O termo fórmula pode referirse a:
Na linguaxe común: Fórmula é a síntese dun razoamento, e non un subterfuxio para non razoar en xeral. Tamén pode aplicarse á maneira apropiada para realizar certas cousas (p.ex.: aínda non din coa fórmula para manter aos alumnos calados na clase). Así mesmo, tamén se denomina así a unha forma establecida ou consagrada polo uso para expresar ou realizar unha cousa. P. ex.: O tratamento de vostede é unha fórmula de cortesía. Fórmula, nota na que se enumeran os ingredientes cos que se debe compoñer unha cousa, indicando ou non o modo de facela. Cando se indica a forma de facela, adoita chamarse receita de cociña. P. ex.: Nos envases dos alimentos preparados debe figurar, por lei, a fórmula cualitativa dos ingredientes, por orde de maior a menor das cantidades empregadas na súa elaboración (nas etiquetas vai precedida da palabra ingredientes).
En lóxica: fórmula é unha frase, construída segundo as regras gramaticais dunha determinada linguaxe formal, respecto de obxectos do universo de discurso.
En matemáticas e ciencias naturais, é unha representación simbólica de información:
En matemáticas: Fórmula é unha expresión alxébrica que relaciona variábeis ou cantidades relacionadas entre si. P. ex.: a fórmula da lonxitude dunha circunferencia é L=2πR. Fórmula xeral dun conxunto de solucións dunha ecuación, é a expresión matemática que engloba todas as solucións.
En química: Fórmula química, expresión, mediante símbolos químicos e números, da composición dunha especie química. P. ex.: a fórmula da auga é H2O. Pode ser: Fórmula empírica, ou fórmula molecular, fórmula química na que se indica unicamente a composición da especie química, é dicir, o número de átomos de cada clase que intervén na constitución das súas moléculas. P. ex.: a fórmula empírica da glicosa é C6H12O6. Fórmula semidesenvolvida, fórmula química na que se expresan as agrupacións de átomos que constitúen a molécula, e os enlaces característicos da mesma. (Úsase sobre todo en química orgánica). P. ex.: a fórmula semidesenvolvida do ácido acético é CH3─COOH. Fórmula desenvolvida, fórmula química na que, ademais de sinalar o número de átomos que interveñen nunha especie química, indica como estes átomos están unidos entre si. P. ex.: a fórmula desenvolvida do dióxido de carbono é O=C=O. Fórmula espacial ou fórmula estereoquímica, fórmula química que expresa o número de átomos que constitúen a molécula dunha substancia, que átomo está unido a que outro ou outros, os tipos de enlaces que interveñen e as posicións relativas dos átomos no espazo. (A xeometría da molécula exprésase mediante diagramas en 2D ou 3D). Cf. Fórmula estrutural. Fórmula estrutural, fórmula química na que se expresa o número de átomos de cada elemento que constitúen a molécula dunha substancia, que átomo está unido a que outro ou outros e con que tipo de enlaces. Cf. Fórmula espacial Fórmula de vant’Hoff, en química orgánica, expresión que establece que o número de estereoisómeros dunha molécula dun glícido é igual a 2n, sendo n o número de átomos de carbono asimétricos da mesma.
En anatomía e zooloxía: Fórmula dentaria, fórmula que expresa o número e clase de dentes de cada especie de mamífero e do home, por hemimandíbula superior e inferior. P. ex.: a fórmula dentaria humana é 2.1.2.3 / 2.1.2.3. Fórmula vertebral, expresión mediante símbolos e números do número de vértebras do home ou de calquera animal vertebrado. P. ex.: no home á fórmula vertebral é C7D12L5S5C4 = 33, na que o primeiro C indica cervicais; D, dorsais; L, lumbares; S, sacras, e o último C, coccíxeas.
En botánica: Fórmula floral, conxunto ordenado de signos, letras e cifras que indican abreviadamente a estrutura dunha flor.
En medicina e farmacia: Fórmula maxistral ou, simplemente fórmula, é unha fórmula confeccionada polo médico para un enfermo determinado, na que se enumeran o conxunto de compoñentes, indicando as súas cantidades, dun medicamento, e que se prepara nunha oficina de farmacia, en oposición aos medicamentos específicos, que se preparan en laboratorios farmacéuticos especializados.
En hematoloxía: Fórmula citolóxica, proporción e número respectivo dos diversos elementos que figuran nun líquido normal ou patolóxico. P. ex.: Fórmula leucocitaria. Fórmula de Arneth, fórmula citolóxica resultante dunha clasificación dos leucocitos polinucleares neutrófilos segundo o número de lóbulos nucleares, que demostra que, normalmente, os máis dos polinucleares teñen un núcleo con dous ou tres lóbulos. Fórmula leucocitaria, expresión da proporción existente entre as diferentes variedades de leucocitos.
En crisatalografía: Fórmula de Bragg, relación entre o ángulo de incidencia, a distancia entre os planos reticulares dun cristal e a lonxitude de onda dos raios X, para que estes se reflictan naquel.
En xenética: Fórmula cromosómica, expresión abreviada da constitución cromosómica dun núcleo diploide, na que se indica o número e a forma dos cromosomas emparellados. Fórmula xenética, expresión do xenotipo mediante letras maiúsculas e minúsculas representativas dos xenes; as letras iguais representan caracteres alelomórficos, indicando a maiúscula o dominante (de o haber) e a minúscula o recesivo.
Outros usos: Distintos monoplazas (un tipo de automóbil de carreiras), tales como a Fórmula 1, a Fórmula 3000 e a Fórmula 3. Fórmula (romana). Fórmula ben formada, unha cadea de caracteres nunha linguaxe formal, construída correctamente segundo as regras gramaticais. FormulaTV''', portal de Internet sobre o mundo da televisión.