miniatura|dereita|A alcohol deshidroxenase (ADH) é un exemplo de oxidorredutase, que intervén na interconversión de alcohois, aldehidos e cetonas. Na figura a ADH5 humana. Unha oxidorredutase é un encima que cataliza a transferencia de electróns desde unha molécula doante (o axente redutor) a outra aceptora (o axente oxidante). Son, por tanto, reaccións de óxido-redución nas que á vez que unha das substancias se oxida a outra redúcese. Por exemplo, un encima que catalizase esta reacción sería unha oxidorredutase:
A– + B → A + B–
No exemplo, A é o redutor ou doante de electróns e B é o oxidante ou aceptor.
Porén, no metabolismo celular as reaccións de oxidorredución poden ser menos evidentes; consisten na redución ou oxidación de grupos funcionais, e adoitan implicar a coencimas que tamén cambian o seu estado redox, como poden ser os pares NADH/NAD+, NADPH/NADP+, FAD/FADH2 ou FMN/FMNH2. Os coencimas actúan como intermediarios entre A e B na oxidorredución. A oxidación pode facerse por perda dun electrón ou por perda de átomos de hidróxeno. Por exemplo:
Pi + gliceraldehido-3-fosfato + NAD+ → NADH + H+ + 1,3-bisfosfoglicerato
Nesta reacción, NAD+ é o oxidante ou aceptor de electróns, e o gliceraldehido-3-fosfato, o redutor ou doante de electróns.
Nomenclatura
Os nomes oficiais das oxidorredutases están formados por "doante:aceptor + oxidorredutase"; porén, son son máis frecuentes outros nomes. O máis común é un nome formado por "doante + deshidroxenase", como na gliceraldehido-3-fosfato deshidroxenase (o encima da segunda reacción de máis arriba). Outras veces os nomes comúns son do tipo "aceptor + redutase", como na NAD+ redutase. Un caso especial é "doante + oxidase" no que o O2 é o aceptor.
Clasificación
As oxidorredutases clasifícanse na categoría EC1 segundo o número EC usado na clasificación dos encimas polo Comité de Nomenclatura da Unión Internacional de Bioquímica e Bioloxía Molecular. Distínguense as seguintes clases:
EC 1.1. Encimas que actúan con grupos CH-OH como doantes (alcohol oxidorredutases). EC 1.2. Os que actúan con grupos aldehido ou cetona como doantes. EC 1.3. Os que actúan con grupos CH-CH como doantes. EC 1.4. Encimas que actúan con grupos CH-NH2 como doantes (aminoácido oxidorredutases, monoaminooxidases). EC 1.5. Comprende os que actúan con grupos CH-NH como doantes. EC 1.6. Inclúe os que actúan co NADH ou NADPH. EC 1.7. Encimas que actúan con outros compostos nitroxenados como doantes. EC 1.8. Os que actúan con grupos de xofre como doantes. EC 1.9. Encimas que actúan con grupos hemo como doantes. EC 1.10. Os que actúan con algún difenol ou compostos relacionados como doantes. EC 1.11. Inclúe as peroxidases. EC 1.12. Comprende os que actúan con hidróxeno como doante. EC 1.13. Inclúe os que actúan cun doante coa incorporación de osíxeno molecular (osixenases). EC 1.14. Os que actúan con dous doantes coa incorporación ou redución de osíxeno molecular. EC 1.15. Os que actúan con superóxido como aceptor. EC 1.16. Encimas que actúan oxidando ións metálicos. EC 1.17. Encimas que actúan en grupos CH ou CH2. EC 1.18. Os que actúan con proteínas de ferro-xofre como doantes. EC 1.19. Os que actúan con flavodoxina reducida como doante. EC 1.20. Os que actúan con fósforo ou arsénico como doante. EC 1.21. Encimas que actúan en enlaces x-H e y-H para formar un enlace x-y. EC 1.97. Outras oxidorredutases.
Véxase tamén Ligazóns externas EC 1 Introduction do Departmento de Química do Queen Mary, Universidade de Londres.
Categoría:Oxidorredutases