partidos, convertendo 9 tantos en torneos internacionais e 47 goles en campionatos nacionais.
Las Palmas O seu gran rendemento en Vélez espertou o interese de numerosos clubs e a grande estrela de Boca Juniors, Diego Armando Maradona, chegou a ameazar con deixar o club se non se contrataba ao Turu. Con todo, este tomou a sorprendente decisión de fichar pola UD Las Palmas, club que acababa de ascender á Segunda División española, e que pagou por el uns 550 millóns de pesetas, no que supuxo o maior desembolso económico feito por un club desa categoría ata entón. Debutou co club amarelo ás ordes de Pacuco Rosales o 8 de setembro, ante o Leganés no Estadio Insular, e once días despois marcou os seus primeiros dous goles en España, diante do Jaén na Copa do Rei. Catro días despois da súa estrea como goleador, anotou tamén os seus dous primeiros tantos na liga, ante o Albacete. Na súa primeira campaña no club canario formou no ataque xunto a Juan Carlos Valerón e Orlando Suárez e pechou a campaña cun total de 19 goles en 41 partidos, contribuíndo a que o equipo acadase as semifinais de Copa, onde caeu ante o Barcelona.
Na tempada 1997/98 aumentou a súa cifra goleadora ata os 25 goles en 40 encontros, anotando dous tripletes e rematando como segundo máximo goleador de Segunda, só por detrás de Igor Gluščević. Os seus goles foron esenciais para que o equipo dirixido por Mariano García Remón acadase a terceira praza, accedendo así á promoción de ascenso. Emparellado co Oviedo, que defendía a súa praza en Primeira, o equipo canario caeu derrotado por 3-0 no Carlos Tartiere, pero estivo a piques de igualar a eliminatoria en Gran Canaria, onde gañou 3-1. Aquel encontro de volta ante o Oviedo foi o derradeiro do Turu Flores co club canario, pois ese mesmo verán puxo rumbo a Galicia xunto a Manuel Pablo.
Deportivo da Coruña En xullo de 1998 foi traspasado xunto ao seu compañeiro Manuel Pablo ao Deportivo da Coruña, club que pagou polos xogadores uns 1.100 millóns de pesetas, nunha operación na que entrou tamén Renaldo, cedido ao club canario. Estreouse co club coruñés na Primeira División saíndo como titular nun derbi galego ante o Celta de Vigo en Balaídos, encontro que rematou sen goles. Marcou o seu primeiro tanto co Deportivo na cuarta xornada ante o Espanyol, pero comezou a destacar especialmente a partir de xaneiro, cando encadeou seis goles en cinco partidos consecutivos, entre eles tres goles en tres derbis diferentes ante o Celta de Vigo. No terceiro deles o seu gol na prórroga serviu para eliminar ao máximo rival da Copa do Rei en oitavos de final. Sumou ademais dúas dianas nunha goleada por 4-0 sobre o Real Madrid en Riazor. Completou a súa primeira campaña en Galicia cun total de 17 goles, sendo o máximo artilleiro do equipo por diante de Pauleta e Djalminha, e foi elixido polos lectores de DXT Campeón como o mellor xogador da tempada.
Na tempada 1999/00 a chegada de Roy Makaay provocou que o Turu contase con menos minutos de xogo, véndose reducidas tamén as súas cifras goleadoras. Con todo, foi quen de anotar oito goles, incluídos dous en senllos derbis contra o Celta e outros dous nunha nova goleada sobre o Real Madrid, desta vez por 5-2. Deste xeito contribuíu ao histórico título de liga do Deportivo, o primeiro e único dun club galego. Na seguinte campaña conquistou a Supercopa de España e debutou na Liga de Campións, competición na que disputou sete partidos, marcando un gol na vitoria por 1-3 sobre o Paris Saint-Germain no Parque dos Príncipes. Con todo, as fichaxes de Diego Tristán e Pandiani aumentaron notablemente a competencia no ataque coruñés, polo que os números de Turu Flores esa tempada reducíronse a 23 partidos, 12 deles como titular, e 1 gol. Non volveu vestir a camiseta do Deportivo, polo que o seu balance total co club foi de 109 partidos e 26 goles en tres tempadas. Deixou unha grande pegada entre a afección, especialmente polos seus goles diante do Celta de Vigo.
Cesión ao Valladolid En agosto de 2001, despois de negociar co Sporting de Lisboa e o River Plate, o Deportivo chegou a un acordo co Real Valladolid para a cesión do xogador, que ademais ampliou por dous anos o seu contrato co club galego. Grazas a este acordo, o Deportivo recibiu uns 100 millóns de pesetas pola cesión, ademais de aforrar o salario do xogador. Debutou co Valladolid na segunda xornada de liga ante o Valencia no José Zorrilla, saíndo de titular xunto a Tote. A pesar de ser a fichaxe estrela do equipo esa campaña, o seu rendemento estivo moi lonxe do esperado, o que sumado a problemas contratuais, fixo que no ecuador da competición acabase por quedar fóra dos plans do adestrador Pepe Moré. Pechou o seu paso por Pucela con 11 partidos e dous goles.
Mallorca De regreso na Coruña, realizou a pretempada de 2002 co Deportivo, pero sen entrar nos plans de Javier Irureta para a vindeira campaña. Finalmente, acabou sendo traspasado ao Mallorca, entrando na operación pola que Albert Luque recalou na Coruña e Pandiani foi cedido ao club balear. Máis tarde dixo sentirse enganado pola directiva do Mallorca, afirmando que o adestrador Gregorio Manzano non o quería no equipo e que só fora a peza necesaria para a venda de Luque. Así, apenas contou con oportunidades e non foi titular en ningún partido de liga, na que disputou só 170 minutos, os mesmos que na Copa do Rei. Nesta última competición o seu equipo proclamouse campión, pero o Turu non xogou máis aló do encontro de ida dos oitavos de final.
Ciudad de Murcia No 2003 fichou polo Ciudad de Murcia, que viña de ascender á Segunda DIvisión por primeira vez na súa historia. Comezou a tempada ás ordes de Juanma Lillo (ao que substituíron máis tarde Juanjo Enríquez e Zambrano) e disputou un total de 23 encontros, marcando un gol ante un dos seus antigos equipos, a UD Las Palmas, e dous máis contra o Málaga B, contribuíndo a lograr a permanencia.
Independiente Despois de oito anos de periplo europeo, en xullo de 2004 regresou á Arxentina para xogar en Independiente. Con Menotti como adestrador, disputou 19 partidos na Primeira División e marcou catro goles, pero desapareceu das aliñacións trala chegada de Pepé Santoro ao banco de Avellaneda.
Aldovisi Trala súa saída de Independiente, fichou brevemente por El Porvenir, da Primeira B Nacional. Con todo, non chegou a debutar co club adestrado por Alberto Pascutti e despois duns meses sen equipo, en decembro de 2005 ingresou no Aldovisi, ao que chegara pouco antes o propio Pascutti. Aínda que comezou pelexando polo título, os malos resultados levaron o equipo de Mar del Plata a loitar por non descender, obxectivo que conseguiron trala dimisión de Pascutti e a chegada de César Serradell.
Últimos anos