A Declaración de Independencia dos Estados Unidos é un texto aprobado polo Congreso Continental dos Estados Unidos de América o 4 de xullo de 1776 no que se anuncia que as trece colonias que se atopaban naquel momento en guerra con Gran Bretaña pasaban a constituírse en estados independentes e deixaban, polo tanto, de formar parte do imperio británico.
Historia e características Redactada na súa maior parte por Thomas Jefferson, a Declaración é unha exposición formal das razóns polas que o Congreso votara a favor da independencia de Gran Bretaña o 2 de xullo, máis dun ano antes de que comezase a Revolución Americana. O nacemento dos Estados Unidos de América —Día da Independencia— celébrase o día 4 de xullo, data na que o Congreso aprobou o texto da Declaración.
Como xustificación da independencia dos Estados Unidos, o documento enumera as reivindicacións das colonias diante do rei Xurxo III e esixe o recoñecemento de certos dereitos naturais, entre os que figura o dereito a facer a revolución. Unha vez que cumpriu o seu cometido de anunciar a independencia, o texto caeu temporalmente no esquecemento tralo fin da guerra, pero foi cobrando relevancia co paso dos anos, sobre todo a súa segunda oración, que constitúe unha proclamación xeral dos dereitos humanos individuais e contén, a dicir dalgúns, “as verbas máis poderosas e importantes da historia dos Estados Unidos” Ellis, American Creation, 55–56.:
Unha vez completado o texto o día 4 de xullo, o Congreso deu a coñecer a Declaración de Independencia en varios formatos. Inicialmente imprimiuse nunha folla de papel de gran tamaño que se distribuíu e leu en público. A versión mellor coñecida, unha copia asinada que está considerada como a auténtica Declaración de Independencia, está exposta nos Arquivos Nacionais en Washington, D.C. Aínda que a aprobación do texto tivo lugar o 4 de xullo, a data da súa sinatura é obxecto de controversia. Para a maioría dos historiadores, isto aconteceu case un mes máis tarde, o día 2 de agosto de 1776, e non, como se adoita crer, o mesmo 4 de xullo. As fontes e a interpretación da Declaración levan dado lugar a abundantes investigacións académicas.
A miúdo, para protexer os dereitos de individuos e grupos marxinados, apélase ás palabras máis coñecidas da Declaración, que moitos consideran hoxe como a norma moral á que deben aspirar os Estados Unidos. Así o entendía Abraham Lincoln, que consideraba este texto como a base fundamental sobre a que se asentaba a súa filosofía política e sostiña que nel están contidos os principios que deben guiar a interpretación da Constitución de 1787.
Cando se aprobou a Declaración de Independencia en xullo de 1776, as trece colonias e Gran Bretaña levaban en guerra máis dun ano. As relacións entre ambas partes comezaran a deteriorarse en 1763, trala Guerra dos Sete Anos, cando o Parlamento Británico autorizou unha serie de medidas destinadas a incrementar os tributos procedentes das colonias, co fin de que estas contribuísen a liquidar a enorme débeda contraída polo goberno durante o conflito. Entendía o Parlamento que medidas tales como a Lei Stamp de 1765 ou as Leis Townshend de 1767 eran un medio lexítimo para forzar ás colonias a asumir parte do custo que supoñía a súa permanencia no Imperio. Para moitos colonos, en cambio, dado que os seus territorios carecían de representantes no Parlamento, este non tiña dereito a esixirlles o pago de impostos.
Esta discrepancia non era máis ca unha mostra das diferenzas de maior calado en torno á interpretación das leis británicas e a autoridade que posuía o Parlamento nas colonias. Desde a Revolución Gloriosa de 1688, a visión británica máis ortodoxa sostiña que o Parlamento era a autoridade suprema en todo o Imperio, polo que calquera das súas decisións era por forza constitucional. Nas colonias entendíase, porén, que as leis da metrópole recoñecían certos dereitos fundamentais que ningún goberno —nin tampouco o Parlamento— podía conculcar. Trala aprobación das Leis Townshend, algúns intelectuais mesmo comezaron a pór en dúbida que o Parlamento tivese xurisdición algunha nas colonias. Adiantándose aos acordos sobre os que se construiría moito despois a Commonwealth británica, autores como Samuel Adams, James Wilson ou Thomas Jefferson afirmaban que o Parlamento tiña poder unicamente en Gran Bretaña, e que as colonias, que contaban coas súas propias asembleas lexislativas, estaban só conectadas co resto do Imperio a través da súa lealdade á CoroaMiddlekauff, Glorious Cause, 241–42. Entre os escritos en cuestión figuran os seguintes: Considerations on the Authority of Parliament, de Wilson, "A Summary View of the Rights of British America", de Jefferson, (ambos de 1774) e a Circular de Massachusetts, de Samuel Adams (de 1768)..
O primeiro Congreso Continental A cuestión da autoridade parlamentaria nas colonias derivou en crise coa aprobación das denominadas leis de restrición (restraining acts, coñecidas popularmente nas colonias como intolerable acts, é dicir, leis intolerables) en 1774 co fin de castigar á provincia de Massachusetts polo motín do té, que tivera lugar en Boston en decembro de 1773. Moitos colonos consideraban que as leis de restrición constituían unha violación das leis británicas e unha ameaza para a liberdade da América británica, polo que en setembro de 1774 convocaron na cidade de Filadelfia o primeiro Congreso Continental co fin de dar unha resposta coordinada. As medidas que alí se acordaron, un boicot aos produtos ingleses e unha petición para que o rei derrogase as leis mencionadas, non tiveron ningún efecto sobre Xurxo III nin sobre o seu primeiro ministro, Lord North, decididos a non ceder nin un ápice na cuestión da supremacía do Parlamento. O propio rei exporía por escrito ao seu ministro a súa postura en novembro de 1774: “será a forza a que decida se seguen a estar sometidos a este país ou son independentes” Middlekauff, Glorious Cause, 168; Ferling, Leap in the Dark, 123–24.. Coa guerra xa comezada, en abril de 1775, a maioría dos colonos aínda conservaban a esperanza de reconciliarse con Gran Bretaña, e cando o segundo congreso continental se reuniu en Filadelfia en maio, algúns delegados confiaban na independencia final pero ningún propoñía declarala aínda abertamente. Moitos consideraban que o Parlamento perdera a súa autoridade sobre eles, pero mantíñanse leais ao Xurxo III e aínda confiaban que intercedería ao seu favor. Porén, cara a finais de ano, o rei rexeitou a segunda petición do Congreso, declarou as colonias en rebelión e o 26 de outubro anunciou diante do Parlamento que mesmo prevía aceptar axuda estranxeira para reprimir a revolta. Só algúns parlamentarios advertiron de que o goberno non lles estaba deixando aos colonos máis saída que a independencia.
Cara á independencia En xaneiro de 1776, ao tempo que os colonos se desenganaban da actitude do rei, Thomas Paine, un colono acabado de chegar de Inglaterra, publicou un panfleto titulado “Sentido común”, no que defendía a independencia e o republicanismo, fronte á monarquía e o poder hereditario. Aínda que non achegaba ideas novas e probablemente influíu pouco na postura do Congreso, tivo un enorme impacto na opinión pública e gañou moitos adeptos para a causa da independencia. A decisión do Parlamento de bloquear os portos americanos e declarar os navíos das colonias como inimigos e a confirmación de que o rei contratara mercenarios alemás para loitar contra os seus súbditos coloniais incrementaron definitivamente o apoio á causa. Malia o crecente apoio popular, o Congreso carecía de autoridade para declarar a independencia, dado que os representantes foran nomeados por trece gobernos diferentes en circunstancias moi dispares e con instrucións tamén moi diferentes, que nalgúns casos mesmo lles prohibían expresamente apoiar medidas conducentes á separación de Gran Bretaña. Os partidarios da independencia houberon de centrar a súa campaña política, entre abril e xullo de 1776, na revisión desas instrucións. Para que o Congreso puidese declarar a independencia, era necesario que unha maioría dos representantes tivese autorización para votar a favor, e polo menos unha das delegacións debería ter instrucións específicas para presentar a proposta no Congreso.
A revisión das instrucións dos representantes do Congreso Durante a campaña pola revisión das instrucións para os representantes, moitos americanos apoiaron a independencia por medio de declaracións estatais e locais. A historiadora Pauline Maier identificou máis de noventa destes textos feitos públicos nas trece colonias entre abril e xullo de 1776Maier, American Scripture, 48, e Apéndice A, que inclúe unha relación de declaracións estatais e locais.. Nalgúns casos tratábase de instrucións formais para os delegados, como, por exemplo, as Resolucións de Halifax, do 12 de abril, coas que Carolina do Norte se converteu no primeiro estado en autorizar o voto a favor da independencia. Outras eran acordos das asembleas lexislativas polos que se poñía fin oficialmente ao control británico en colonias concretas, como no caso de Rhode Island, o 4 de maio. Moitas eran declaracións de apoio adoptadas en consellos municipais ou comarcais. Algunhas outras, finalmente, tomaron a forma de instrucións xudiciais, como a emitida o 23 de abril polo Presidente do Tribunal Supremo William Henry Drayton, de Carolina do Sur: “a lei desta terra autorízame a declarar... que Xurxo Terceiro, rei da Gran Bretaña,...carece de autoridade sobre nós e que nós non lle debemos obediencia”Maier, American Scripture, 69–72, cita na páxina 72.. Na maior parte dos casos, estas declaracións quedaron eclipsadas pola aprobada polo Congreso o 4 de xullo.
O preámbulo do 15 de maio De acordo co procedemento habitual, o Congreso nomeou un comité para redactar un borrador do preámbulo no que se explicase a finalidade da resolución. O texto, escrito por John Adams, dicía que dado que o rei Xurxo non aceptaba a reconciliación e estaba mesmo a contratar a mercenarios para loitar contra as colonias, “é necesario suprimir por completo calquera forma de autoridade exercida ao amparo da citada coroa”. Todos entenderon o texto como unha invitación ao derrocamento dos gobernos de Pensilvania e Maryland, rexidas aínda como concesións comerciais. Tras varios días de debate, o 15 de maio o Congreso aprobou o preámbulo, a pesar do voto en contra de catro das colonias centrais e as protestas da delegación de Maryland, que abandonou a sesión. Así foi publicado o texto nas actas do Congreso Continental:
A resolución de Lee e o impulso definitivo