"Like a Rolling Stone" é unha canción de 1965 escrita polo músico e compositor estadounidense Bob Dylan.
Historia
Composición As súas letras xorden dun extenso texto que Dylan escribiu en xuño de 1965 cando retornou esgotado dunha xira de Inglaterra. O tema foi descrito como revolucionario na súa combinación de diferentes elementos musicais, o seu espírito xuvenil, o son da voz cínica de Dylan, e a franqueza da pregunta no coro: How does it feel? ("Como se sente?").
Acollida O tema de Dylan estivo bloqueado por Columbia Records porque os seus executivos non confiaban no seu éxito Foi desbloqueado pola compañía despois de permitir que o disc-jockey da discoteca Arthur, popular entre músicos e expertos da industria, reproducise unha das tomas gravadas e que os presentes a pedisen repetidamente. Ao día seguinte ducias das radios máis influentes do país estaban a solicitar copias. O 20 de xullo de 1965, "Like a Rolling Stone" foi lanzado como sinxelo, con "Gates of Eden" como cara B. Aínda que moitas emisoras de radio se mostraron reticentes a emitir a canción enteira, a demanda pública obrigou máis tarde a reproducila deste xeito.
A pesar da súa duración, a canción converteuse no maior éxito de Dylan da época e mantívose nas listas estadounidenses durante doce semanas, chegando ao número dous, só superada por "Help!» da banda británica The Beatles. O sinxelo alcanzou a súa posición máxima de segundo lugar varias semanas despois de ser lanzado noutros países, como o Canadá, Irlanda, os Países Baixos e o Reino Unido.
Nunha poxa, a letra da canción, obtivo uns 2 millóns de dólares, un récord mundial. Segundo Acclaimed Music, «Like a Rolling Stone» é a canción máis eloxiada da historia. A revista Rolling Stone nomeouna a mellor canción de todos os tempos.
En 1966, Dylan dixo: "Rolling Stone é a mellor canción que escribín".
Créditos
Bob Dylan: voz, guitarra eléctrica, harmónica Mike Bloomfield: guitarra eléctrica Bruce Langhorne: pandeireta Al Kooper: órgano Hammond Frank Owens: piano preparado Joe Macho, Jr.: baixo eléctrico Bobby Gregg: batería
Vídeo musical En novembro de 2013, 48 anos despois do lanzamento da canción, o sitio web de Dylan lanzou un vídeo musical oficial de "Like a Rolling Stone". Creado pola axencia dixital Interlude, o vídeo é interactivo e permite aos espectadores usar os seus teclados para ver 16 canles que emiten imaxes en formato de televisión, incluíndo programas de xogos, redes comerciais e reality shows. A xente de cada canle sincroniza os seus beizos coa letra da canción. Todo o vídeo contén 1 hora e 15 minutos de contido e presenta aparicións de personaxes da industria do entretemento. O vídeo presentouse para dar a coñecer o lanzamento dun conxunto de 35 caixas de álbums, Bob Dylan: The Complete Colection, vol. 1, que contén os 35 álbums de estudo oficiais do músico e 11 álbums en directo. O Guinness World Records citou esta como a espera máis longa para un vídeo musical oficial.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Gill, Andy (1998). Classic Bob Dylan 1962-69: My Back Pages. Carlton. ISBN 3-283-00358-0. Irwin, Colin (2008). Bob Dylan Highway 61 Revisited. Flame Tree Publishing. ISBN 0-8230-8398-5. Marcus, Greil (2005). Like a Rolling Stone: Bob Dylan at the Crossroads. PublicAffairs. ISBN 1-58648-382-X.
Categoría:Cancións de Bob Dylan Categoría:Cancións en lingua inglesa