Ostalgie é un termo alemán usado para referirse á nostalxia da vida en tempos da antiga República Democrática Alemá. É un acrónimo das palabras Ost (Leste) e Nostalgie (nostalxia).

Tras a caída do Muro de Berlín en 1989 e a Reunificación alemá o ano seguinte, a maior parte dos recordos da etapa socialista foron eliminados, ao tempo que os cidadáns da RDA se integraban no sistema económico e cultural occidental. Ao principio, as marcas de produtos da RDA desapareceron das tendas para ser substituídas por marcas occidentais, con independencia da calidade duns e doutros. Porén, segundo pasaba o tempo, algúns alemáns do Leste comezaron a sentir nostalxia de certos aspectos das súas vidas durante a época socialista que xa non existían baixo o capitalismo. En concreto, a Ostalgie se refírese á nostalxia de aspectos da cultura e do día a día da RDA que desapareceron tras a Reunificación.

Porén, moitos alemáns dos dous lados da fronteira negan a existencia destas divisións culturais. Mentres, moitos negocios en Alemaña decatáronse do potencial deste movemento e comezaron a comercializar produtos que recordan o antigo réxime ou que imitan os produtos da época. Por exemplo, na actualidade é posible adquirir alimentos de marcas da Alemaña Oriental que xa desapareceran, obter vídeos e DVD de programas da televisión pública socialista e mercar coches das marcas Wartburg e Trabant. Ademais, o tema tratouse hai pouco tempo en numerosas películas, como Sonnenallee (1999) de Leander Haußmann, a exitosa Good bye, Lenin! (2003) de Wolfgang Becker e Kleinruppin forever (2004) de Carsten Fiebeler.

O termo Ostalgie (xunto con soviet chic) usouse ás veces para referirse á nostalxia de sistemas socialistas doutros países da Europa do Leste, sobre todo Polonia e a antiga URSS.

Véxase tamén Outros artigos Iugonostalxia: Fenómeno similar na antiga República Federal Socialista de Iugoslavia

Vita-Cola: Coca-Cola da RDA. Exemplo de produto revivido recentemente. Ampelmännchen: "mascota" da Ostalgie, silueta dos pasos de peóns da RDA Good Bye, Lenin!: película que mostra a repercusión da caída do Muro nunha pequena familia. Trabant: coche da RDA producido até 1991; para algúns, toda unha icona da Alemaña do Leste.

Bibliografía

Categoría:República Democrática Alemá Categoría:Socialismo Categoría:Socioloxía