William Sabino Huapaya Agüero, nado en Lima o 30 de decembro de 1958, é un exfutbolista peruano, que xogaba de extremo.

Traxectoria Nacido no distrito de La Victoria de Lima, comezou a xogar ao fútbol en varios equipos infantís e xuvenís como o Club Sport Misti, o Defensor Lima e o Municipal de Barranca, antes de ingresar no Juventud La Palma de Huacho. Co primeiro equipo de Juventud proclamouse campión da Copa Perú no ano 1978. As súas boas actuacións propiciaron a súa fichaxe polo Alianza Lima, o equipo máis laureado do país por aquel entón. Xogou durante catro anos e medio no equipo limeño, disputando dúas edicións da Copa Libertadores (1979 e 1983).

En abril de 1983 fichou polo Deportivo da Coruña, da Segunda División de España, ao que chegou recomendado por Montalvo, antigo xogador e único peruano que vestira anteriormente a camiseta do club galego. Debutou na Copa da Liga de Segunda, marcando un gol en cada un dos seus dous primeiros partidos, ambos ante o Oviedo. Xogou un total de cinco partidos durante o torneo, todos como titular, incluído o encontro de volta da final que o seu equipo perdeu fronte ao Atlético Madrileño.

Con todo, as súas dificultades para adaptarse ao clima de Galicia e ao ritmo do fútbol europeo, fixeron que o seu rendemento estivese por debaixo do agardado na tempada 1983/84, na que disputou 13 partidos de liga, só 4 deles como titular, anotando un gol ante o Castellón. Xogou ademais tres partidos da Copa do Rei e cinco da Copa da Liga, anotando nesta última o seu derradeiro gol co Deportivo, fronte ao Bilbao Athletic. O seu paso pola Coruña deixou unha célebre frase coa que tentaba explicar a Arsenio o seu baixo rendemento. Afirmaba estar "moi esixido" ("muy exigido "en castelán), expresión que o histórico adestrador citou en numerosas ocasións ao longo da súa carreira. Deixou o Deportivo en xullo de 1984, despois dun total de 26 partidos e 4 goles.

Aínda que tiña intención de ir xogar a Francia, acabou na selva amazónica, onde fichou polo CNI de Iquitos, club no que militou dous anos. Posteriormente pasou polo Deportivo Municipal e o Defensor Lima, onde pechou a súa carreira en 1988, despois de lograr o ascenso á Primeira División.

Trala súa retirada traballou como preparador físico e axudante do adestrador Hugo Sotil. En 2006 instalouse no barrio madrileño de Vallecas, onde pasou a traballar nunha axencia de viaxes.

Palmarés Juventud La Palma Copa Perú (1): 1978.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com

Categoría:Nados en 1958 Categoría:Nados en Lima Categoría:Futbolistas do Perú Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Alianza Lima Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Defensor Lima