O cromosoma artificial bacteriano (CAB ou, en inglés, BAC) é un vector de clonación usado para clonar fragmentos de ADN (de 100 a 300 kb de tamaño; como media 150 kb) na bacteria Escherichia coli, creado a partir do plásmido factor F encontrado de modo natural na mencionada bacteria.
É un dos tipos de vectores de clonación coñecidos como "vectores de alta capacidade", entre os que ademais se inclúen os cósmidos, PACs (cromosoma artificial derivado do ADN do bacteriófago P1) e YACs (cromosoma artificial de lévedo), por contraposición cos "vectores de baixa capacidade", como plásmidos, vectores derivados do fago lambda, faxémidos e fósmidos.
Os cromosomas artificiais bacterianos son moi utilizados como vectores de clonación para a construción de xenotecas (bibliotecas xenómicas), como no Proxecto Xenoma Humano. A súa frecuente utilización débese á súa notable capacidade, grande estabilidade e baixa porcentaxe de quimerismo. Tamén se usan no estudo de enfermidades hereditarias e para a clonación de xenomas de axentes infecciosos como virus.
Dado o gran tamaño dos CAB (ou BAC) recombinantes, as estratexias para a súa introdución na célula máis eficientes son as que utilizan a electroporación (aplícanse correntes eléctricas á membrana celular para que se formen poros que permitan o paso de substancias).
Un cromosoma artificial bacteriano típico consta de: OriS: orixe de replicación do factor F repE: control da replicación do plásmido parA, B, C: control da replicación CMr: cloranfenicol acetil-transferase (CAT) (xene de resistencia ao cloranfenicol) LacZ’: xene cun polilinker (que contén múltiples sitios de restrición) no seu interior. Utilízase para o ensaio de alfa-complementación.
Procedemento de clonación Para realizar a clonación dun xene hai que seguir o seguinte procedemento: a) Córtase o vector co encima de restrición HindIII para abrir o plásmido e facelo lineal. b) Desfosforílanse os extremos 5’ do vector para evitar a autoligación. c) Dixírese a nosa mostra con HindIII ou outro encima compatible. Selecciónanse os fragmentos segundo o seu tamaño por electroforese e purifícanse. d) Lévase a cabo a reacción de ligación. e) Transfírense os vectores a unha célula por electroporación. f) Selección dos clons nun medio con cloranfenicol e X-gal. Son positivos os que sobreviven en cloranfenicol e carecen de actividade de beta-galactosidase.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Biblioteca BAC The Big Bad BAC: Bacterial Artificial Chromosomes — a review from the Science Creative Quarterly Empire Genomics (compañía que vende clons de BAC de librarías xenómicas) Amplicon Express (compañía que fabrica bibliotecas de BAC personalizadas)
Outros artigos Cromosoma artificial humano (CAH ou HAC) Cromosoma artificial de lévedos (YAC)
Categoría:Biotecnoloxía Categoría:Cromosomas