Iago Beceiro Pereiro, nado na Coruña o 15 de marzo de 1993, é un futbolista galego. Xoga de dianteiro no AGS Soriano de Calabria, Italia.

Traxectoria Nado na Coruña, criouse no Temple e comezou a destacar nas categorías inferiores do Imperátor, entrando no 2003 na canteira do Deportivo da Coruña. Comezou no equipo alevín, pasando logo polo cadete e o xuvenil, proclamándose con este último campión da División de Honra na tempada 2009/10.

Na tempada 2009/10 xogou un encontro co Fabril na Terceira División, contra o Somozas, mentres que na seguinte campaña, xa en Segunda División B, disputou catro partidos co filial. Tras ter xogado só 30 minutos en dous partidos co Fabril, debutou con 17 anos e 311 días co primeiro equipo do Deportivo, nun partido de Copa do Rei contra a UD Almería, no que entrou na segunda parte como substituto de Pablo Álvarez.

Xogou unha tempada máis no Fabril ata que no 2012 foi descartado polo adestrador José Luis Devesa debido á súa falta de disciplina. Anunciou entón que rescindía o seu contrato e firmaba polo FC Karpaty Lviv de Ucraína, onde xogaba o tamén coruñés Lucas Pérez, co que compartía representante. Con todo, pouco despois, Lucas foi cedido ao Dynamo de Kíiv, e Beceiro recalou tamén na capital ucraína para probar co filial.

Regresou poucas semanas despois a Galicia, onde firmou polo Verín CF, de Preferente Autonónimca, até o final da campaña. Para a tempada seguinte regresou ao Fabril, co que xogou media tempada antes de volver rescindir o seu contrato en xaneiro de 2014. A continuación pasou polo Caudal asturiano e polo Somozas, nos que apenas contou con minutos.

A súa progresión futbolística vírase truncada debido á súa vida de excesos e descontrol, polo que o presidente do Verín, José Manuel Zubiela, accedeu a fichar de novo ao futbolista coa condición de que tanto el como o seu compañeiro Sergito, en condicións semellantes, vivisen na súa casa, para tentar reconducir as súas vidas. Anotou 17 goles esa tempada e foi un dos artífices do ascenso do club á Terceira División.

O seu bo rendemento e os 7 goles na primeira parte da seguinte tempada, fixeron que en xaneiro de 2016 o contratase a Ponferradina, que o cedeu inmediatamente ao Atlético Astorga, da Segunda B. Os seus números non foron tan bos no equipo maragato, nin tampouco na tempada seguinte, na que xogou cedido no Navalcarnero e no Barco. No verán de 2017 fichou polo Arousa, da Terceira División. Disputou 16 partidos, nos que logrou un só gol, e foi despedido en xaneiro, despois de faltar a varios adestramentos e non comunicarse co club.

A continuación fichou polo Ourense CF, tamén da Terceira División, no que xogou o que restaba de tempada e outra máis, marcando 6 goles en 32 partidos. Nas seguintes dúas campañas xogou no Tropezón e no Formentera, ámbolos dous de Terceira, e en 2021 fichou polo Laredo, da Segunda División RFEF. Xogou unha tempada no club cántabro, sendo o máximo goleador do equipo con 12 goles en 32 partidos.

En xuño de 2022 fichou polo Alzira, da mesma categoría, onde marcou un gol en 21 partidos. No mercado invernal cambiou novamente de equipo, regresando ao fútbol galego para fichar polo Bergantiños, tamén da Segunda Federación, co que xogou dez encontros ata o remate da tempada.

No verán de 2023 saíu de novo ao estranxeiro para asinar como novo xogador do ReggioRavagnese, da Serie D italiana. Na súa estancia no Reggio de Calabria rendeu a un gran nivel, sendo o xogador de campo máis utilizado polo adestrador, así como o máximo goleador do equipo. Con todo, o seu contrato foi rescindido en xaneiro de 2024, cando era o segundo máximo goleador do campionato, argumentando o club un incumprimento das condicións pactadas. A continuación puxo rumbo a Panamá, onde xogou uns meses no UMECIT, da Primeira División.

En outubro de 2024 regresou a Calabria para militar no AGS Soriano.

Selección española Foi internacional coa selección española sub-17 en dúas ocasións no ano 2009.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en ceroacero.es "Iago Beceiro: adiós a un jugador peculiar" en Depor Sport

Categoría:Nados en 1993 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do FC Karpaty Lviv Categoría:Xogadores do Verín CF Categoría:Xogadores do Caudal Deportivo Categoría:Xogadores da UD Somozas Categoría:Xogadores da SD Ponferradina Categoría:Xogadores do Atlético Astorga FC Categoría:Xogadores do CDA Navalcarnero Categoría:Xogadores do CD Barco Categoría:Xogadores do Arosa SC Categoría:Xogadores do Ourense CF Categoría:Xogadores do CD Tropezón Categoría:Xogadores da SD Formentera Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-17