Eva Anna Paula Hitler, nada co apelido Braun en Múnic o 6 de febreiro de 1912 e finada en Berlín o 30 de abril de 1945, foi a amante de Adolf Hitler e, durante menos de 40 horas, a súa dona.

Traxectoria Filla de Friedrich Braun, mestre de escola, e Franziska Kronberger, modista, educouse nun colexio de monxas e era amante do deporte, en especial do atletismo. En 1929 entrou a traballar na tenda de fotos de Heinrich Hoffman (o fotógrafo oficial do Partido Nazi) e en outubro dese mesmo ano coñeceu a Adolf Hitler. A relación entre Eva Braun e Hitler, levouse con total discreción e segredo.

Tralo suicidio de Geli Raubal (a filla da medio irmá de Hitler), en 1931 intensificouse a relación, aínda que tamén mantivo outras relacións, como a da actriz Renate Müller.

Para chamar a atención de Hitler, ocupado na preparación das eleccións do 6 de novembro de 1933, o 1 de novembro Eva Braun disparouse un tiro no pescozo. O 29 de maio de 1935, por temor a que Hitler a abandonase, realizou a súa segunda tentativa de suicidio, coa inxestión de 35 pílulas para durmir. Tras este intento marchou a vivir coa súa irmá a unha casa alugada, deixou a tenda e finalmente Hitler mercoulle unha casa nun suburbio próximo a Múnic. A relación intensificouse e comezou a acudir a Berghoff, a residencia de descanso de Hitler: alí afeccionouse a rodar filmes caseiros, entre eles algúns dos primeiros en cor rodados en Alemaña.

A comezos de abril de 1945 uniuse a Hitler no búnker da chancelaría, rexeitou marchar en avión e decidiu permanecer con Hitler ata o final. Na noite do 28 ao 29 de abril casa con Adolf Hitler. O 30 de abril suicidouse xunto a Hitler e o persoal do búnker queima os corpos.

Categoría:Personalidades da segunda guerra mundial Categoría:Personalidades do Terceiro Reich Categoría:Nados en Múnic Categoría:Nados en 1912 Categoría:Finados en 1945 Categoría:Suicidios en 1945 Categoría:Suicidas de Alemaña