Evencio Ferrero Rodríguez, nado en Carballo o 28 de xuño de 1955, é un mestre e político galego que dende o 2003 é alcalde desta localidade polo Bloque Nacionalista Galego.

Traxectoria Formou parte da corporación municipal do concello de Carballo dende as eleccións municipais de 1979. Foi fundador da Asociación de Veciños de Carballo, da Asociación Cultural Lumieira e da Asociación Deportiva Xiria, amais é socio da Asociación Antidroga Vieiro dende a súa fundación.

Ferrero formou parte do Consello Nacional do BNG a finais da década de 1980 e durante toda a década seguinte, e da Comisión Permanente do BNG, sendo responsable institucional da política municipal dende 1990 ata 1996. É membro do Consello Federal da Federación Galega de Municipios e Provincias, membro do consello de administración de Xestur Coruña, e foi conselleiro xeral da entidade Caixa Galicia. Forma parte do Consello Escolar de Galiza e do Consello Galego de Inmigración, representando os concellos galegos e da Comisión Negociadora para o Pacto Local na área de Sanidade. É presidente da Fundación Comarcal de Bergantiños, da que forman parte os concellos da comarca.

No 2003 Ferrero accedeu á alcaldía de Carballo co apoio do Centro Democrático Independiente e o PSdeG-PSOE, poñendo fin a tres lexislaturas de mandato de Manuel Varela Rey (PPdeG). Nas eleccións municipais do 2007 conseguiu manter a alcaldía experimentando un crecemento no número de votos e apoiado polo PSdeG. Nos comicios municipais celebrados o 22 de maio do 2011 quedou a un concelleiro de acadar a maioría absoluta, pasando a gobernar en minoría trala negativa do PSdeG a formar de novo parte do goberno. Nas eleccións do ano 2015 alcanza a súa primeira maioría absoluta, con 11 concelleiros. Nese mandato foi vicepresidente segundo da FEGAMP. Nas eleccións de 2019 reforzou a súa maioría absoluta cun concelleiro máis, chegando a 12Concello de Carballo na FEGAMP. En 2023 revalidou novamente a alcaldía con maioría absoluta, subindo ata 13 concelleiros. Dous anos máis tarde, á metade do seu mandato, dimitiu e deixoulle o asento de alcalde a Daniel Pérez, daquela deputado no Parlamento de Galicia.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Carballo

Ligazóns externas Información sobre Evencio Ferrero en galegos.info

Categoría:Alcaldes de Carballo Categoría:Alcaldes de Galicia polo BNG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Carballo Categoría:Nados en 1955 Categoría:Políticos do BNG