Frederica de Hannover, nada en Blankenburg, Alemaña o 18 de abril de 1917 e finada en Madrid o 6 de febreiro de 1981, foi a raíña consorte de Grecia desde 1947, logo de casar con Paulo I en 1938. Era princesa de Hannover e duquesa de Brunswick e Luneburgo. Foi a nai de Sofía de Grecia, raíña emérita de España.

Traxectoria Frederica naceu o 18 de abril de 1917 en Blankenburg, Harz, Alemaña. Filla de Ernesto Augusto III, Duque de Brunswick e da princesa Vitoria Luísa de Prusia, a única filla do emperador Guillerme II de Alemaña e Augusta Vitoria de Schleswig-Holstein.

Polo seu avó materno, Frederica era bisneta do emperador alemán Frederico III e de Vitoria de Saxonia Coburgo Gota. Como descendente do rei Xurxo III do Reino Unido, ela, no momento do seu nacemento, ocupaba o trixésimo cuarto posto na liña de sucesión ao trono británico.

250px|miniatura|esquerda|Os reis Paulo e Frederica de Grecia. 250px|esquerda|miniatura|Estandarte persoal da Raíña Frederica Casou co príncipe Paulo o 9 de xaneiro de 1938 en Atenas. Durante parte do seu matrimonio, residiron en Psychiko, un barrio residencial de Atenas. Dez meses logo da súa voda, o 2 de novembro de 1938, naceu o primeiro dos seus fillos; Sofía, futura Raíña de España. O 2 de xuño de 1940, naceu o seu fillo Constantino. Durante a segunda guerra mundial tiveron que emigrar a Creta e logo a Suráfrica, onde naceu a súa terceira filla, Irene, o 11 de maio de 1941. Posteriormente trasladáronse a Londres.

O 1 de setembro de 1946, Grecia decidiu mediante plebiscito restaurar ao rei Xurxo II no trono. Deste xeito Paulo e Frederica convertíanse en príncipes herdeiros. Un ano máis tarde, o 1 de abril de 1947, o rei Xurxo II morría, e Frederica e o seu marido ascendían ao trono.

Tras a guerra civil (1946-1949) os reis, en calidade representativa, loitaron por reconstruír un país empobrecido tras unha gran inestabilidade política. Naqueles anos, a raíña Frederica impulsou en todo o país a creación dunha rede de 53 orfanatos, para acoller a orfos e a nenos de familias empobrecidas e desestructuradas pola guerra civil, procedentes na súa maioría da rexión de Macedonia.

A principios dos anos 60, parte da opinión pública próxima á oposición empezou a reprochar á familia real os gastos suntuosos que a coroa orixinaba ao Estado, nun país cuxa recuperación económica aínda dependía en boa medida da axuda estranxeira. O rei morreu o 6 de marzo de 1964 e Frederica converteuse en raíña nai do seu fillo Constantino II. Durante o reinado do seu fillo, Frederica foi criticada en numerosas ocasións por inducir en exceso ao novo rei. En 1967, tras o golpe dos coroneis, Frederica fuxiu de Grecia xunto á familia real despois de que fracasase o contragolpe intentado por Constantino. Frederica instalouse en Roma e, posteriormente, a familia real trasladouse a Londres.

Logo da caída da ditadura e a restauración da democracia en 1974, o goberno provisional liderado por Konstandínos Karamanlís organizou un referendo a fin de que o pobo grego pronunciásese sobre a permanencia da monarquía. Constantino prometeu entón que se volvese reinar, mantería á súa nai afastada do país e da vida política. Os partidarios da república gañaron con ampla maioría (70%), e a familia real decidiu permanecer no exilio. Frederica, coa súa filla Irene, foise a vivir a Madrás, na India. Pasou longas tempadas en España, país onde reinaba desde 1975 a súa filla Sofía, sen chegar a vivir definitivamente en Madrid.

Frederica morreu o 6 de febreiro de 1981 en Madrid. Faleceu dun infarto masivo logo dunha operación por unhas acumulacións de colesterina nas pálpebras. Foi enterrada en Tatoi, en Grecia.El País. Os restos mortais da raíña Frederica serán enterrados na tumba familiar de Tatoi, en Grecia.

Notas

Frederica de Hannover Categoría:Nados en 1917 Categoría:Nados en Saxonia-Anhalt Categoría:Finados en 1981